lunes, 4 de junio de 2012

Eterno feminino, Newton. Faro de Vigo 31.5.2012




Eterno feminino por Helmut Newton.
O fotógrafo Helmut Newton (1920-2004)é suxeito de dúas exposicións retrospectivas que repasan episodios diversos da súa monumental produción. París e Berlín, acollen ó longo deste ano, o universo de hiperfeminidade insaturada en branco e negro, do fotógrafo que retratou ás mulleres máis poderosas, espidas ou vestidas, que coñecera a historia da arte dende Palas Atenea. Un mundo matriarcal onde a pube e o abdomen da muller exhiben toda a forza que implica ser orixe da vida e fonte erótica de fantasía sexual  surreal, vencellada a zapatos de tacón e beizos bermellos. Un mundo de donas que apoian a trémula voluptuosidade da musculatura das súas longas pernas sobre anels de diamantes e traxes de coiro. Agora esas donas, e outros montruos sagrados, ofrécense ó espectador, no equilibrio do tempo perdido, dunhas épocas chic pasadas, e o tempo recobrado, aquel sostido pola memoria inalterable do ollo sen párpado da cámara de fotos.
Na exposición de París repásanse as teimas de moda,sexo, espidos, humor e retratos que están presentes ó longo de anos de creación pictográfica do fotógrafo. Aínda que o leitmotiv do traballo de Helmut Newton, durante décadas, foi a moda, houbo outros terreos nos que tamén abondou a súa creatividade. Tan presente está o universo da moda no seu traballo, que se pode dicir que é o seu un tracto fotográfico do chic, o estilo, a elegancia e os xestos sofisticados, cun aroma de moda entorno a eles. A moda como excusa, sirveu para presentar modelos espidas a carón da roupa de Saint Laurent. A moda como argumento, sirveu tamén, para retratar xoias únicas envoltas en bodegóns de carne humán e utensilios de cociña. A moda enfin, para simbolizar a erótica casi orgásmica de modelos tumbadas como odaliscas guerreias que lucen zapatos imposibles e peiteados de bucles, estreas, ostras e champagne. Tanto Yves Saint Laurent, como Helmut Newton, trataron á muller dende un punto de vista de women´s liberation. O mundo dunha muller que leva pantalóns e smoking creado por Saint Laurent é complementario do mundo dunha muller que goberna o seu destino, cos seus propios negocios e luxosos hoteis, creado por Newton. De xeito que en moitas fotografías de moda aparece o sexo, e de forma constante aparece una muller desafiante, que  controla ós homes entorno a ela, sendo suxeito da acción e non obxeto da función. Este diálogo de moda e sexo, leva como acompañante ó humor en moitas ocasións. De xeito que as narracións visuais creadas por Newton encerran un halo SM, ou de dominación ou noutra volta, teñen un contido humoresque. Moitas veces son persoeiros célebres os que aparecen nas escenas de moda, sexo, humor. E mesmo nos retratos de celebridades, aparecen tamén narracións ocultas que veñen a realzar un retrato meta psicolóxico do actor, actriz, escritor ou pintor. Catherine Deneuve mira desafiante como un busto art déco. Charlote Rampling, emprega una mesa como cadeira, mentras mostra o seu corpo fráxil espido. Paloma Picasso, emprega un vaso de cristal para insinuar un peito espido, nun retrato aristocrático. Todas mulleres, divas, imposibles realidades nun universo de míticas guerreiras da elegancia e os xestos sofisticados. Unhas décadas de vós transoceánicos en jumbo, veraneos na Costa Azul e ceas na Tour d´Argent.
Catro grandes libros recollen moitos dos traballos de Helmut Newton: A world without men, White women, Sleepless nights, Big nudes. Ós tres últimos está dedicada a exposición de Berlín. A idea dun mundo sen homes, ven a refrendar o ideal de eterna feminidade nun universo de mulleres escultóricas, con peitos cono globos terráqueos que gobernan o destino do mundo, en clave feminina. Atrás queda o machismo dominante na historia de occidente, e Newton, reinventa una realidade onde só hai mulleres gobernantas. Mulleres hiperfemininas que rodeadas de fermosos homes obxecto, son bicadas, acariciadas, observadas polos hercúleos sementais. As xigánticas imaxes frontais das mulleres espidas ou vestidas en costura dos retratos de Mulleres brancas e Noites sen dormir, veñen a aumentar o imaxinario meta-real, ou surreal da creatividade de Newton. Igual que Buñuel fantaseaba con tacóns. Igual que Dalí fantaseaba cunha Gala orixe e absoluto. Newton, fantasea cunha pléiade de donas que son una e son todas. As mais fermosas mulleres de feminidade absoluta, chic radical e espido insuperable, son as que enchen as páxinas do calendario das mil e una noites de Newton, Helmut Newton.
Paloma Picasso
Unha das musas divinas que retratou Helmut Newton, foi Paloma Picasso. A célebre filla do pintor Pablo Picasso, famosa e respetada ela mesma como membro da jet set e deseñadora de xoias, accesorios, perfumes e obxectos decorativos, foi musa e retratada por Newton. Ó fótografo gustoulle a pel branca casi mármorea de Paloma. O seu estilo inspirado nas infantas de Velázquez, combinaba á perfección o branco da pel, o bermello do beizos e o negro azibeche do cabelos. Fixaron un encontro na costa azul, en St Jean Cap Ferrat, no Grand hotel. Paloma con Rafael López Cambil, o seu marido daquela, chegaron varios días antes e tomaron baños de sol. A sorpresa foi para Helmut Newton, cando chegou a retratar á deseñadora de límpida branca pel, e atopou á andaluza morena que levaba dentro. O xenio de Newton , creou o célebre retrato de Paloma, levando os seus brazaletes de fuste de columna grega para Tiffany, un vestido negro e un peito ó aire, adiantándose ó unisenso de Yves Saint Laurent, que aparece intelixentemente cuberto por un vaso de cristal de trago largo que suxeta á dona co seu brazo, mentres o outro reposa na cintura, en actitude de retrato goyesco ou de Mengs. Anos despois retratou a una Paloma máis madura, levando un obxecto fetiche para Newton. Un retrato de efixie de busto da deseñadora levando un monóculo, insinúa un corpo espido e cos cabelos húmedos. Os beizos bermellos, parece suxerir a dona da man no peito, ou una nova interpretación gongoresca dun retrato de Corte español. Paloma e Helmut, teceron unha desas relacións entre creador e musa, nas que se produce un novum. Algo nunca visto antes e que marca una páxina na historia contemporánea do sistema da moda, sistema da arte. Nunca visto antes.
Román Padín Otero