jueves, 20 de diciembre de 2012

hollywood costumes


Vestiario de cinema                                                                               O museo Victoria&Albert de Londres, dedica una exposición ós traxes do cinema. Baixo o título “Hollywood Costume”, percórrense as creacións de hábitos para a gran pantalla dende 1912 até o ano 2012. Baixo tres escenarios aparecen agrupados innumerables vestidos ou por dicilo doutro xeito, innumerables persoeiros da sétima arte. Deconstrución, diálogo e finale, son os tres espazos dedicados a outras tantas lecturas do significante e significado do vestiario na comunicación audiovisual.                    Si ben é certo que os vestidos, a aparencia, é o xeito con que manifestamos a nosa psicoloxía perante os demais. Cos traxes de escena, esta realidade da semiótica do aspecto toma natureza hipertrofiada. Cando nos vestimos dun xeito ou outro, tentamos comunicar un certo estado do interior da persoa. Hai quen procura trasladar a súa condición económica, ou o seu estado anímico. Hai quen traslada afeccións musicais ou mesmo inclinacións plásticas. Dende que o vestido non é simplemente unha representación da clase social ou representación da auctoritas do personaxe, serve para trasladar á audiencia a nosa realidade individualizada. Canto na escena, a realidade da confección da personalidade do persoeiro cobra aínda maior importancia por medio do traxe. Os deseñadores de vestiario teatral ou cinematográfico, teñen de incorporar ó aspecto parte da esencia das dramatis personae. O xeneroso ten de aparecer como tal por medio do vestido, o malvado tamén, e mesmo a secuencia de colorido debe servir para representar parte da acción da narrativa.                                                                                             Non soamente son arduos os traballos de vestiario en películas de época, se non que aquelas que narran a contemporaneidade, teñen de facelo, dende o punto de vista do vestido, cunha metalectura da moda que sirva para contextualizar, sublimar e mellorar a narración fílmica proposta polo director.              Moitas son as vestimentas de películas cargadas de significado que aparecen recollidas nesta exposición londinense. Por seguir un camiño de ladrillo amarelo, están os zapatos de rubís vermellos, do Mago de Oz. Poucas veces unha transposición dun conto tradicional, como os zapatiños vermellos, tivo tanto eco. O filme, e por tanto os zapatiños, trocaron en significante con forma de zapato o significado da liberación do espírito cruzando un arco iris.                                                                                        Están tamén vestiarios de época que marcaron un fito na historia do visionado de invencións contextualizadas nunha certa data. Elizabeth, María Antonieta ou as Amizades perigosas, son algunhas das historias de época que aparecen recolleitas na exposición. Poucas heroínas teñen unha iconografía de vestiario tan marcada e recoñecible como a raína Isabel. Os seus cabelos vermellos, o traxe con garda infante, as xoias, o escote, e os aderezos de encaixe, falan por si solos da personalidade imbricada de potestade e autoridade dunha soberana que se vestía como representación do poder, na historia e no cine. Doutra banda está a fama de afeccionada á moda, cos traxes de Rose Bertin, da raíña María Antonieta. Logo, unha posta en escena da soberana, leva implícito toda unha significación de cores narrativos, de formas discursivas, de tendencias indicativas e en fin dun universo de roupa que avanza ó ritmo do avance da política. Tamén ambientada en Francia, “As amizades perigosas”, a novela de Pierre Choderlos de Laclos, pasa por ser a máis bela forma das letras francesas. E non pouca esixencia é esta para levala ó cine. Nas adaptacións realizadas por Stephen Frears e Milos Forman, acadan trasladar ás vestimentas dos personaxes toda a carga dramática e de luxo, calma e voluptuosidade, dunha época onde o máis importante traxe era a “robe de chambre”.                          O xénero da femme fatale, ou do eterno feminino aparece na mostra por medio de traxes levados por Marlene Dietrich en Morocco e Marilyn Monroe en “Some like it hot”. A moda no celuloide más extrema mesmo que na vida real.
Almorzo en Tiffany                                                                         Cando se fala de traxes de escena, acontece o mesmo que nas aparicións estelares de persoeiros na vida real. As creacións son tanto mellores canto máis talentos aparecen convidados para a realización do tableau vivant. Unha das actrices que mellor incorpora ó seu aspecto vestido os talentos de diversos creadores é Audrey Hepburn. A musa de varias xeracións, non solo pasou á historia do vestido por inventar o look Sabrina, cos zapatiños de bailarina, o pantalón pirata e o jersei de punto, todo moi pegado ó corpo. Se non que tamén contou con sendas aparicións na escena cinematográfica vestida por Hubert de Ginvechy e Cecil Beaton. O modisto francés creou para a actriz diversos vestiarios de escena e de rúa. Sendo os máis coñecidos os de Almorzo en Tiffany e Charada. En ámbolos dous filmes, a actriz encarna o espírito dunha época, a da era dourada da alta costura. Daquela non se mercaban bolsos como sinónimo de moda, ou mesmo nin se mercaba un vestido soamente. As clientas, compraban un conxunto enteiro, co que se reproducía na rúa o estilismo enteiro inventado polo modisto. Eran mulleres hiper sofisticadas e perennemente elegantes, eran as donas dos boulevards de París, os restaurantes de Nova York e as montañas nevadas dos Alpes. A colaboración do fotógrafo Cecil Beaton no vestiario do filme My fair lady, habería de supoñer tamén o traslado á grande pantalla dunha época de fin de século, cando as mulleres combinaban a silueta en S coa estrutura champiñón, os grandes sombreiros con longas casacas e as plumas inmensas con xoias de perlas infinitas. Beaton, gran coñecedor da época, tal e como recolle coa súa cámara e narra no seu libro “O espello da moda”, reproduce impecablemente esa “belle epoque”, no filme e no corpo miudo de Audrey Hepburn, que luce en branco e negro nas carreiras de Ascot ou explica como a choiva en Sevilla é unha pura marabilla. A moda e o modo de facer da vida unha das belas artes, mesmo no cinema.                                 Román Padín Otero