viernes, 25 de noviembre de 2016

Unpacking Fashion FV 24.11.2016



Obras mestras
O valor da moda nunha colección de arte, é tratado por unha exposición en Estados Unidos. O Costume Institute no Metropolitan Museum of Art de Nova York, presenta entre o 18 de novembro e o 5 de febreiro a exposición Masterworks: Unpacking Fashion. Nela móstranse as máis significativas adquisicións feitas nos derradeiros dez anos para aumentar os fondos de téxtil e moda no museo. O criterio seguido nesas adquisicións, ten pasado de ser de natureza enciclopédica nas orixes da institución a ser de procura e custodia de obras mestras nos tempos actuais. O museo adquire obras icónicas de deseñadores e modistos que teñen cambiado coas súas innovacións a historia da moda. E que contribuíron asemade ó avance da percepción da moda como unha forma de arte.
Obras mestras: Desembalando Moda,  é unha exposición que mostra unhas 60 desas pezas. Traxes de dona e cabaleiro, con datas de orixe que abranguen dende o século XVIII até os nosos días. Os modelos están dispostos como en caixas de embalaxe, e sobre cada un deles hai fondas explicacións sobre o que aportaron ó canon da historia da moda.
Conceptualmente a exposición subliña a importancia do coleccionismo de pezas de deseño e moda, pola súa natureza artística singular. Do mesmo xeito que o museo serve para custodiar, estudar e arquivar a memoria da pintura, escultura, novas tecnoloxías ou fotografía, tamén a moda ten de ser preservada como valor cultural. O seu aporte creativo é obvio. E como representación do espírito dos tempos ou zeitgeist , a moda é o máis doado instrumento, pois afonde creatividade e mercado, socioloxía do gusto e estética. Canto o seu valor como inversión, non ten dúbida que se está consolidando. Non soamente ten valor polo antigo dos tecidos ou o prezo dos materiais, como bordados en ouro ou pedras preciosas, se non que tamén, a biografía do traxe ten importancia. A quen pertenceu, outorga un valor de colección a un traxe. O aporte estético dunha peza innovadora é outro considerando para a colección. E en fin, a calidade de orixinal da peza, e o proceso creativo da mesma, teñen tamén valor.
Hai expostas, dúas pezas do século XVIII, os chamados robe á la française, vestidos á francesa, nos que unha ampla saia suxeita por unha estrutura de cesta ou panier, complétase por un corpo que cae en forma de capa sobre ás costas. E un pequeno peto cobre o peito. É a moda feminina do antigo réxime. Hai tamén o chamado robe á la anglaise ou vestido á inglesa, que é máis sinxelo que o estilo francés e ten menos volume. Hai tamén exemplos da silueta de fin de século en S coas creacións de House of Worth. E o fin da silueta con faixa cun abrigo de ópera de corte kimono, asinado por Paul Poiret no 1911. O equivalente masculino desa moda é o terno, ou traxe de tres pezas. Composto por pantalóns longos ou até os xeonllos ou culotte. Chaleco e casaca,  de lonxitude e formas variadas segundo cada momento histórico.
Tanto a forma do panier ou saia con estrutura elevada, como os cortes das casacas de home con grandes solapas, aparecen como inspiración para creacións posteriores. E a exposición presenta un vestido negro bordado de tiras de pvc  da deseñadora holandesa Iris van Herpen, formada na escola de Arnhem, pertencente á colección outono/inverno 2012, que reproduce unha desas saias con volume do pasado. E as vellas casacas do terno á francesa, aparecen en traxes dos anos 2000.
Os tamén holandeses, e tamén procedentes da escola de Arnhem, Viktor&Rolf, están presentes na mostra cun traxe da colección de alta costura do outono/inverno 2015, que representa un cadro en lenzo co seu marco dourado, deconstruído. A colección era unha cita ós mestres da pintura do século XVII holandés, e convertía os cadros en estruturas para ser vestidas. ¡Nunca a ironía sobre a natureza artística da moda foi tan indiscutible! Outro modelo da colección primavera/verán do 2010 dos deseñadores, chama a atención na exposición. Un traxe de noite de gala, en silueta princesa con escote palabra de honra, feito en tul e moiré sintético de seda. Que parece ter sido cortado por unha serra na altura das cadeiras, de xeito que deixa ingrávida a parte inferior da saia. Sen dúbida unha invención nunca vista antes, que evoca o surrealismo. Este movemento aparece directamente noutro modelo asinado por Gilbert Adrian no ano 1947, que está feito cunha tela estampada por Salvador Dalí. E no vestido de Elsa Schiaparelli con bordado de Jean Cocteau do ano 1937.  
O inglés afincado en Nova York, Charles James, o español afincado en Paris, Antonio Cánovas del Castillo Rey (Lanvin-Castillo), o tunecino afincado en Paris, Azzedine Alaïa, están presentes na exposición, con traxes que distantes no tempo por case que medio século, seguen a cumprir o mesmo obxectivo. Subliñar o corpo feminino de curvas sinuosas con deseños serea por medio de traxes feitos con técnicas únicas e remates soamente doados para grandes mestres.
Os xenios da moda
Nesta colección selecta, comisaria polo curator in charge do museo, Andrew Bolton e a assitant curator, Jessica Regan, están presentes as creacións maxistrais da moda e os seus autores. E están con vestidos e accesorios que teñen sido fundamentais aportes ó bagaxe cultural dos derradeiros 100 anos dende o eido da moda. Ós xa citados antecedentes das robes volantes do século XVIII e dos pais da alta costura, Worth, Poiret, súmanse as grandes mulleres da costura na primeira metade do século. Madeleine Vionnet está presenta cun vestido de 1929, que se pon en diálogo cun traxe de John Galliano do ano 1999. Gabrielle Chanel, e a súa casa, están presentes cun traxe que é epítome do estilo da modista, feito por Karl Lagerfeld como director artístico da firma dende o ano 1983. Un vestido negro, de manga longa e escote redondo que aparece profusamente bordado de colleres, cintos e pulseiras,  de cadeas douradas, perlas e pedras preciosas.
Christian Dior coa silueta New Look e a interpretación que dela fixo o deseñador Raf Simons na colección de alta costura outono/inverno 2014, cun traxe casaca bordado que semella superpoñer capas de diversas prendas.  
Yves Saint Laurent cos seus estampados de beizos e as cazadoras de pel dos anos 1960 e 1970 e a interpretación que deses elementos fixo Hedi Slimane na primavera/verán do 2014.      
 Están tamén presentes os creadores xaponeses de vangarda, Comme des Garçons. O enfant terrible da moda francesa, Jean Paul Gaultier. O sombrereiro prodixioso Philip Treacy. O expoñente da moda italiana, Gianni Versace. O destacado creador americano Tom Ford, entre outros.
A exposición subliña asemade o labor feito polos comisarios, coleccionistas e mecenas privados  e institucionais da moda. Homenaxea a apartación á cultura do  que fora comisario do Costume Institute no Metropolitan Museum of Art de Nova York,  Harold Koda.  E recórdase dun xeito ou outro, á dona de estilo e coleccionista norteamericana Iris Apfel, pois as salas da exposición levan o seu nome. Ó mecenas holandés Han Nefkens, con cuxo apoio contan Viktor&Rolf, entre outros.  Ou á británica Anna Wintour, editora de Vogue América, que tanta dedicación e excelencia aporta á moda.

Román Padín Otero

jueves, 3 de noviembre de 2016

Salvatore Ferragamo Museum FV 3.11.16







Cruce de camiños. Atravesando a arte coa moda
Salvatore Ferragamo, a coñecida empresa florentina orixinariamente dedicada ós zapatos e que dende hai décadas ocupa tódalas liñas de negocio de moda, conta con un Museo Ferragamo. O museo, situado no Palazzo Spini Feroni, en Florencia, Italia, sé orixinaria asemade da empresa, foi inaugurado no 1995.                                                                                      O antecedente do mesmo, atópase nunha exposición itinerante que baixo o título Salvatore Ferragamo.The Art of the Shoe 1927-1960, se dedicou ós zapatos e creacións da casa, no final dos anos oitenta. A mostra viaxou polo Victoria&Albert Museum de Londres, polo County Museum de Los Ángeles, Museo Guggenheim de Nueva York, Sogestu Kai Foundation de Tokio,  Museo de Bellas Artes de Ciudad de México. E no cabo, a exposición temporal transformouse en permanente inaugurando o museo en Florencia.                                                                                                             A Fundación Ferragamo, coida o patrimonio e o arquivo da casa de modas e calzado. Tamén aporta orzamento para a restauración de monumentos históricos. Recentemente ven de dar financiamento para restaurar oito salas da Galleria degli Uffizi, on de se expoñen os mestres do Renacimento.            O Museo Ferragamo, mostra os fondos da colección de creacións da casa e organiza asemade exposicións temporais.                                                          Neste ano 2016, presenta a exposición, Tra Arte e Moda, comisariada por Stefania Ricci. A exposición analiza as borrosas fronteiras entre arte e moda. Propoñendo ó visitante a tese de que a moda é unha nova forma de ver o mundo. Non é un universo limitado ós traxes que se poñer. Hai moito de cultura e investigación detrás. A moda mira cara á arte para aumentar o propio prestixio e a arte sinte curiosidade pola moda, pola liberdade de representación e a súa contemporaneidade.                                                     O punto de arranque da mostra, é un zapato de dona de talón alto que Salvatore Ferragamo diseñara para Marilyn Monroe. No ano 1958, engadiu a ese zapato de ante, uns círculos concéntricos de cores. Unha especie de diana feita de pel de cores, que ten unha forma semellante ó motivo do cadro sen título, pintado por Kenneth Noland no mesmo ano, 1958, e que representa unha diana concéntrica.                                                                                     O surrealismo, está presente co abrigo de noite, creado por Elsa Schiaparelli con Jean Cocteau no 1937. Que ten un bordado nas costas representando dous perfís cun xerro con rosas.                                             A deseñadora italiana Germana Marucelli, considerada a creadora a moda milanesa, colaborou con artistas. Preséntase na mostra un vestido corto de festa, de alta costura, da colección outono/inverno de 1968-9, feito en lentellas sobre seda. O vestido azul ten uns círculos negros, que son froito da colaboración da modista co artista Paolo Scheggi, de quen tamén se presentan obras na exposición.                                                                              O diálogo interactivo entre arte e moda subliñouse nos anos oitenta, coa aparición dun corpiño de xesta creado polo deseñador xaponés Issey Miyake, na portada da revista Artforum. Na mostra está un corpiño de Issey Miyake, feito en fibra de vidro reforzada, do ano 1980.                                                                   Do creador Nick Cave, está na mostra o chamado Soundsuit, do ano 2010, feito en tecido de punto, con blondas concéntricas e cadradas, que remata nunha gran mitra. A peza é unha escultura para vestir que altera as proporcións de corpo e testa.                                                                          O artista Yinka Shonibare, ten unha linguaxe articulada sobre esculturas feitas con tecidos africanos. Na mostra, presenta Food Faerie do ano 2011. Que representa un anxo feito con manequim, algodón holandés, alas de pluma e base de aceiro.                                                                                    O dúo de modistos holandeses Viktor&Rolf, caracterízanse por facer uns desfiles performativos,, nos que presentan roupas no límite da utilidade. Na mostra teñen a Shirt Symphony do ano 2011. Un enorme vestido branco feito de satén, cunhas mangas de xemelgos enormes que saen dende o pescozo. E cunha saia con forma de garda infante.                                            Hai na mostra tamén, creacións dos artistas que no troco do século XIX ó XX, miraban ó clasicismo grecolatino para innovar. Corpos liberados da faixa e do polisón, que permitían liberdade ás donas. Está o modisto e deseñador español afincado en Venecia, Mariano Fortuny,  Hai imaxes de Dante Gabriel Rossetti e de Gustav Klimt.                                                  As vangardas están representadas con Sonia Delaunay e  Elsa Schiaparelli, dúas mulleres que fixeron do cubismo órfico e do surrealismo, respectivamente, o fío condutor das súas modas.                                             Yves Saint Laurent inspirado en Mondrian. Yohji Yamamoto inspirado en Joan Miró. Andy Warhol ilustrador de revistas de moda. O refinamento do modisto Capucci; as siluetas de corpo hiperfeminino de  Azzedine Alaïa. As invencións motrices e políticas de Hussein Chalayan. Todas elas moda alén da arte.

Industrias culturais
Non é soamente Salvatore Ferragamo a única empresa italiana de moda, que dedica parte dos seus recursos e actividade cultural.                                  A Fondazione Prada, constitúese no 1993, e conta dende 1995, co crítico de arte, Germano Celant como director artístico. Ten dúas sés en Milán e Venecia, deseñadas por Rem Koolhaas. E presentan exposicións de principais artistas como Anish Kapoor, Damien Hirst ou Jeff Koons. En 2009, instalaron en Seúl, un pavillón chamado Prada Transformer, un edificio con estrutura mecánica móbil cuberto por unha membrana que troca de forma. Sirve para acoller a exposición de moda Waist down- skirts by Miuccia Prada.
O grupo francés Kering, ten a François Pinault Foundation, con sé en Venecia, na Punta della Dogana, reformada polo arquitecto xaponés Tadao Ando. E tamén en Venecia, Palazzo Grassi, é outra sé  da  Fundación, onde se celebran notables exposicións das artes. 
A empresa Ermenegildo Zegna, a través de ZegnArt, dende 2011,  comisiona pezas de intervención artística en espazos públicos e tamén nos seus establecementos comerciais. Teñen colaborado con Michelangelo Pistoletto, Frank Tiel, Mimmo Jodice entre outros.
A empresa Gucci, pertencente ó grupo Kering, abreu no 2011 o Gucci Museo, en Florencia. No que se expón una colección permanente de vestidos e accesorios da firma. Onde se exhiben as iconas da empresa, o seu estampado Flora, a logo manía, a arte da viaxe. Os obxectos se acompañan de referencias ós mitos do cinema, e da cultura popular do século XX, que fixeron da firma un referente, como Sofía Loren. Xunto á parte da empresa, hai exposicións temporais de artistas, centrados esencialmente en cinema e novos soportes, no espazo Contemporary Art Space.
Giorgio Armani, inaugurou no 2016,  o seu museo Armani Silos en Milán, onde mostra o seu universo. O espazo Corso Como en Milán, acuñou nos anos 1990 o termo concept store, e segue a expoñer e vender, arte, moda e literatura. A empresa Trussardi, conta tamén cunha fundación para a cultura.
Román Padín Otero.