jueves, 23 de marzo de 2017

JW Anderson Disobedient Bodies FV 23.3.2016





Os corpos desobedientes
O deseñador de moda J.W. Anderson comisaría unha exposición onde moda e escultura dialogan no mesmo espazo. Este home de 32 anos que divide o seu tempo entre París e Londres, onde teñen os talleres as dúas empresas para as que deseña (Loewe e a súa propia firma) ten ademais tempo para concibir unha exposición onde a creación interdisciplinar celébrase como audaz forma de expresión do tempo que vivimos.
A exposición que leva por título Disobedient Bodies (Corpos Desobedientes) celébrase en Inglaterra, lonxe do populoso Londres, en Wakefield (West Yorkshire), onde ten o seu enderezo a galería de arte The Hepworth Wakefield. A galería inaugurouse no 2011 e serve de homenaxe á escultora Barbara Hepworth que nacera e fora educada na vila. O edificio de arquitectura contemporánea que a alberga, está concibido polo famoso arquitecto David Chipperfield (famoso tamén entre nós porque moura tempadas na provincia da Coruña, en Corrubedo), e está dedicado esencialmente á arte contemporánea en todas as súas expresións con grande entendemento da variedade de discursos que ocupan a escena actual, non resulta estraño pois que programe moda como unha máis das manifestacións culturais contemporáneas.
O feito de se celebrar a exposición nunha vila lonxe da gran cidade e o seu sistema de museos, foi un factor decisivo para que J.W. Anderson decidira comisariar o proxecto, que pretende estar ademais moi integrado no pobo. Co fotógrafo Jamie Hawkesworth teñen feito un catálogo paralelo á exposición onde 123 rapaces da vila levan pezas da mostra facendo de modelos incidentais, constituíndo un feito de integración das artes no eido onde se mostran.
O leitmotiv é o corpo e as súas representacións dende a segunda metade do século XX até a actualidade, logo hai esculturas de excelsos artistas da época. Creacións da propia Barbara Hepworth, Jean Arp, Henry Moore, Naum Gabo, Dorothea Tanning, Louise Bourgeois, Sarah Lucas, Lynn Chadwick, Magali Reus e Sarah Lucas.
Esas esculturas sitúanse en escenas ou grupos xunto a pezas de modistos e deseñadores recoñecidos non soamente por nos vestir dun xeito cómodo, se non e sobre todo, por ter infrinxido nos corpos graves trocos que teñen incidido na forma en que percibimos a beleza, na forma en que nos movemos ou camiñamos e mesmo na forma en que nos comportamos. Hai daquela roupas de Christian Dior, Jean Paul Gaultier, Rei Kawakubo para Comme des Garçons, Helmut Lang e Issey Miyake.
A mostra procura axitar a visión de cada visitante, e cada un mirará nas confusións entre roupas e esculturas significados distintos. A propia mirada de J.W. Anderson non ten que ser idéntica á dos visitantes, de feito as concepcións do deseñador no seu traballo son en cada ocasión visionarias e abren camiños estéticos inéditos. Él mesmo como gran coleccionista de arte e moda subliña a importancia dalgunhas das prendas presentes na exposición como apoio para avanzar no camiño estético, así destácanse os volumes abstractos de Yssey Miyake dende os anos 1980, os chalecos arnés de Helmut Lang nos anos 1990 ou as formas mastodónticas dos traxes de Rick Owens nos anos 2000.
Entre outras pezas, nas escenas creadas para a mostra pódese ver un traxe de Comme des Garçons xunto a unha cabeza de Brancusi. Tamén un traxe cos peitos con forma de conos de Jean Paul Gaultier xunto a unha escultura dunha figura tombada de Henry Moore. Tamén uns xerros feitos pola escultora Sara Flynn xunto a unha colección realizada hai algúns anos polo propio J.W. Anderson en neopreno negro, de xeito que se presenta un mesmo material interpretado unha e outra vez.
Hai tamén un traxe transparente de Loewe que se pon a carón dos moldes en material sintético de Hepworth. Ou outro traxe de Comme des Garçons xunto a unha escultura branda de Eva Rothschild. O universo estético en constante transformación asinado por J.W. Anderson apurra con esta mostra outra volta de porca na infinita paisaxe contemporánea.       
Creatividade 3D
Jonathan William Anderson (J.W.Anderson) é un dos grandes talentos da creación en moda nesta década, nado en Magherafelt (Irlanda do Norte) en 1984, estudou no London College of Fashion onde se gradúa en 2005 e tres anos despois crea a súa propia empresa na que deseña liñas de roupa para o mercado feminino e masculino. Dende 2013 é ademais director creativo da marca española Loewe que pertence á corporación francesa de produtos de luxo Louis Vuitton Moët Hennessy (LVMH).  Él mesmo describe o seu xeito de traballar como en tres dimensións preferindo mirar as prendas de roupa sobre o corpo dos modelos para poder facer trocos dende a realidade dos tecidos e os volumes.
A terceira dimensión no seu aporte ó sistema da moda non queda soamente no método creativo se non que enlaza asemade co contido do seu discurso. Cando presentou a súa colección para home de outono/inverno 2013 produciuse un rebumbio moi grande (case polémico) pois fixo unha eliminación do xénero introducindo prendas arquetípicas do armario feminino como saias mini, volantes, escotes, no vestiario masculino. Esa terceira dimensión (unha ausencia de xénero) resultou visionaria pois son moitos os novos creadores que seguen ese concepto e puxan por unha moda igualitaria.
No deseño e concepción das tendas onde se venden as súas creacións non dubida en mesturar obxectos de decoración feitos con materiais infrecuentes ( cuncas e froiteiros de coiro en cores brillantes para Loewe) con prendas de roupa de complexa utilidade (mantas enormes feitas con lá ou bolsos xigantes feitos con corda). E mesmo no interior das tendas introduce elementos das artes que non se esperan nun establecemento comercial de moda. Un posto de flores na tenda da firma Loewe de Madrid ou un piorno galego na tenda de Miami da mesma compañía son soamente algunhas das novas dimensións transversais das belas artes que suxire este célebre deseñador que ben pode chamarse “artista global”.  

Román Padín Otero