jueves, 22 de marzo de 2018

ICONOS DE ESTILO. MUSEO DEL TRAJE CIPE. FV 21.3.2018







ICONOS DE ESTILO. MUSEO DEL TRAJE CIPE MADRID. 15.3.2018-3.6.2018. COMISARIO OLIVIER SAILLARD
Iconas de estilo.
O Museo del Traje Centro de Investigación del Patrimonio Etnográfico está a expoñer en Madrid, dende o día 15 até o vindeiro día 3 de xunio, deste ano 2018, a mostra Iconos de Estilo. Una mirada a la Indumentaria Tradicional.                                                                                                    
Trátase dunha selección de parte das coleccións de indumentaria tradicional que conserva o museo, para a que se teñen escolleito 500 pezas incluíndo traxes, accesorios e xoias, datados entre o século XVIII e o inicio do século XX. Este conxunto de indumentaria compón a orixe da colección do museo que data do ano 1925 e fora reunido para celebrar a exposición do traxe rexional que tivo lugar no Palacio de Bibliotecas y Museos de Madrid. Sendo o conxunto inicialmente mostrado como exposición de traxe rexional e histórico, logo museo da mesma materia, transformado en Museo del Pueblo Español, Museo Nacional de Antropoloxía, chega ós nosos días como Museo del Traje CIPE. Unha institución onde se custodian estes fondos que aparecen moi ampliados por sucesivas incorporacións, restauracións, dacións e adquisicións.                                     
         A presente mostra é daquela unha mirada cara o interior da institución mesma e un afondamento nunha das partes das que se ocupa o museo, a indumentaria, pois a moda ocupa a meirande actividade das exposicións temporais, conferencias e comunicacións deste Centro.
O comisario da mostra é Olivier Saillard, moi recoñecido especialista en moda e exposicións, quen fora até hai pouco director do Palais Galliera Musée de la Mode de la Ville de Paris. Na etapa da súa dirección no museo parisino o Sr. Saillard tivo o mérito de promover  a celebración en Francia no ano 2017  dunha tempada de moda dedicada a España. A  Saison Espagnole incluíu tres exposicións, unha monográfica temática que facía arquivo da cor negra na creación de Cristóbal Balenciaga titulada Balenciaga, l´oeuvre au noir , que tivo lugar no Musée Bourdelle. Outra grande monográfica restrospectiva dedicada a Mariano Fortuny, na propia sede do Palais Galliera. E finalmente unha mostra que xurde do descubrimento incidental por parte do Sr. Saillard nos fondos do Museo del Traje que visitaba para preparar a mostra de Balenciaga, do conxunto de traxes, bordados, ricos tecidos, chapeus, deseños e conxuntos que forman o groso da colección de indumentaria. A fascinación do comisario francés pola colección e a súa importancia etnográfica e artística deu en servir para presentar a mostra Costumes Espagnols entre Ombre et Lumière albergada pola Maison de Victor Hugo. Esta terceira mostra da tempada española da moda nos museos franceses será a que vexamos agora en Madrid, incrementada iso si, con algunhas xoias do século XII , algúns amuletos, obxectos decorativos e xoias que serven para contextualizar o conxunto de traxes.
A preciosa execución dos traxes, a maioría de eles enriquecidos con magníficos encaixes e bordados, xunto á importancia de salientar a cultura dunhas épocas onde cada quen sabía cortar, coser, decorar, trenzar…a súa roupa (pois os traxes están feitos na meirande parte polas persoas que os levaban), levan a conclusións estéticas sobre os mesmos e sobre a arte do vestido. Opina Olivier Saillard que do mesmo xeito que en Francia a moda toma apoio na alta costura, en España a moda está apoiada nesta forma de crear de erudita diversidade. Trátase doutra forma de costura moi valiosa e apreciada polos estudosos e polos modistos.
Entre os primeiros está o fotógrafo José Ortiz Echagüe quen en 1930 fotografou a unha grande representación deses traxes e das xentes que os levaban. O libro de retratos Tipos y Trajes é unha loubana ás xentes e un arquivo do vestidos que se exhibe xunta á mostra dos traxes.
Entre os modistos que sentiron o sortilexio da indumentaria recolleita nesta mostra está o mestre Cristóbal Balenciaga quen non soamente era coleccionista de tecidos e pezas antigas e autóctonas se non que nas súas siluetas tomaba prestadas numerosas herdanzas do patrimonio etnográfico (bordados goyescos, sombreiros de mariñeiros, capas populares). O extraordinario John Galliano sinte tamén o influxo das diversidades da indumentaria española, dende chapeus até xoias pasando por saias e mantelos. Un predilecto fillo de Arlés o modisto Christian Lacroix, é tamén un dos grandes modistos que ten moita conciencia dos tipos e traxes españois nas súas coleccións, recolle todo o barroquismo e gusto polo decorado que teñen os vestidos de festa e mesmo os traxes das efixies relixiosas e tallas virxinais presentes en romarías, procesións e festas populares.
A exposición vai máis alá de mostrar os traxes rexionais españois pois non é exhaustiva e ademais emprega unha mirada que salienta a variedade e a fermosura singular de cada un deles, o estilo como icona de cada tipo e persoeiro.
Indumentaria tradicional.
Son moitas as pezas fermosas e singulares que se recollen na mostra. Entre outras está o moi célebre traxe de Lagartera da provincia de Toledo que está confeccionado con tecidos de lá e seda, cintas de Talavera e Valencia, encaixe con fíos metálicos, pendentes de media lúa, relicarios, rosarios e o ramo de noiva colocado sobre o peito. A riqueza dos bordados apréciase na roupa branca que compón o traxe, nas cintas e panos bordados con motivos xeométricos e florais coma tulipáns e caraveis (fig.1).
Entre as pezas de home atopamos as capas de Zamora. As capas pardas son o crisol que resulta de unir as vilas de Aliste, Carbajales e Mirando do Douro (Portugal). Son sobrias e pesadas, froito do comercio gandeiro da rexión. Empregábanse de cotío, para celebracións e procesións. Están feitas de lá de ovella, levan esclavina, capa curta baixo o pescozo e capillo con aplicacións de pano negro con debuxos xeométricos picados a tesoira e pespuntados (fig.2).
Moi interesante é a visión dos traxes de Andalucía, pois os traxes tradicionais nesta Comunidade van moito máis alá do vestido de volantes. Hai forte presenza do chamado traxe castelán de manto e saia (Cádiz), que atado á cintura sube até cubrir parte da cara. O traxe de Alosno en Huelva, leva un bordado en negativo na camisa que conecta co marroquí de Fez (fig.3). O emprego to mantonciño de Manila está documentado en Almería. E o traxe de Granada revive a moda romántica en patróns, adornos de cordonciño, o emprego do catite (tipo de chapeu)  e polainas de coiro.
Nos Pireneos atopamos que cada val ten cada en seu modo de traxe. No val de El Roncal en Navarra, o traxe feminino está composto de corpiño negro de lá con bordados e varias saias asemade feitas en lá. As saias son de cor azul violáceo con un baixo ou haldar de cor vermella. A saia superior colócase dun xeito singular, volta cara arriba nas costas facendo unha forma de abanico ou bolboreta, grazas a un broche de prata que se chama bitxi (fig. 4). 
Hai asemade prendas singulares coma o traxes de vistas de La Alberca, Salamanca, profusamente enxoiado. O traxe de viúva rica de Zamora feito en veludo negro con chapería dourada. E a gorra de palla moi decorada, inspirada nunha capota romántica do traxe de dona de Montehermoso, Cáceres (fig.5). A grande variedade nos traxes das Illas Canarias e nas Illas Baleares. E o majismo no traxe de Madrid. ¡Haberá  logo que visitar a exposición para descubrir as singularidades do traxe galego!              
Román Padín Otero


viernes, 2 de marzo de 2018

SOROLLA Y LA MODA. FV 22.2.2018

 Sorolla y la Moda. Museo Thyssen Bornemisza y Museo Sorolla de Madrid. Comisario Eloy Martínez de la Pera. 13 de febrero-27 de mayo de 2018.








Sorolla e a Moda
O Museo Thyssen Bornemisza de Madrid xunta o Museo Sorolla da mesma cidade presentan entre o 13 de febreiro e o 27 de maio deste ano 2018, a exposición titulada Sorolla y la Moda. O especialista no eido do traxe Eloy Martínez de la Pera, quen fora comisario no ano 2014 da exposición dedicada ó modista Hubert de Givenchy no mesmo museo, é o responsable desta mostra. Nela se integran pinturas e vestidos datados entre 1890 e 1920, para facer dende as salas do museo unha evocación da vida moderna no troco de século.
Un total de 70 cadros asinados por Joaquín Sorolla i Bastida (1863-1923) e 60 vestidos de época (xunta algún complemento) compoñen o material exposto. Non é esta a primeira vez que se confrontan cadros, esculturas, películas ou libros fronte a pezas de indumentaria e creacións de moda. A exposición Yves Saint Laurent Diálogos con el Arte estivo na Caixa Galicia de A Coruña no 2008, nela os vestidos do modista mostrábanse xunta ós cadros dos grandes mestres que os tiñan inspirado. En mostras como Fashion and Surrealism do Victoria&Albert Museum de Londres no 1988; Cubism and Fashion do MET de Nova Iorque en 1998; ou L´Impressionnisme et la mode do Musée d´Orsay de París no 2012, tamén se contrapuña creación téxtil e creación pictórica. Quizais de todos os antecedentes a mostra que ten un contido máis semellante á presente dedicada a Sorolla sexa a do impresionismo, pois non por menos a obra de Sorolla foi adxetivada como impresionista, postimpresionista, pintura da luz ou luminista.
A sistemática museográfica en todas elas, e tamén na de Sorolla é a de facer un estudo material dos obxectos que se van expoñer, coñecer a data, o uso, materiais, confección, autoría do vestido e poñelo en relación cun cadro ou escultura. Acontece que Sorolla, atopaba gran pracer en mercar prendas de moda para a súa muller Clotilde e os fillos, María, Elena, Joaquín. Roupas cas que os retrataba en moitas ocasións. Arestora temos pois a sorte de mirar os cadros dun artista que recolleu o espírito da época, cun estilo que era representativo da modernidade e que o facía incorporando as obras dos máis célebres modistas da época ou pertencentes ás tendencias máis senlleiras do seu tempo. Velaí a ubicuidade da intersección de cadros e vestidos, nas máis das voltas vemos físicamente o traxe retratado e tamén se exhiben pezas de estilo semellante ó que aparece nas pinturas.
Hai na mostra un modelo Delphos, o vestido túnica de seda plisada con remates de cristal de Murano asinado por Mariano Fortuny. A filla Elena aparece retratada cun destes traxes no cadro Elena con túnica amarilla de 1909 que na mostra se pon en relación cunha túnica verde azulado e cinto con greca dourada. A importancia do retrato é múltiple pois representa con modernidade de técnica unha efixie de medio corpo da dona, que leva un peiteado máis ben solto e un traxe, o Fortuny, que desafía os convencionalismos dunha época de faixas na cintura e recheos nas saias e mangas, para introducir un vestido que se levaba sen apenas roupa interior e que reafirmaba a liberación do corpo da muller. O modelo Delphos está inspirado no Chitón grego pois ten forma de rectángulo e está soportado polos ombreiros, leva escote redondo, manga variable, tecido lixeiro. Este vestido é a representación dos novos aires que se perciben para a muller, un troco de época que libera ás donas das gaiolas douradas dos refaixos que limitaban os seus movementos, para acceder ó século XX con un aumento de actividades públicas e progresivas incorporacións á vida laboral, social, deportiva, e política.
Entre os modelos recolleitos nos retratos de Sorolla atopamos numerosos vestidos da chamada silueta en S, unha forma do corpo da muller acadada por un corsé que empuxaba o torso adiante e acentuaba as costas con volumes por debaixo da cintura. Esta moda é a senlleira da Belle Époque. Nesa época había asemade vestidos chemise de cores branco e marfil que se levaban con corsé creando unha silueta vertical e sendo moi representados nos cadros de veraneo e praias de Sorolla.
Vemos tamén numerosos traxes da década aperturista 1910-1920, época na que se retira progresivamente o corsé do uso cotiá (prenda que foi logo recuperada con éxito anacrónico polo New Look de Christian Dior en 1947). Modelos que son unha forma de modernidade e que arrancan co modelo Delphos de Fortuny. Traxes máis sinxelos realizados en fermosos tecidos con sedas, encaixes, bordados e tules nas máis das voltas. Creacións entre outros de Paquin, Madeleine Vionnet, Callot Soeurs, Lucile ou Paul Poiret, que comparten espazo con traxes magníficos de autor descoñecido.

Os homes tamén se visten      
A mostra aparece dividida en catro partes,  Sorolla Íntimo, Retrato de Sociedad, Veraneo Elegante, París y la vida moderna. Recollendo sobre todo retratos de donas, feito que invita a exhibir unha maior selección de traxes de muller nas salas de exposición que traxes de cabaleiro. Non sorprende isto pois é frecuente atopar máis dedicación á moda feminina nas salas de exposición que á moda masculina. Dada conta da maior fantasía e diversidade que caracterizaba ó armario feminino dende o final de antigo réxime, fronte á sobriedade e monotonía do vestiario masculino. No século XIX a sociedade burguesa premiaba a discreción monocroma dos cabaleiros e a exuberancia colorista das donas. Ocupando elas un papel anuncio do éxito económico e social do seu consorte ó lucir importantes e custosos traxes que captaban a atención de entendidos e neófitos.
Hai nembargante algúns exemplos de roupa de cabaleiro na mostra que inclúe varios retratos de señores. O Retrato del Rey Alfonso XII con Uniforme de Húsares de 1907 é unha boa mostra do traxe militar da época que era xunta ó do traxe relixioso un dos dous únicos ámbitos onde se empregaba a cor brillante para vestir ós homes. Exponse o retrato xunta o uniforme real.
Tamén a característica roupa de home burgués da época en cor negra, branca, gris, ocre está presente na exposición a través entre outros de un retrato de veraneo onde podemos apreciar un traxe de verán de home feito en cor branca con tecido de liño e ausencia de forro. Exponse a carón do traxe orixinal e o chapeu pajilla. A roupa de día aparece con unha chaqueta de chaqué en lá negra que se mostra xunta o Retrato de Don Tomás Allende de 1905.
Non se oculta que ofrece máis espectáculo a moda feminina no museo, máis non cabe dúbida de que o único xeito de ofrecer unha visión global da época, da moda e da obra de Sorolla é mostrando a donas e cabaleiros conxuntamente.
Román Padín Otero