jueves, 26 de abril de 2018

HEAVENLY BODIES FV 26.4.2018


Heavenly Bodies. MET. 10.5.2018- 8.18.2018. Curator: Andrew Bolton

Corpos Celestiais
A nova exposición do Costume Institute no Metropolitan Museum de Nova York topa ca igrexa católica. Moda e relixión comparten espazo nas salas do museo en Heavenly Bodies: Fashion and The Catholic Imagination (10 maio-8 outubro) que mostra conxuntamente as creacións de recoñecidos modistas con pezas de arte sacra e hábitos relixiosos, forxando unha mímese entre ambos universos. Trátase da maior das exposicións de moda presentadas até a data pola institución pois ocupa o edificio do museo situado na quinta avenida e o edificio dos claustros.
Expóñense modas pertencentes á colección do museo e outras cedidas para ocasión xunto a pezas de arte sacra, procurando un diálogo entre ambos mundos. Hai tamén na mostra unhas 50 pezas téxtiles procedentes dos Museos Vaticanos que se mirarán por vez primeira alén das portas de San Pedro.
Explica o comisario da mostra, Andrew Bolton, que moitos dos modistos de formación católica atopan na relixión unha inspiración metafórica que dirixe nalgún momento os seus impulsos creativos. Non se oculta que algúns deseñadores empregan a temática relixiosa para provocar, o cal pode parecer relacionado coa propia idea latente nesta mostra. Pois se trata do maior acontecemento periodístico da parte máis frívola da moda, cheo de estrelas do pop, rock, cinema, deporte que avanzan por unha alfombra vermella poboada polos sensuais  corpos espidos das donas e os rechamantes traxes de escena dos cabaleiros. Todos eles nesta volta deixarán voar a súa imaxinación para levar traxes acordes coa temática relixiosa da convocatoria. Parece que a polémica está servida, o palio da escalinata do museo vai estar enchido de cuestionables ou abraiantes versións de mitras, casullas, sotanas e báculos.
O que certamente aparece como desideratum do comisario é salientar, con polémica ou sen ela, que a relixión católica como crenza ten inspirado moitas das máis extraordinarias creacións artísticas. Pois os máis dos modistos e deseñadores inspíranse na relixión por causa da memoria involuntaria, cando incorporan  ás súas creacións o que son recordos de infancia ou memorias de vellas costumes e tradicións relativas ós sacramentos e celebracións relixiosas no tocante ó vestido. Recollendo polo tanto as teimas relixiosas para as súas roupas por causa da nostalxia e pola procura da beleza que encerran as obras de arte e vestimentas da relixión católica en si mesmas. O traxe de John Galliano para Christian Dior alta costura evocando unha sotana, capa, mitra, pectoral dun hipotético papa na colección inverno do ano 2000, feito con profusión de bordados e valiosos materiais, evoca unha imaxe onírica dese persoeiro na mente do modista. O traxe de noiva de Christian Lacroix alta costura do inverno do ano 2009 que ten unha forma case que idéntica á Virxe do Rocío, non ofrece outra lectura que a da posta en valor da beleza formal desas imaxes relixiosas de virxes e santos. E mesmo o traxe de encaixe dourado con saia de garda infante, mantilla e peiteado con deseño de Domenico Dolce e Stefano Gabanna na alta moda de primavera 2013, ten unha mestura de orixes que gravitan entre as irmandades de Semana Santa e Marlene Dietrich no filme The Devil is a Woman dirixida por Josef von Sternbeg en 1935.
A arte bizantina ocupa unha parte da mostra, pois son numerosos os deseñadores que teñen sentido o influxo desta forma artística nas súas creacións. A célebre Coco Chanel conta entre o seu identificable imaxinario coas cruces e cadeas bizantinas de inspiración veneciana.  Karl Lagerfeld deseñou para Chanel Métiers d´Art inverno 2007, un chaleco de fantasía con pedrería en forma de cruz bizantina e ortodoxa, que se fai dialogar na exposición, cun relicario do século XIV feito en prata, esmalte, coral, vidro, cristal de roca e ouro. Christian Lacroix incorporou unha enorme cruz bizantina con ouro e pedrería a un corpiño na colección de inverno de 1988, que se vencella na mostra, ó mosaico de Ktisis do ano 500 feito en mármore e cristal. Na súa derradeira colección de inverno 1997, Gianni Versace, deseñou vestidos de cristais, ouro, metal e pedrería inspirados asemade nos micro mosaicos da catedral de Ravena, que na mostra se poñen en diálogo cunha cruz procesional bizantina do ano 1000.
Outra teima que abrangue a mostra é a dos hábitos de ordes relixiosas católicas e os sete sacramentos. Un célebre traxe de noiva creado por Cristóbal Balenciaga no ano 1967 evoca unha toca de monxa e unha capa monástica pola súa sinxeleza. María Grazi Chiuri e Pierpaolo Piccioli para Valentino alta costura primavera 2013 creaban modelos de corte monacal, con longas saias de evocación renacentista. Non poucos dos tocados e chapeus de Philip Treacey procuran entre as formas mais volátiles da historia da arte dos peiteados e decorado de testas a súa inspiración. Chapeus de prior, de monxa, de dona cortesá medieval, aparecen en moitas das coleccións do famoso facedor de sombreiros británico, entre eles pódese sinalar o de alta costura 2001 chamado Madonna Rides Again II.
Se a moda é a máis popular das artes e a súa incorporación ós museos é unha positiva novidade da derradeira década, as exposicións organizadas por Andrew Boltón no MET son a escola de menciñeiros na materia. Imprescindibles laboratorios de formas onde se mestura filosofía postmoderna e artes universais.        
As actrices e o traxe talar.
A relación entre a moda e a egrexia católica cando as roupas relixiosas e os ritos serven como inspiración para os modistas non deixa de resultar complexa. Atopar roupas de bispo, cura ou mesmo do papa convertidas en vestidos luxosos para donas ou traxes xastre para cabaleiro non pode se non asombrar pois semella a transformación do amor sacro en amor profano, da virtude da contemplación no vicio da vaidade. Mais non hai que esquecer que o boato da egrexia e o protocolo dos ritos son as bases formais da práctica mesma da relixión e subliñan coa beleza material das pezas de arte sacro e o luxo dos obxectos e prendas a propia existencia da fe.  
Esta singular inspiración da moda na imaxinería do relixioso que propón a exposición non é ortodoxa se non que busca conexións heterodoxas dun xeito ecléctico ou postmoderno. Un referente do que en certa medida atopamos na mostra é o que creou Ava Gardner no ano 1955 cando luciu un pequeno vestidiño negro deseñado por Sorelle Fontana de Roma, que non era outra cousa que una adaptación sexy do traxe talar de cura para seguir as curvas do corpo voluptuoso da actriz que se acompañaba dunha cruz no peito e un sombreiro. Tal era o parecido do vestido co traxe relixioso que as modistas, donas piadosas e practicantes, solicitaron o permiso das autoridades relixiosas para confeccionalo. Un vestido semellante foi levado por Anita Ekberg no filme La Dolce Vita de Federico Fellini no ano 1960. Daquela esa moda de inspiración relixiosa era o mais sinxela e inocente que se poda imaxinar.
Una emprego no vestido da temática relixiosa con vontade de provocar é o que fai a cantante Madonna. Nos anos 1980 puxo de moda o crucifixo que se levaba como un accesorio máis. Nos anos 1990 luciu unha sotana no escenario de World Ambition Tour. Nos anos 2000 apareceu mesmo levando coroa de espiñas. E nos 2010 luce variacións de hábitos de monxa para os números musicais das súas xiras. A súa interpretación da moda con leitmoiv relixioso non pide permiso ás autoridades, se non que acada a sanción, crítica e mesmo boicot das egrexias.
Román Padín Otero