Danza
e moda
O Museo do Fashion
Institute of Technology (FIT) en Nova York, dedica unha exposición á relación
entre a moda e a danza. Baixo o título “Dance & Fashion”, expóñense entre o
13 de setembro deste ano e o 3 de xaneiro de 2015, un cento de traxes de baile ou inspirados
polo baile. Abranguendo un espazo temporal que vai, dende o inicio do século
XIX até os nosos días.
É unha mostra organizada
pola dirección do museo, Dr. Valerie Steele, que conta cunha efectista posta en
escena do estudo de arquitectura Kim Ackert. Acompañando á exposición tense
publicado un catálogo de varios autores na editorial Yale University Press.
O FIT, é unha das
principais institucións públicas da cidade de Nova York. É unha escola de altos
estudos en deseño, moda, arte, comunicacións e negocios. Que conta entre os
seus servizos cun museo. Unha institución museística, onde se mostran de xeito
rigoroso e innovador, pezas relacionadas co vestido e os seus ámbitos veciños.
Arte e moda, son unha constante no Museo do FIT. As exposicións de moda deste museo conforman,
xunta as do Metropolitan Museum, acontecementos de referencia na axenda
cultural americana.
Tamén o ballet e a danza
en Estados Unidos, e especialmente en Nova York, son elementos axiais da axenda
cultural. A cidade dos rascacelos é sede do American Ballet Theater, New York
City Ballet, Alvin Ailey American Dance Theater, Martha Graham Dance Company,
Merce Cunningham Dance Company, Dance Theatre of Harlem…agrupacións para as que
se teñen creado egrexios vestiarios, algúns dos cales engrosan os fondos desta
exposición temporal.
O período romántico
sirve de introdución á mostra, con traxes da década dos trinta do século XIX.
Os volátiles traxes de gasa e as cores suaves son as iconas da época. O gusto
polos exotismos da época veñen representados por traxes de estilo “español”,
evocadores dos contos da Alhambra e outras Cármenes. Nesta sección atopamos un
modelo deseñado polo célebre escenógrafo, decorador e debuxante, Christian
Bérard, quen fora alma mater do teatro en Francia nas primeiras décadas do
século XX.
A influencia dos Ballets
Russes, a compañía de ballet do empresario Diaghilev, foi definitiva na escena
cultural e na moda da época da súa vixencia. Entre 1909 e 1929, o gusto cedeu ó
orientalismo divulgado pola compañía rusa. Paul Poiret, creou pantalóns á turca
ou turbantes inspirados nos traxes de escena da compañía. Os deseños de León
Bakst para Schéhérazade de 1910, están na mostra. A pegada dos ballets rusos
durou no tempo, e o propio Yves Saint Laurent, creou en 1976 a colección chamada
dos Ballets Russes, con importantes brocados, aplicacións de marta, visón e
raposo, tafetás e sedas. Traxes de Ungaro, corpiños levados por Rudolf Nureyev
e Mikhail Baryshnikov, completan o leitmotiv ruso da mostra.
A moda inflúe nos traxes
de ballet e acontece ó inverso asemade. Christian Dior creara un vestido
inspirado no cisne negro. E para “Simphony in C”, Marc Happel, creou traxes
inspirados no propio Dior e no mestre Balenciaga. Outras voltas son os modistos
quen prestan o seu icónico estilo para a escena danzística. Yves Saint Laurent,
Ricardo Tisci para Givenchy, Christian Lacroix, Jean-Paul Gaultier , Valentino,
Prabal Gurung, Giles Mendel. Olivier Theyskens, Rodarte, Iris van Herpen, son
algúns dos modistos cuxa apartación á escena está representada na mostra. En
calquera dirección, danza e moda, conxuntamente crean un novum, unha novidade
estética singular.
Coreografías e traxes
As coreografías de
Martha Graham, teñen unha natureza consustancial cos traxes empregados polos
bailaríns. Hai movementos subliñados ou esvaecidos, por saias ou capas, de xeito
que coreografía e traxe forman un todo. A propia Martha Graham deseñaba algúns
deles. E na mostra, exponse un dos traxes creados por Halston para a compañía.
O estilo de deseño de
vangarda, aparece nos traxes para a escena creados por Narciso Rodríguez para
Morphoses. Rei Kawakubo para o ballet de Merce Cunningham, Scenario. Desta
volta, o minimalismo do primeiro e a invención de formas expresionistas da
segunda, fanse notar nas respectivas creacións escenográficas.
O gusto polo chamado
estilo español, aparece por segunda volta na mostra. Con traxes de Balenciaga,
Elsa Schiaparelli, Jeanne Paquin, Óscar de la Renta e Ralph Lauren, que traen a
colación dun xeito ou outro, a teima ecuestre ou de volantes e flores,
arquetípica do estilo andaluz, que resulta recorrente dentro e fora da escena
polos deseñadores.
Outras teimas de corte
etnográfico, son tamén motivo de inspiración nas modas e nos escenarios. África
inspira ó moi innovador deseñador Rick Owens, quen fai das formas tribais un
emblema. Facendo un aporte de máxima vangarda á mostra, pois Rick Owens, ven
sendo a máxima singularidade estética das pasarelas internacionais nas
derradeiras tempadas.
Completan a mostra do
FIT, un conxunto de fotografías, vídeos e documentais que reflicten o universo
creativo de pigmalións e crisálidas que é a maridaxe da moda coa danza.
Román Padín Otero