Alborada da moda en Galicia.
Galicia Moda I
A modo de introdución compre resumir as liñas que seguen
adiantando que tratan do desenrolo da moda en Galicia ó longo das dúas
derradeiras décadas do século XX. O posmodernismo, corrente filosófica representativa
da época, levou implícito trocos
caracterizados pola liberdade formal e un evidente eclecticismo. Eses cambios
aconteceron non soamente na arquitectura, onde o posmoderno ten máis sona.
Tamén gañou espazo a liberdade posmoderna na pintura, na música, nos
comportamentos sociais e nas demandas políticas, e como non na moda.
A que fora até ese momento a menos avaliada das formas
creativas, a moda, tomou relevancia significativa no final do século XX, até
converterse nunha forma cultural axial con grande transcendencia estética e económica.
Eses cambios aconteceron en todo o mundo, e tamén como non, en Galicia, onde o
sector téxtil transformouse en sector da moda. Procurando grande desenrolo
económico, estético, cultural e dándolle apoio á idea de imaxe/pais que viña
impregnada dun certo atlantismo e dunha nova onda ou new wave.
As dúas derradeiras décadas do século XX houberon de
traer a implantación do deseño e a moda en todo o mundo. Nese tempo, chamado imperio do efémero polo filósofo
francés Gilles Lipovetsky, a
estética, o deseño, a moda, o mercado teñen unha presenza indiscutida na nosa
vida cotiá facendo que todo o que nos rodea sexa deseñado e que as tendencias
no vestir e as modas teñan unha presenza constante e unha importancia
sobresaliente.
Esa posmodernidade desenrola un xogo de miscelánea, alteración
de valores, transversalidade, mesmo
mestura nos ámbitos estéticos, sociais e
aínda ideolóxicos ou políticos, que atopa no ámbito da moda e o deseño varios
senlleiros fitos. Atopamos situacións de referencia no ámbito internacional da
moda e a cultura, e tamén en España e Galicia. Fagamos un repaso delas desde a
escena internacional até o acontecido en Galicia.
Moi transcendente para o deseño, foi a creación en Italia
do Gruppo Memphis no ano 1980, pois
os seus mobles subvertían a tradición de forma seguindo a función para
implantar a forma por enriba de todo.
Ettore Sottsass, con ese grupo,
abriu unha fiestra á creatividade sen cancelas e a soportes, non
apreciados sen fisuras con anterioridade, como a moda, posibilitando o emprego
de materiais previamente rexeitados; procurando novas proporcións nos deseños;
ampliando a paleta de cores e usos.
Outro fito foi a aparición dun bustier do deseñador de
moda Issey Miyake na portada da revista ArtForum no ano 1982 constituíndo un momento axial no longo camiño cara ó prestixio
da moda en relación coa cultura. A moda aparece daquela considerada como peza
cultural no ámbito artístico, servindo como exemplo da hibridación típica deses
tempos. Ese fito abriu camiño para o acceso da moda dos nosos días ó museo, ás
galerías de arte, ás universidades e ós estudos científicos.
Outro importante momento da intertextualidade nas artes
foi a Biennale di Firenze comisariada por Germano Celant no ano 1996 baixo o
leitmotiv de arte e moda. Daquela os modistas Gianni Versace, Miuccia Prada,
Azzedine Alaïa, entre outros, expúñanse conxuntamente cos artistas plásticos Roy Lichtenstein, Damien Hirst, Julian
Schnabel, por subliñar uns poucos, nunhas combinacións de arquitecturas
renacentistas e contemporáneas da man de Arata Isozaki, para celebrar a fusión
das linguaxes artísticas.
Notable foi en España la movida, un movemento contracultural
que serve de leitmotiv das formas creativas das dúas derradeiras décadas do
século XX. Música, artes plásticas,
ocio, publicacións, programas de radio e televisión, reflicten unha transformación
posmoderna na sociedade. Unha idade de ouro das artes ou La Edad
de Oro chamada así como o programa televisivo homónimo dirixido por Paloma
Chamorro, que premiaba toda novidade e calquera creación. Esa movida
tivo varias capitais, Madrid, Barcelona, Bilbao, Valencia, Málaga e Vigo. Froito
dese ambiente xorden múltiples intervencións creativas e proxectos varios,
entre outras convocatorias con idiosincrasia na época atopamos a da arte coa
creación da feira Arco, e a da moda,
coa aparición de revistas e suplementos nos xornais dedicados ó deseño, á moda
e á arquitectura. Asemade se crea a Pasarela
Cibeles que serve de escaparate e apoio ó sector da moda que daquela conta
cun Centro de Promoción de Diseño y Moda dependente do Ministerio de Industria
y Energía.
Galicia inaugura esas dúas décadas finais do século cunha
consulta política, a da votación do estatuto de autonomía do ano 1981, baixo o
slogan de anque chova vota. Recollendo
o espírito de cambio dos tempos, as novidades políticas acompañáronse de
cambios económicos, socias, e artísticos. E no caso concreto das artes e a
moda, ese troco tivo no movemento Atlántica
un exemplo claro dos novos aires que circulaban e o grupo Galicia Moda foi significativo da
notoriedade do téxtil convertido en moda dende aqueles momentos.
Esa Galicia que pode ser referida nun alarde nominalista,
como do movemento de arte Atlántica, da
Galicia Moda ou de la arruga es bella, respondía a un feito
común, o da apertura da escena cultural, estética, social e política cara a un
novo escenario iconoclasta no final do século XX
O antigo sector do téxtil que estaba formado por modistas,
xastres, pequenos grandes almacéns como Simeón, Olmedo, Cividanes, troca cara
empresas de deseño. Os fabricantes
monoproduto como Regojo, coas súas célebras camisas Dalí, ou Confecciones Goa,
se foron transformando cara a o sistema da moda.
De contado apareceu Adolfo
Domínguez, e o célebre slogan la
arruga es bella, unha frase publicitaria que conmocionou á época. O
deseñador é un notable persoeiro nos medios de comunicación dende entón, e xa
naqueles anos aparecía dando explicacións sobre a Bauhaus no programa de José
Luís Balbín La Clave, en presenza do
mesmo Monsieur Courrèges. O empresario ourensán deseñou facendo unha aliteración
de inspiración xaponesa, partindo daqueles iniciáticos deseñadores iconoclastas
que foron Issey Miyake, Rei Kawakubo, Yohji Yamamoto, que deixaron coa boca
aberta a tódalas pasarelas de París. Pois
Adolfo Domínguez cortou traxes e
camisas, teceu xerseis e fundiu xoias, coseu zapatos e estampou vestidos, ca
simpleza dunha forma de T na estrutura dun kimono. Un estilo tan sinxelo que se
lle pode chamar como en Xapón, wabi, ou
sen decoración. E canto as cores afondou nos grises, terra, pedra, area, nube,
nunha cita ás cores da pintura monocroma xaponesa, as cores sumi-e. A frase la
arruga es bella, representa sen dúbida unha puxa no eido da antiga batalla
do algodón e o liño, en defensa da galeguidade da arroga e o liño.
O sr. Luís Carballo colabora entón co Sr. Domínguez e
tamén é o impulsor do grupo Galicia Moda.
Un proxecto que formaba parte do Programa
para el desarrollo del Sector textil en Galicia apoiado pola Xunta de
Galicia. Os ámbitos do grupo abarcaban entre outras relevantes actividades a da
publicación da revista homónima e a organización de actos de promoción e
publicidade, entre outros a convocatoria da pasarela Luada, Luar que tivo brillantes veladas no Teatro García Barbón de
Vigo, e tamén en París. Co gallo do desfile se reunía o sector, a distribución,
a prensa, a clase política e a sociedade.
A presentación do primeiro número da revista Galicia Moda, un importante vehículo de
publicidade para o sector da que se editaron 18 números entre o número 0 de
1983 e o final en 1992, aconteceu o 20 de xaneiro de 1984 no
Hostal dos Reis Católicos en Santiago de Compostela. En verbas do director da revista Luís
Carballo, a publicación nacía cunha vocación de “dar a conocer universalmente la imagen de nuestra moda, la de nuestra
cultura, nuestro arte, nuestros políticos, intelectuales o de nuestro turismo,
por que lo que a ellos les falta es imagen.” 1
Igual que en Bélxica aparece un novo grupo de deseño e
industria cos chamados 6 de Amberes, que
eran: Bikkembergs, Demeulemeester, Van
Beirendonck, Dries van Noten, Van Saene, Marina Yee; igual que en Italia se
axita o prêt-à-porter de luxo con Armani, Ferré, Valentino, Versace; daquela en
Estados Unidos apuran os corpos sport vestidos ou en roupa interior con deseños
de Calvin Klein, Ralph Lauren, Perry Ellis; de igual xeito en Francia os
deseñadores máis vangardistas como Thierry Mugler, Azzedine Alaïa, Claude Montana,
Jean Paul Gaultier, triúnfan ó captar o espírito dos tempos, o zeitgeist. Galicia segue os tempos e
crea marca/país co grupo Galicia Moda e
co impulso de outras moitas empresas de moda que evolucionan de xeito
individual.
Todo cambia nos derradeiros anos do século XX. Tal e como
explica a decana da Facultade de Belas Artes, Silvia García: “…un período que resultou fundamental para o desenvolvemento do sector
(téxtil e da moda) en Galicia que afectou de forma decisiva a outros ámbitos
sociais e culturais…a estrutura das fábricas téxtiles e dos pequenos obradoiros
familiares deu paso á industria da moda…que xurdiu na procura do intanxible: o
deseño como valor engadido… Xa a comezos dos 80, Adolfo Domínguez apostara pola
imaxe de marca reforzada polo lema: la
arruga es bella…”.2
En Galicia se promove un sector de deseño de moda con
vocación innovadora e internacional. Pertencentes a Galicia Moda foron entre outros Caramelo, Unicén, Florentino, D´Aquino,
Pressman, Vesgante, Cortemans. Empresas esencialmente centradas na moda
masculina e deseño contemporáneo. Mais o
sector conta asemade con empresas de punto, moda feminina, xoias, roupa
infantil. Entre outros cabe mencionar a Roberto Verino, Luís Fortes, María
Moreira, Estrella G., Chicha Solla, Teresa Ramallal, Kina Fernández, Antonio
Pernas, Olga Ríos, Purificación García, Viriato, Jealfer…hai máis na lista, e
sen dúbida todos eles personifican un novo xeito de facer empresa. Ó incorporar
cambios de estilo, silueta e aspecto,
tanto nas modas que producen como nas estruturas industrias e comerciais das
súas empresas.
Como anecdotario non exento de transcendencia compre
mencionar que co gallo da presentación do segundo número da revista Galicia Moda o 13 de xullo de 1984, desta volta no Centro Cultural del
Conde Duque en Madrid, o premio Novel Camilo José Cela, expresaba a súa
satisfacción ó afirmar “me alegra
colaborar en el lanzamiento del primer producto no tercermundista que ofrecemos
los gallegos.” 3
Os deseñadores e industriais protagonistas desa gran
incorporación no sistema da moda, non actuaban solos. Se non que compartían o
espírito dos tempos con outros ámbitos da escena cultural. En Italia estaba a
Transvanguardia de Achile Bonito Oliva, con artistas como Enzo Cucchi, Anselmo
Clemente, Sandro Chia. En Francia
contaban co ministro de cultura Jack Lang quen apoiou a lectura e a moda. En
España estaba a movida e Moda de España, con
creadores como Ouka Lele, Miquel Barceló; modistas como Sybilla, Jesús del Pozo; deseñadores e arquitectos como
Mariscal e Rafael Moneo.
En Galicia traballaban arquitectos como César Portela,
Pascuala Campos, Iago Seara. Estaba tamén o Grupo
Atlántica, con senlleiros artistas como Francisco Leiro, Antón Patiño, Menchu
Lamas, Correa Corredoira, entre outros, quen constituían un conxunto fluído de
artistas de nova expresión. E tamén
estaba a música de Siniestro Total compoñendo
o himno postpunk de Miña Terra Galega e
a Galicia Caníbal (fai un sol de carallo) de
Antón Reixa e Os Resentidos.
Golpes
Baixos apuraban o
sintetizador na Fiesta de los Maniquíes e
a revista Tintimán era o singular fanzine integrador da oficialidade e o
underground creado polo perruqueiro Javier Moreda. Aparecían galerías de arte como Trinta en Santiago de Compostela. E
María Falagan creaba as galerías Labris
en A Coruña e Ad Hoc en Vigo, onde a
troula era un arte en clubs como o Ruralex,
El Manco de Lepanto, Vanitas Vanitatis e Kremlin, onde se podían ver as
modas máis arriscadas.
En Galicia, se incorporan á escena cultural asemade as
primeiras salas de exposicións, auditorios e orquestras sinfónicas. Auditorio de Galicia abre no 1989 e logo
haberían de seguir, o Centro Galego de Arte Contemporánea , Centro Torrente
Ballester no ano 1993. Museo de Belas
Artes da Coruña, MARCO de Vigo xa no século
XXI, e logo os espazos creados polas universidades galegas. A Orquestra
Sinfónica de Galicia empeza no 1992 e a Real Filharmonía de Galicia se crea en
1996. Aparece o primeiro xornal en galego O
Correo Galego logo Galicia Hoxe. E
ó premio Novel de literatura Camilo José
Cela dedícaselle unha fundación en Iria Flavia, Padrón. Galicia estaba de
estrea!
A moda, foi dende entón pois, unha manifestación a
engadir a outras moitas formas creativas de troco, cambio, progreso, evolución,
melloramento. Algúns deses relevantes creadores doutros ámbitos, como Gonzálo Torrente Ballester, Camilo José
Cela, Enríque Macías, apareceron na revista Galicia Moda, a moda miraba ós outros nun espello.
Os tempos levaron a aquel deseño de nicho, empresas de
deseñador moi singular, ás veces semellantes a un taller de costura ou xastre
con estruturas un pouco mais complexas, cara ós grandes grupos e corporacións. En
Francia, a corporación Louis Vuitton
Möet Hennessy, merca e reinventa Christian Dior; o grupo de empresas Printemps
Pinault Redoute merca e renova Yves
Saint Laurent. En Italia, Estados
Unidos, os grandes grupos comezan a controlan a escena nos anos finais do
século XX. E en Galicia aqueles pequenos
proxectos de deseño case que artesanal transfórmanse nuns casos en historias finitas, e noutros en
sólidos negocios de confección como Roberto Verino e Florentino.
Os máis subliñados daqueles grupos progresan cara á
natureza multinacional e de cotización bursátil, tal é a situación de Adolfo
Domínguez quen sae a Bolsa no 18 de marzo de 1997, converténdose na primeira
empresa de moda española cotizada. Logo Inditex comezaría a cotizar no 23 de
maio de 2001. E nesa marmita fervendo aparece outro senlleiro grupo,a Sociedade Textil Lonia no 1998 concibida
pola familia Domínguez que será coñecida polas marcas Purificación García, Carolina Herrera. E aínda con outra persoa xurídica a familia haberá de
crear a célebre Bimba y Lola xa
avanzado o século XXI.
Esa década final do século foi de expectativas ilimitadas cun mundo en
troco e a transversalidade do deseño. Galicia ten o seu papel nese gran teatro
do mundo da estética e a industria. Os persoeiros van trocando de papel pero
cada volta son máis sólidos. O século XXI prevé moitas novidades que levan toda
a herdanza dun posmodern galician style cheo
de soños, carácter e realidades.
Román Padín Otero
Bibliografía e citas:
Galicia Moda,revista.Editor Luís Carballo, Ourense, años, 1984-1992.
Lipovetsky,
Gilles. El imperio de lo efímero. La moda y su destino en las sociedades modernas. Editorial
Anagrama, Barcelona, 2007.
VVAA. Os 80. Moda en Galicia Singularidades. Concello de Pontevedra,
2009.
1 El número uno de la revista “Galicia Moda” se presentará el viernes en
Santiago. La Voz de Galicia, A
Coruña, 18 de xaneiro de 1984, p.19.
2 Silvia García González. “O tempo reconstruído. A exposición “Os 80 moda
en Galicia. Singularidades”. VVAA. Os 80.
Moda en Galicia Singularidades. Concello de Pontevedra, 2009. P. 9-11.
3 Galicia Moda foi presentada en Madrid, aínda que con notables ausencias. La Región, Ourense, 14 de xullo de 1984,
p. 15.
XXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXX
A Moda en Galicia. Século XXI
aproximacións.
O fenómeno de masas que é a moda no século XXI ten unha
presenza asemade destacada na Galiza. Na sociedade galega, na industria, no
comercio, no ámbito creativo e no eido académico do país galego a realidade
nomeada polo filósofo Gilles Lipovetsky
(2013) como O capitalismo estético rende
conta da súa existencia no contexto da Galiza de igual xeito que acontece no
resto de Europa e do mundo. Atopamos un “peso
que acadan os mercados da sensibilidade e do proceso do deseño, un traballo
sistemático de estilización dos bens e dos lugares mercantís, unha integración
xeneralizada da arte, do look e da atracción cara a un universo de consumo.”1
Esta innovadora forma de manifestación cultural que é a
moda ten dous cabos, o das grandes corporacións téxtiles e o dos deseñadores de
nicho. Entre eles atopamos creadores e empresas de rango medio que responden a
criterios diversos como a diferenciación, o estilo, a cercanía…na Galiza temos
bos exemplos de todos eses axentes, nestas liñas os describimos. E tratamos
tamén outros axentes axiais como son a academia e o museo, as exposicións e as
universidades.
Se ben é certo que a notoriedade acadada pola moda no
mundo e en Galiza é sobresaliente no século XXI, xa hai cen anos había
creadores galegos que formaban parte do sistema da moda. O artista e ilustrador
vigués Federico Ribas Montenegro (1890-1952)
colaborador da firma de cosméticos Gal e
de xornais como ABC, La Esfera,Faro de
Vigo, destacou cun estilo de ilustración cheo de glamur, elegancia e estilo
á la mode!. Un discurso semiótico de
fantasía e zeitgeist que segue a
existir na moda dos nosos días e que comprende moi ben, por exemplo, a galega
formada en Mestre Mateo de Santiago, Alba Melendo. Ela como estilista e
xornalista de moda ten publicado os seus traballos en Garage Magazine, Vogue Portugal, Odda Magazine entre outros medios
de comunicación.
Os ilustradores, fotógrafos, estilistas son quen de levar
o discurso da moda dende o deseñador e a industria até o consumidor e o
mercado. Un sistema de moda que nos nosos días, tamén na Galiza, se enfronta a
grandes retos tal e como argumenta a comisaria e analista de tendencias Li Edelkoort (2016) no seu Anti Fashion Manifesto. Son novas
paradigmas derivadas das necesidades e inquedanzas
sociais como a calidade da formación nas universidades e escolas de arte, a
importancia do deseño e do oficio e non do produto masivo ou a granel, a
ecoloxía e a calidade dos materiais, os dereitos humanos a igualdade entre
homes e mulleres e a ausencia de xénero na creación…todos estes retos son
cuestións consideradas pola moda a nivel global ou mundial e como non podía ser
de outro modo tamén na Galiza. Pois as empresas arestora actúan no eido global
dende o local ou teñen estruturas internacionais de seu.
Outra consideración relevante da moda nos nosos días é a
da súa percepción como manifestación cultural, creación artística ou en
calquera caso como ben susceptible de ser exposto en salas de galerías e museos
de arte, moda, cultura e antropoloxía. Un fito neste avance na avaliación da
moda foi a exposición dedicada ó modisto Giorgio
Armani no Guggenheim Museum de Nova York no ano 2000. A totalidade do
museo se ocupaba coa creación de Armani ambientada
nunha escenografía de Robert Wilson e
cun comisariado de Germano Celant e Harold Koda. Esa exposición viaxou logo
a Bilbao ó Museo Guggenheim desa
cidade. Para algúns foi unha intrusión do comercio no templo da arte. Moitos
criticaron o emprego inadecuado de fondos privados para financiar a cultura
pública. Unha maioría apreciou a mostra como un símbolo do troco dos tempos e
unha declaración de principios do recoñecemento dunha nova expresión cultural
no eido das artes e o estudo dos obxectos.
Hai outras exposicións notables de moda en España e na
Galiza ó longo deste século XXI. A mostra Tras
el Espejo celebrada no 2003 no Museo
Nacional Centro de Arte Reina Sofía, recollía un monumental vademecum da
moda española e viaxou no 2004 a Santiago de Compostela nun acontecemento
extraordinario. Pois tivo unha sede tripla, na sé da Fundación Caixa Galicia e na Fundación
Torrente Ballester na Rúa do Vilar. E na sé da Fundación Granell no Praza do Toural.
Os modistas galegos tamén haberán de ser suxeitos de
mostras alén das fronteiras da Galiza e a exposición Roberto Verino 25 Años de Moda foi acollida polo Museo del Traje CIPE de Madrid.
E compre dicir que esas mostras son de grande interese
para a audiencia pois no ano 2008 a sé da Fundación
Caixa Galicia na Coruña acolleu a exposición Yves Saint Laurent diálogos con el Arte, na que se puñan en
relación obras da colección da institución coa creación de alta costura do
modista francés. A mostra recibiu máis de 55.000 visitas en dous meses, unha
afluencia que supera a de calquera outro tipo de exposicións e sitúa ás
exposicións de moda a nivel internacional en eventos tan populares como as mostras
dedicadas ós pintores impresionistas
franceses, Tutankamón ou La Gioconda (que
son as mostras máis visitadas por exemplo no MET de Nova York, seguidas
e case que superadas por mostras como China
Through de Looking Glass -inspiracións de China nas modas occidentais-, Alexander McQueen Savage Beauty, Heavenly
Bodies –a inspiración na relixión católica da moda-.
A Universidade
de Vigo na Facultade de Belas Artes de
Pontevedra desenrola unha salientable
actividade no ámbito da moda través da ESDEMGA,
Escola de Moda de Galicia. Diversos grupos de investigación e o traballo de
Lola Dopico, Silvia García, os
estudantes e o equipo docente, son quen de poñer en práctica múltiples
proxectos académicos e expositivos. Entre outras mostras xurdidas do ámbito da Facultade de Belas Artes pódese
mencionar Os oitenta Moda en
Galicia.Singularidades celebrada no Pazo
da Cultura de Pontevedra no 2010. E asemade no 2013 a mostra Hacer, Diseñar, Pensar. Piezas, experimentos
y caminos del Diseño. Celebrada no Museo
Nacional de Artes Decorativas e que expuña o traballo de 17 creadores
galegos do ámbito da ESDEMGA.
En fin cando no 2016 a Cidade da Cultura programou a mostra antropolóxica Con-fío en Galicia, dedicada nunha
notable parte á indumentaria, traxe de escena, traxes rexionais e téxtil. Houbo
asemade unha destacable presenza da moda. Expoñendo os traballos dos estudantes
da ESDEMGA, tamén do Mestre Mateo de Santiago de Compostela,
e como non da excelente industria da moda galega dos anos 1980, 1990 e século
XXI, con creadores de grandes empresas como Adolfo
Domínguez, Inditex, Grupo Lonia. Deseñadores de nicho como D-Due, Knitbrary. E industriais como Viriato, Jealfer.
A moda no século XXI é daquela un ámbito enfrontado a
notables retos. Bicéfala ( pois se localiza tanto no espazo mercantil e
industrial, como no da arte e o deseño). Heteroxénea nos seus axentes pois
conta con grandes corporacións e pequenos creadores. E forma parte dende logo
da dualidade existencial do mundo cibernético deste século con e-commerce xunto ó comercio físico. Un
dato de referencia é que no comercio global de téxtil un 21% corresponde a vendas on
line. E no caso de España esa cifra debe acompañarse coa participación no
PIB que é do 3% e co emprego que xera o sector que é un 5%.
Un grande cambio acontecido na industria, no comercio e
no deseño co gallo do troco de século
foi o da incorporación de xeito dominante ós mercados e ó sistema financeiro
das corporacións multimarca e transnacionais adscritas ós eidos do téxtil e da
moda. En Galiza aconteceu de xeito semellante e no 18 de marzo de 1997 o
empresario Adolfo Domínguez sae a
bolsa, converténdose no primeiro deseñador en cotizar na Bolsa de Madrid. Esa
aposta económica habería de propulsar outros proxectos empresariais no seo da
familia Domíguez. Pois unha facción
da familia habería de constituír ese
mesmo ano 2017 o importante grupo Textil
Lonia que haberá de desenrolar as marcas Purificación García e Carolina
Herrera, alcanzando con ámbolos dous nomes comerciais importantes cifras de
negocio, até convertelos nunha das principais corporacións de moda made in Spain.
Aínda outra parte da familia constituirá no ano 2005 a
célebre marca con tendas propias Bimba y
Lola, especializada na moda feminina, nos accesorios e marroquinería.
O grande grupo de moda do mundo, Inditex, crea dende a Galiza unha das apostas máis vangardistas
dende o punto de vista de estratexia de negocio, branding, distribución e imaxe global. O grupo de empresas sae a
bolsa no 23 de maio de 2001. E continúa con esa acción de financiamento a
apertura da compañía nunha imparable progresión de vendas e estilo no vestir
que alcanza, en tódalas opinións, a excelencia empresarial. Tanto o grupo Inditex, como Adolfo Domínguez e as restantes compañías de moda en Galiza e no
mundo, están arestora a enfocar as súas estratexias baixo o sortilexio dos
novos tempos, incidindo de forma absoluta nos produtos ecolóxicos. Argumentado nas súas campañas de publicidade, nas
páxinas web e nos sistemas de produción os produtos
sustentables, a trazabilidade do produto, a circularización e a ética. Pois
esas son as teimas que máis considera a sociedade e asemade teñen de ser a
bandeira dos industriais e deseñadores para acadar o suceso.
Como se adiantou en liñas previas, non soamente hai no
mundo, e tampouco en Galiza grandes corporacións de moda. Hai asemade un
importante número de deseñadores individuais ou pertencentes a pequenas empresas
que teñen un atractivo pulo creativo e indiscutible presenza no mercado. Hai
asemade unha realidade que é a da procedencia das Escolas de Arte deses deseñadores de nicho, e mesmo dos deseñadores
novos empregados en grandes corporacións.
De feito tódolos grandes modistas e deseñadores das
últimas décadas proceden de escolas de Arte.
John Galliano procede de Saint Martins, Tom Ford procede de Parsons, Martin Margiela procede da Real Academia de Arte de Amberes. E no caso
dos galegos moitos deles se forman alén as fronteiras galegas e outros tantos
estudan arte e moda nas institucións creadas en Galiza. Dende o curso 2004-2005
a Universidade de Vigo ofrece estudos
de moda e arte na ESDEMGA e dende o ano
2018 un Máster en Moda. Dende 2010 o EASD Mestre Mateo amplía a súa oferta de
estudos de moda os facer máis doados cos tempos actuais. Hai arestora no Campus de Ferrol da Universidade da Coruña formación en Moda e Industrias Téxtiles.
Todos estes novos talentos que xorden da academia son de
feito os axentes esenciais da moda. Pois nun mercado saturado a creatividade
que procura a diferenciación de produto, xunto á creatividade que debulla novos
procesos industriais e de comercialización son elementos axiais para a
excelencia empresarial. Non soamente están a ser esenciais as prácticas disruptivas se non que o a escena socio
cultural e os mercados exhalan unha tendencia á mestura de hedonismo, arte,
industria e produto. Eses deseñadores artistas son moi importantes, son a canteira.
Nunha entrevista concedida a Art Radar o filántropo e activista da arte Han Nefkens (2015)3 describe o tipo de arte/deseño que
caracteriza a novidade na escena do século XXI:
“Empecei a me interesar pola moda cando me din conta de
que podía ser algo máis que roupa. Cando me din conta de que algúns deseñadores
podían transmitir unha idea ou unha historia a través dos seus deseños, tal e
como os artistas fan. Iso é polo que estou interesado na moda que está no borde
entre arte e moda. Moda que conta unha historia”.
E explica
Han Nefkens tamén o tipo de artista/deseñador que desenrola ese arte/deseño:
“Eu coido (que a característica que
diferenza a un artista/deseñador dun deseñador de moda) é unha combinación de curiosidade, investigación e imaxinación.
Necesitan a curiosidade para ir máis alá de onde están. Necesitan ter o desexo
de contar unha historia e o desexo de investigar. Algúns investigan un aspecto social,
outros investigan un material: si é sostible, si foi usado con anterioridade no
pasado, e máis. O que todos teñen é unha motivación para ir máis lonxe, para
facer preguntas, para explorar e logo crear”.
Como queira
que son as persoas as que fan bulir os negocios compre relacionar algúns
destacados axentes do mundo da moda, arte, creatividade que traballan en
Galiza, son galegos ou se teñen formado en terras galegas. Pablo Pérez Sanmartín é un licenciado en Belas Artes Pontevedra nado en Vilagarcía de Arousa que desenvolve
unha sobresaliente actividade artística dende hai unha década. No ámbito de
creador plástico, deseño asistido ou dj ten unha pegada que recolle o espírito
dos tempos, respirando xuventude. Tamén
é deseñador no primeiro grupo téxtil, onde crea grafismos e coleccións que
malia pertencer a unha gran marca de gran consumo manteñen a identidade o seu
autor.
O deseñador Javier
Nogueira graduouse en ESDEMGA e traballa
como creativo deseñando complementos e accesorios nunha das máis importantes
empresas do sector en Galiza dedicada ó mercado feminino. Outros creadores
saídos de Esdemga que se poden
mencionar e que camiñan entre a arte e a moda, son Sheila Pazos quen ven de participar no showroom de Ego na Mercedes Benz Madrid Fashion Week, coa
súa propia marca e que conta entre o seu currículo con formación académica
universitaria en arte e moda, prácticas en Viktor&Rolf,
participación en múltiples exposicións e proxectos. Tamén Melania Freire graduada en ESDEMGA estivo na pasarela de Madrid e
resultou gañadora na edición 2019 de febreiro do concurso do EGO na MBMFW.
Tamén procedentes de ESDEMGA
son Eva Soto Conde que desenrola
unha brillante actividade e ven de realizar unha colaboración co fotógrafo Eugenio Recuenco no monumental proxecto 365, unha grandiosa colección de
fotografías que abrangue un ano de vivencias no mundo. Isabel Mastache, tamén procedente da escola é a única galega que
ten participado no Festival International
de Mode et Photographie á Hyères no sur de Francia, ademais desenrola
unha actividade profesional con suceso
na gran industria de moda.
No ámbito máis experimental e tecnolóxico da moda
atopamos á creadora formada en Pontevedra María
Castellanos quen traballa xunto a Alberto
Valverde. Na súa propia expresión vénse máis próximos a crear artefactos
para poñerse que a facer moda. Máis actividades creativas como as deles tanto
no ámbito das pasarelas, como no internet ou nos museos son as que alimentan a
progresión e o futuro do sector. Pois os seus descubrimentos serven para a
evolución de materiais, formas, prendas, calzado, procesos e empregos.
Procedentes de Mestre
Mateo podemos mencionar á xa citada no inicio deste artigo Alba Melendo que desenrola unha
actividade internacional de estilista de moda. E Marcos Batuecas quen desenrola unha magnífica carreira en Londres,
sendo neste 2019 o client development
manager for Ermenegildo Zegna.
Entre as empresas
cun proxecto máis persoal compre mencionar ás seguintes. A empresa da Coruña Knitbrary fai prendas de punto de alta
calidade. Un deseño sinxelo, materiais selectos, viaxando ó redor do mundo para
coller os mellores materiais, con tecido artesanal, e creando deseños
duradeiros e atemporais.
Sansoeurs
e MyBarrio, son tamén dúas empresas con estilo slowfashion xurdidas da experiencia do coñecemento do sector do fastfashion por parte dos seus
creadores. Logo de saber cómo funciona a parte máis competitiva do comercio da
moda, estes creadores decidiron crean unha compañía de xoiería moi sinxela e bonita e unha tenda-estudo de life style con moitas cousas para o cada día.
Deseños simples, bonitos e útiles.
Outras empresas de pequeno tamaño e altas doses de
creatividade, estilo sinxelo e slowfashion
son Masscob, que crean unha
preciosa liña de roupa feminina. E a firma D-Due
quen non soamente son os axentes provocadores na creatividade da escola ESDEMGA se non que tamén dende hai
décadas manteñen unha fábrica onde producen as súas coleccións que arestora
están a vender no mercado Xaponés e no prestixioso Dover Street Market.
É un amplo sector o da moda que atopamos
de xeito interesante ligado a varios campos culturais. Industria, cultura,
arte, tecnoloxía, academia, finanzas, museos, tendas, aparecen baixo unha
sistemática común, nun xogo de esferas onde o obxectivo é a creación da imaxe e
identidade dunha época. Compre non esquecer que no século XXI as tendas máis
vangardistas comercializan ós creadores máis rompedores que expoñen nos museos
máis intrépidos en espazos que son a todas luces semellantes. A cultura da moda
está ciscada polo mundo e todos, mesmo sen sabelo, usamos dela.
Román Padín Otero
1.
Lipovetsky, G.,
Serroy, J. (2013). L´esthétisation du
monde. Vivre à l´âge du capitalisme artiste.París. Galimard. Pág.,12.