As artes transversais
Cada época agocha formas de expresión e movementos artísticos que son o
espello dese tempo. A cultura no século XXI atopa na interdisciplinariedade e
na reunión dos creadores nos movementos transversais o seu zeitgeist. Co gallo da tempada de feiras de arte nacionais e
internacionais, un cumio de artistas e espazos serven nos guían pola creación de
hoxe.
O filósofo Gilles Lipovetsky explica que nos nosos días estamos rodeados de
obxectos deseñados, todo canto temos de redor está concibido esteticamente para
cumprir unha función tradicional ou desenrolar unha nova actividade. Nas artes
e fora delas se procura traspasar as barreiras clásicas ou académicas, tanto
nas temáticas como na execución.
Atopamos pintura máis alá da pintura ou fora do lenzo, a escultura se
presenta sen pedestal, a arquitectura é sostible, a moda é de vangarda, hai soportes
dixitais para todo, e a imaxe en movemento é perenne.
Neste mesturado postmoderno ou hipermoderno das artes e a cultura, hai dous
eidos incorporados polos artistas a nivel global, que resultan moi representativos
da nova estética colaborativa e transversal. O téxtil e a cerámica captan o
espírito dos tempos actuais.
Esta nova escena integradora de técnicas se aprecia a nivel internacional (Joana
Vasconcelos, Edmund de Waal, Craig Green) e nacional onde un grande grupo de
artistas que empregan de cotío o téxtil, a louza, a cestería, a xastrería, os
nodos, os materiais febles para representar o seu discorso.
Chelo Matesanz (Reinosa,1964) fai pezas verticais, cadros ou pendóns, de
gran formato con técnicas mixtas, nas que destaca o traballo de costura, como
no monumental Peliqueiros do ano 2007
feito en pespunte sobre tecido que mide tres metros de alto e longo. Noutras
obras como Credulia, exposta no ano
2018 na galería Espazo Olvera, combina o barro esmaltado, madeira e tela para
unha peza de gran formato. No Drawing Room deste ano, presenta traballos ca
galería sevillana. Esta artista e profesora de artistas na Facultade de Belas
Artes de Pontevedra, ten aplicado o téxtil e a cerámica nas súas creacións, construíndo
un discurso ó longo dos anos, poliédrico, procesual, intelectual, humorístico,
evidentemente feminista.
Outro mestre de mestres na Universidade de Vigo é Nono Bandera
(Málaga,1958), que pinta e recolecta imaxes e obxectos encontrados para
incorporalos a cadros, xerros, cráteras, esculturas, tecidos e varia. En Desayuno en la hierba no ano 2018 na
galería Espacio Mínimo, había pezas cerámicas e pinturas que desenrolaban un
discurso de trampantoxo, ironía e sátira, realidade e ficción das imaxes. Nos Nuevos jarrones black and white que
presenta na mesma galería, en Arco neste 2020, combina a cerámica coa pintura,
en formas grecorromanas postmodernas e estampacións xeométricas.
Atopamos asemade artistas que teñen incorporado o téxtil e a cerámica á súa
bagaxe. Mauro Trastoy, premio Díaz Pardo da Deputación da Coruña 2019, presenta
na galería Marisa Marimón, cadros e obxectos feitos con procesos de bordado,
tecido, cosido. Toda unha produción de arte téxtil que dialoga ca pintura
expandida ou postpintura. En Just Mad deste ano, está coa galería ourensá
compartindo espazo con Tamara Feijoo, quen presenta uns debuxos de grafito
sobre táboa. Esta artista desenrola asemade unha actividade como ilustradora de
tecidos.
O colectivo Formabesta, formado por Salvador Cidrás e Juan Cidrás, exploran
os extremos do téxtil e da cerámica dende unha perspectiva escultórica. Na
galería Casado-Santapau que está en Arco 2020, presentan traballos onde trocan
relacións espaciais e incorporan novas texturas.
Christian García Bello ten sido seleccionado no IV Premio Cervezas Alhambra
e presenta o froito da súa proposta na feira Arco deste ano. Baixo o título Almuqárbas, fai un achegamento
contemporáneo ó mocárabe (o elemento
decorativo árabe composto de prismas xustapostos). A peza de porcelana patinada
e policromada, está feita en colaboración coa ceramista Verónica Moar, e se
orixina pola inspiración da arquitectura da Sala Dos Hermanas, Palacios Nazaríes da Alhambra de Granada.
Moda interdito á Arte
Outros artistas desenrolan o seu espazo creativo apoiados na moda. Sheila
Pazos, ten feito entre outras propostas a colaboración co fotógrafo Eugenio
Recuenco na serie de fotografías 365 que
está recolleita nun catálogo e se expuxo en Madrid e Berlín.
Melania Freire foi premio Ego
MBMFW 2019 coa súa colección Me Compré una Postal de David
Hockney na que presentaba unhas siluetas con estampados feitos a
partir de cadros e memorabilia do famoso pintor británico. Ten participado como
directora de arte no filme Longa Noite de
Eloy Enciso, premiado e aclamado internacionalmente.
O deseñador José Cortizo fora premiado Debut Esdemga 2017, participou na GraduateFashionWeek e propón na súa web
as súas creacións case que fortunescas baixo o nome Cortizostudio.
A moi recoñecida firma Loewe conta
nas súas coleccións con traballos en cestería de Idoia Cuesta, os seus
obxectos, bolsos, cestos son pezas de arte sempre a dispor por medio das webs
da casa de luxo e a da propia creadora.
Son asemade salientables as creacións téxtiles de Sara Coleman que se
expuxeron recentemente na fundación RAC de
Pontevedra. Os traballos do corpo cyborg de María Castellanos e Alberto
Valverde, que veñen de verse no salón Première
Vision París. As esculturas febles de Román Corbato, que estiveron hai
pouco na Cidade da Cultura.
Os traballos destes artistas poderán verse nas galerías e Feiras de Arte
2020 en Madrid no mes de febreiro e marzo, e nas páxinas web dos creadores e
galeristas.
Román Padín Otero