A Amnesia de Clío.
O compositor Fernando Buide del Real (Santiago de Compostela, 1980) ven de presentar
o seu derradeiro traballo en Galicia. Unha ópera contemporánea, musicalmente
ecléctica, con libreto de temática política e feminista, escena de realismo
onírico e vestiario camp.
A amnesia de Clío é
unha ópera en tres actos composta polo mestre Buide que conta con libreto de
Fernando Epelde e dirección escénica e escenografía de Marta Pazos. A Real
Filharmonía de Galicia estivo dirixida por Paul Daniel. O rol feminino
principal, Clío, ten sido interpretado pola soprano Raquel Lojendio. A ópera
contou asemade co barítono Sebastiá Perís, no rol de George W. Bush e a
mezzosoprano Marina Pardo nos papeis duplos de Merkel- Zimmerman. O Orfeón
Terra Nosa estivo dirixido por Miro Moreira. O vestiario foi creado por Pier
Paolo Alvaro; a coreografía de Rut Balbís estrutura a continuidade entre
escenas que aparecen ensartadas coa actuación dos bailaríns Diego Buceta e Fran
Martínez.
Trátase dunha produción de Voadora que tivo de contar co apoio dunha
panoplia de institucións para poñerse en escena (Consorcio de Santiago, Real
Filharmonía de Galicia, Xunta de Galicia, Asociación de Amigos de la Ópera de
Santiago). Esta imperativa integración de esforzos evidencia a complexidade e
dificultade de representar ópera. E aínda de estrear ópera contemporánea, as
cavilacións e tribulacións dun mestre compositor son un drama infinito mesmo
wagneriano ou aínda serial!
Presenciamos, en efecto, unha creación de vangarda que integra música,
canto, drama, escena e vestiario, nunha proposta artística incardinada no
renacemento das formas eruditas apoiadas nos estudos académicos e o tratamento
das grandes teimas da cultura.
O título da obra incorpora a forma narrativa e non soamente poética. É un
título de irónica transversalidade postmoderna ou mesmo hipermoderna. Clío é a
musa que leva como atributos loureiros na testa, instrumentos musicais e un
libro de historia, escrito por outro, Tucídides o historiador grego, nas mans.
Representa a universalidade e ubicuidade da historia.
A Clío desta ópera confrontase ca paradigma masculina do poder sen deixar de
ser inspiradora para o artista. Unha sorte de iconoclasta que aparece trasposta
en tódalas mulleres que gobernan. Na súa posmodernidade, compositor e
libretista pensaron mesmo en convocar o espírito “jeffkoonsniano” da actriz,
musa e política Ilona Staller Cicciolina. Mais iso non puido ser, nembargante a
dona que escapa de a cabalo ou a que se aparece asinando tratados, a que
executa ou a que se entroniza, aparecen na ópera. Fronte a elas os “homes
borrosos”, aqueles heroes da guerra de Irak que un ex presidente George W. Bush
en senectude retrata con maníaca reiteración. Velaquí o nodo deste melodrama,
logo temos de describir outros recursos intrínsecos na narrativa do
espectáculo.
Hai na partitura un estilo neoclásico con formas liberadas dos extremos das
vangardas e de certo escoitamos abstraccións pero atendemos sobre maneira a un
equilibro entre as formas do arioso e
do recitativo ou formas faladas. Hai
excelencia nos corais, nas formas
orquestrais e hai claridade na dicción o cal é unha peculiaridade da ópera
contemporánea. O recurso a versos con textos numéricos ou vocativos non fai se
non incidir na simbiose entre texto e música. Mesmo até facernos sentir un
certo serialismo musical que por mor doutros efectos nos evoca ó cineasta Peter Greenaway e as súas liaisons musicais con Wim Mertens, Michael Nyman.
A ópera ten escenas íntimas como no Brokeback
Mountain de Charles Wuorinen. E
ten na alegoría que se acada coa
escenografía, os traxes e as coreografías cantantes e bailaríns, un elemento
narrativo axial que evoca a outra obra que é da preferencia do compositor, La Conquista de México de W.Rihm.
Quen escribe estas liñas atopa relación de A Amnesia de Clío coa J.F. K. de David T. Little e ca The
Perfect American de Philip Glass, polo
emprego de época e protagonistas contemporáneos o tratamento de cuestións
políticas, os mitos universais e o hieratismo nas coreografías.
No discurso alegórico da ópera aparecen a pintura de Artemisia Gentileschi cunha visión dun cadro, Susana e os vellos. Tamén se poden ver uns Raptos e Venus de Tiziano
e Tintoreto (se non è vero è ben
trovato). Hai unha cita a Edward Hopper na
concepción da escena e gravita sempre o espírito da estética Camp explicado de xeito tan clarividente
pola filósofa Susan Sontag no seu
texto Notes on Camp do ano 1964. Pois
hai recursos de simetrías nos bailaríns, de formación militar no coro, de
delirantes vestiarios, de emprego da cor vermella e en fin do recurso á estética
cowboy e ivy league que son sen dúbida e de marabilla Camp.
A ópera A Amnesia de Clío tivo
tres representacións en Santiago, A Coruña e Ourense, ademais dun ensaio xeral
con público e vestiario na véspera de Santiago. É unha deliciosa creación musical
e unha folie escénica brillante que
nos permitiu por catro noites formar parte das sólidas pilastras de cultura de
vangarda internacional.
A cuestión de vestir ás musas
Entre os recursos creativos empregados na ópera compre subliñar o do
vestiario creado por Pier Paolo Alvaro. Un conxunto de fantasías en miscelánea
que acompañan e mesmo reforzan o canto na representación. O estilo do vestiario
e realista, a época contemporánea, as culturas europea e americana son as
empregadas como localización.
A heroína viste de cor vermella con perruca loura, viste tamén en crepé de
gasa de seda nunha bata de azul nube noutra escena, como unha dona moderna de
Diane von Fürstenberg. E aparece asemade como bailarina en puntas e tutú cun
tocado caprichosamente oriental, ruso ou chinés evocador dos espectáculos de
Diaghilev. Vestida de branco con abrigo
longo semella un personaxe de Dinastía ou de Gianni Versace nos anos noventa. É
sae pretendéndose espida nunha faixa nude que cita a Jean Paul Gaultier. E
aparece envolta nunha serea para asistir a unha puxa de arte noutra escena na
que se acompaña do coro vestido en estilo ecléctico pero constantemente
sofisticado, con lazos, turbantes, xastres e glamur.
En fin xélida, hierática rubrica a representación entronizada nunha escena
final que a envolve en azul Klein. Esa composición derradeira sitúa no centro
entre nubes barrocas a Clio cuberta dun manto azul como una fantasía celestial
de Thierry Mugler. A cada lado os outros personaxes principais en roupas de
estilo mad men e folies de uniforme. O coro asemade vestido unhas veces en
xastre outras en uniforme. É como dúas guarnicións dunha cornixa haussmaniana os
dous bailaríns espidos arrastrando metros de tecido en papel branco a modo de
nubes enmarcando o coral final.
Gesamtkunstwerk do século XXI, colectivo, intelectual, racionalmente
creativo.
Román Padín Otero