viernes, 31 de mayo de 2019
jueves, 30 de mayo de 2019
Retratos duplos FV 30.5.19
Retratos duplos.
A exposición De Par en Par: Amor entre
Iguais. Fotografías atopadas,1880-1947,
celebra os retratos duplos en
fotografías de vello. Son imaxes de homes e mulleres en parellas do mesmo sexo
que se fan fotografar de por xunto para inmortalizar e mesmo divulgar o seu
amor, en calquera das formas que ese sacro sentimento atopa.
Todas as imaxes agachan o marabilloso leitmotiv
dunha imaxinaria comuñón do espírito, un amor fondo, unha familiaridade, unha
amizade ou uns vínculos poderosos. Lazos tan fortes que levaron a eses homes e
mulleres a decidir inmortalizar ese momento de encontro, por medio da
fotografía de estudo, nuns tempos onde facerse un retrato non era precisamente
incidental e quizais facer pública a súa intimidade non era moi doado.
A mostra ten sedes duplas en A Coruña, na Casa Museo Casares Quiroga e na Fundación
Luís Seoane. Comisariada polo artista, profesor, escritor e coleccionista
de fotografías de vello, Xosé M. Buxán
Bran, a mostra ven completar unha triloxía. Iniciada pola mostra e o libro Bellos y Desconocidos, no ano 2015.
Continuou con Bañistas no 2017 no
CGAC compostelán. E agora con este De par
en par continúa a colección, selección e conversión en objet d´art desas antigas fotografías que foron inicialmente objets trouvés.
A novidade da mostra respecto das anteriores é a selección de retratos
dobres significativos das múltiples formas de amar, de dous en dous, en trío o
aínda en cuarteto. Pois hai sobre todo retratos de parellas pero tamén algún
retrato de tres e mesmo de grupo de catro. E hai un fito inspirador na mostra que é o do casamento de dúas mulleres en
A Coruña en 1901 burlando o dereito canónico e a moral burguesa da época e
mesmo as paradigmas fotográfica da época, cando Marcela e Elisa se retrataron como contraentes pioneiras do
matrimonio igualitario. Con acerto e proximidade o profesor Xosé M. Buxán Bran habitualmente
coleccionista da aparencia e identidade dos homes, inclúe tamén desta volta na
exposición retratos femininos.
Como características antropolóxicas das fotografías compre subliñar que son
maioritariamente europeas, non hai retratos de asiáticos e non aparece a
negritude, pois a orixe maioritaria das imaxes é do vello continente e en casos
puntuais proceden das Américas. As máis
das veces van os persoeiros vestidos de roupa de rúa, hai algún uniforme
(austrohúngaro), hai algo de traxe de Antroido e puntualmente travestismo de
homes en mulleres. Pero o que si atopamos de xeito evidente son mulleres
ataviadas con roupas propias dos homes da época. Tempos marcadamente binarios,
nos que chapeus de ala, garabatas, pantalóns, americanas, bastóns ou cigarros
estaban reservados ó universo masculino e que eran raptados por mulleres au rebours para facerse retratar.
Quizais subliñando unha conduta ideolóxica de women´s liberation, facendo fincapé na súa sexualidade, ou
empregando a sátira e ironía para épater
les bourgeois.
Os discursos e estudos queer recuperan
no século XXI estes vellos documentos de notable importancia para comprender os
hábitos e costumes e as orixes dos movementos de paridade e liberdade. De
seguro que non todas esas fotografías atopadas en anticuarios retratan amores da
época, e de seguro que todas esas fotografías retratan unha celebración máxima
dunha certa comuñón de espírito e
fondos sentimentos entre os retratados que toman a decisión de inmortalizar e
facer divulgado e público un momento das relacións humanas de especial
importancia para eses suxeitos amantes nas formas que elixiran.
Estes objets trouvés ou ready mades en forma de fotografía
atopada encerran varios estratos da obra de arte. A memoria e o estudo do
pasado, é o primeiro deses valores. Tamén o emprego de discursos contemporáneos
da forma e o fondo da obra de arte, dando en valorar como peza de arte o que o
artista atopa incidentalmente e ordena grazas a un guión previo. O desenrolo
dos estudos queer, os cales son
medios idóneos para descubrir grandes ocultacións do pasado e outorgar sentido
e razón a feitos que resultaban incomprensibles por falta de vínculos
sentimentais.
A exposición pódese visitar até o mes de setembro e paseniño están as
fotografías dispostas en habitacións e corredores secundarios de ámbalas dúas
institucións, pois é vontade do comisario deixar que eses amores do pasado,
esas proustianas intermitencias do
corazón se aparezan ó visitante de xeito imprevisto, discreto e
sentimental. De par en par seguimos adiante, amor est vitae essentia.
Pares e apaixonamentos.
Hai unha idea inmaterial subxacente
nos amores de pares, nas comuñóns de espírito, nas fondas amizades, a da
metafísica idea da alegría de vivir ou joie
de vivre. Ese gozo en el alma das
situacións de amizade, amor ou mímese absoluta, aparece retratada en non poucas
obras de arte. E non poucas biografías transcenderon ancoradas en sentimentos
de goce e amor que ficaron velados ou enmascarados.
Entre os creadores de obras de arte
que celebran as amizades tan poderosas como o amor, ou os amores vestidos de
amizade, atopamos a un dos cantantes máis famosos do seu tempo o vasco afincado
en Francia, Luís Mariano. Quen ten
unha célebre canción Quand on est des
amis, pertencente á opereta Le
Chanteur de Mexico de 1956, na que celebra a amizade entre iguais con
versos que evocan un camiño compartido e asido da man.
No gran xénero musical da ópera, atopamos no Don Carlo de Giuseppe Verdi
un dúo de tenor e barítono titulado, Dio,
che nell´alma infondere amor, no que o infante Carlos e o seu amigo Rodrigo
marqués de Posa, celebran a amizade até a morte!.
Entre as relacións que foron nomeadas pola historia de xeitos diversos, a
cada cal máis imaxinativo, atopamos a de Gertrude
Stein con Alice B. Toklas, no
París cubista. A parella formada pola poeta norteamericana Elizabeth Bishop e a arquitecta brasileira Lota de Macedo que transcendeu como inspiración do Parque do Flamenco en Río de Xaneiro e que foi moi ben
retratada polo filme Flores Raras de
2013. A relación entre Virginia Woolf e
Vita Sackville-West, ancorada na estrita
moral vitoriana, máis venteada polos comportamentos progresistas do Grupo de Bloomsbury e a alta sociedade
británica, deu noutra obra de arte, a novela Orlando de Virginia Wolf.
Malia a sona de todas esas relacións e obras de arte mencionadas previamente,
foi unha galega a que celebrou o primeiro matrimonio entre dúas mulleres. No
1901 Elisa e Marcela casan na
parroquia de San Jorge en A Coruña, iso si con brillantez xurídica
a primeira acadou a identidade de Mario
Sánchez, con infancia en Londres, pai ateo e outras brillantes argucias que
permitiron conseguir o desexado fin . A historia de amor, ven agora de ser
narrada por Isabel Coixet, nun filme
homónimo de 2019.
Román Padín Otero
Suscribirse a:
Entradas (Atom)