Artistas de moda.
Unha exposición dedicada á parella de deseñadores holandeses Viktor &
Rolf na National Gallery of Victoria, en Melbourne, Australia, encerra moitas
claves para entender o momento cultural que vivimos. Un tempo no que aparece
unha nova especie de creadores que fan arte que é moda, cando non fan moda
considerada arte. Deseñando pezas e obxectos que se expoñen alén os espazos
comerciais, simplemente para o lecer. Alcanzando o interese pola creación en
novos soportes, como o téxtil, cotas de fenómeno de masas.
Nesta exposición de arte-moda, baixo o título Viktor&Rolf Fashion Artists preséntanse máis de 40 traxes de
costura e confección que representan 25 anos de traballo. Pois a mostra
coincide coas boas de prata da firma de moda.
Dende os seus inicios a crítica pregunta sobre a natureza do traballo
destes deseñadores, que se coloca a medio camiño entre o arte e a moda. Teñen
unha maneira non convencional de tratar a moda, facendo alta costura
experimental que leva as pezas a extremos que as fai impoñibles. As súas
presentacións e desfiles, teñen natureza teatral e mesmo entran no eido da
performance, cando os propios deseñadores participan nelas expresando partes do
seu traballo creativo. Mesmo cando fan roupa comercial, aparece esta apoiada no
concepto, na sorpresa e na orixinalidade. Son deseñadores con unha excelente
manufactura, grande ironía no seu discurso e sentido do humor.
Moitas das súas pezas emblemáticas están na exposición. Traxes con furados
como de queixo; lazos do tamaño do vestido; conxuntos integralmente negros;
traxes feitos con lenzos e marcos dos grandes mestres holandeses do XVII que
son deconstruídos; traxes cubistas; traxes superpostos; traxes cama; traxes con
zocos holandeses de tacón.
Xa no ano 1994, presentan traxes dourados colgados do teito dunha galería
en Paris, baixo o nome L´Apparance du
vide. No 1996, coa colección Launch, fan
un micro mundo con monecas de tamaño natural mostrando as roupas. No outono-inverno
1998-1999, presentaron a súa primeira colección de alta costura, coas siluetas
deformadas amosando preocupación por unha bomba atómica de fin de milenio, Atomic Bomb Collection.
Na primavera-verán 1999, presentaron unha colección de gazar branco e negro
baixo luz negra. Ó poñer plena luz aparecía outra silueta, era Scream and Whispers.
A colección outono inverno 1999, Russian
Doll, presentárona coa modelo Maggie Rizer, quen nunha plataforma xiratoria
recibía capas de roupa como unha matrioska vestida polos deseñadores.
No 2000 empezaron colecciones de confección, a primeira con temática
americana de estrelas e barras. A colección outono inverno 2001, Black Hole, era enteiramente negra e as
modelos estaban pintadas de negro. En outono-inverno 2002-2003, usaron o
blue-screen, para proxectar imaxes sobre os modelos, en Long Live the Inmaterial. No 2003, presentaron a súa primeira
colección de home. No outono inverno 2003, One
Woman Show, a totalidade da colección construíuse a redor da actriz Tilda
Swinton, con modelos de cabelos vermellos como a propia actriz. Na primavera
2005, crean o seu primeiro perfume cun
nome irónico, bomba de flores, Flowerbomb.
Na primavera-verano 2006, a teima da colección era, todo, boca abaixo, e mesmo en esa datas inauguraron unha tenda onde
todo estaba ó revés, mesmo a lámpada de cristais arrancaba do chan.
En datas recentes non deixan de poñer en relación á moda coas artes clásicas.
No desfile primavera-verán 2015, puxeron como modelos ás bailarinas do
bailarinas do Dutch National Ballet. E no
outono-inverno 2015-2016,
homenaxearon o cadro dentro do cadro, nun desfile no Palais de Tokyo, con
vestidos feitos con lenzos deconstruídos do século de ouro holandés. Na
primavera-verán 2016, fixeron unha homenaxe ó cubismo e ás vangardas, con 22
conxuntos que citaban a Pablo Picasso, Dora Maar, George Braque e os recortables de Henri
Matisse.
Viktor & Rolf con esta exposición, acercan ó público a moda de artista.
A moda como espectáculo para ver e non como mercancía.
Transversalidade intertextual.
O dúo holandés formado por Viktor Horsting e Rolf Snoeren, ámbolos dous
nados en 1966, coñecéronse na Academia de Arte de Arnhem en Holanda, no 1988.
Gañaron o premio do concurso de Hyères, Salon Européen des Jeunes Stylistes, en
1993, e trasladáronse a París, dende onde seguen a crear deseños de costura e
confección, complexos e tecnicamente ambiciosos.
Teñen participado en exposicións en moitos museos do mundo, entre eles o
Les Arts Décoratifs de París o Metropolitan Museum de Nova York ou o Boijmans
van Beuningen de Róterdam. Teñen asemade colaborado coa escena, no 2004, con
vestiario para o ballet, 2 Lips and
Dancers and Space do Netherlands Dance Theatre. E vestiario para a ópera Der Freischutz de Carl María von Weber,
dirixido por Robert Wilson, no 2009.
A presente exposición Viktor &
Rolf, Fashion Artists, está comisariada polo ex modelo, Thierry-Maxime
Loriot, quien tiña comisariado a exposición itinerante de Jean Paul Gaultier, Universo de la Moda. De la Calle a las
Estrellas, que recalara en Madrid na Fundación Mapfre no ano 2012. Cuxos montaxes se caracterizan pola
espectacularidade dos recursos que os converten en auténticos divertimentos de
masas.
A mostra ademais de expor os modelos creados pola parella de deseñadores,
presenta varias seccións dedicadas o aspecto audiovisual e performativo destes
creadores. Recollendo a peza creada ex profeso para a mostra Timepiece. E moitos momentos icónicos na
carreira dos modistos, como as colaboracións coa actriz e modelo, Tilda
Swinton. Cos cantantes Tori Amos, Rufus Wainwright, Róisín Murphy e outros.
Ademais dos modelos en tamaño natural, hai 21 monecas pequenas mostran un
traxe clave de cada colección. Estas pequenas modelos son empregadas na
historia da moda dende o século XVIII, cando se enviaban alén as fronteiras francesas
para mostrar a moda de París nas cortes estranxeiras. Logo no século XX, foi
Madeleine Vionnet (1876-1975), a modista de alta costura, quen difundiu a súa
imaxe creando os modelos sobre pequenas monequiñas. No ano 2008, a exposición The House of Viktor&Rolf, celebrada
na Barbican Art Gallery, de Londres, recreaba unha casa de monecas, onde cada
unha delas levaba unha reprodución en miniatura dos máis célebres modelos dos
deseñadores Viktor&Rolf. Dando daquela cumprida conta da tradición na moda
das chamadas popuées de mode. Unha
cuestión clásica convertida en divertimento de vangarda.
Román Padín Otero