jueves, 25 de mayo de 2017

Rei Kawakubo Comme des Garçons MET FV 25.5.2017





 Semellante ós rapaces. Comme des Garçons.
Cada ano o primeiro luns de maio atopamos pechado o Metropolitan Museum of Art de Nova York porque ese día inaugúrase a exposición anual do Costume Institute. Trátase dun acontecemento social de grandes dimensións que aparece recollido polos medios de comunicación de todo o mundo e serve para achegar fondos cos que financiar a actividade do museo ademais de ser unha publicidade idónea para poñer en valor a presenza da moda nos museos.
            Este ano a exposición está dedicada á deseñadora xaponesa Rei Kawakubo quen é recoñecida sempre asociando o seu nome ó da marca que creou no ano 1973, Comme des Garçons. Un nome que foi elixido de xeito aleatorio e non tanto con carácter reivindicativo ou feminista porque tiña unha fonética agradable cando se pronunciaba. A mostra leva por título Rei Kawakubo/ Comme des Garçons: Art of the In-Between que pode ser traducido por algo así como “Arte do lusco e fusco” ou “Arte nin para ti nin para min”, non esquecendo que para facer esa tradución botamos man de toda a carga intelectual e iconoclasta da mensaxe implícita nos deseños da empresa ó longo de 50 anos.
            Dende os seus inicios na pasarela de París en 1981 os deseñadores xaponeses (Issey Miyake, Yohji Yamamoto e a propia Rei Kawakubo) aportaron unha perspectiva estética diferente da europeo-americana que dominaba a escena da moda naquel tempo. Introduciron deseños de cor negra propoñendo un aspecto monocromo con volumes que lonxe de salientar o corpo conseguían camuflalo. Eran traxes concibidos de xeito bidimensional ou plano que trocaban de forma ó seres colocados sobre o corpo fronte ós deseños tridimensionais da colorista roupa occidental baseada no patrón e no drapeado, Os traxes dos xaponeses considerábanse como esculturas colocadas sobre o corpo e a cor negra non é única se non que aparece chea de matices.       
            Os homes e mulleres contratados como modelos por Comme des Garçons aniquilaban o canon comercial de cabaleiros musculosos e donas esculturais sendo frecuente que participaran nos seus desfiles e catálogos xentes de tódalas razas, idades e complexión e se lles pedía que amosaran a súa personalidade en cada xesto do desfile ou en cada pose da sesión fotográfica, propiciando a diversidade.
            O tratamento do corpo como un soporte sobre o que inventar novas siluetas produciu as máis célebres creacións de Rei Kawakubo en moitas coleccións ó longo da súa carreira presentáronse prendas que aniquilaban calquera pretensión convencional. Moi celebrada é a colección Body meets dress dress meets body de primavera verán 1997 na que se incluían vestidos feitos en tecidos de cadriños de cores que se envolvían arredor do corpo incorporando recheos redondeados que puñan volume en lugares descoñecidos previamente na historia do traxe.
            Non tódalas coleccións das varias liñas da empresa son ideadas soamente por Rei Kawakubo, tamén Junya Watanabe crea dende hai vinte anos para a compañía e asemade en datas recentes contan cos deseñadores Tao Kurihara, Fumito Ganryu e Kei Ninomiya. Mesmo se pode dicir que Kawakubo xa non deseña roupa para Comme des Garçons dende primavera verán 2014 ela mesma declara que deseña obxectos para o corpo levando a experimentación no seu traballo até cumios de abstracción escultórica.     
A súa derradeira colección para outono inverno 2017 leva por título The Future of Silhouette e nela fai un verdadeiro esforzo de inventiva ó presentar a silueta feminina sen articulacións. A meirande parte dos traxes son coma bloques compactos que cobren o corpo hasta os pés e non levan mangas. A forma dos mesmos vai máis aló do habitual en moda recordando a silueta da Venus de Milo e mesmo o corpo de formas redondeadas da Venus de Willendorf, aquela estatuíña do 20.000 A.C. atopada na veira do río Danubio que celebra con alegría tódolos atributos do corpo da muller.
Andrew Bolton e o museo.
O comisario da exposición Rei Kawakubo Comme des Garçons Art of the In-Between é Andrew Bolton quen organizou o traballo da deseñadora non de xeito cronolóxico se non de modo analítico. Hai sete teimas que agrupan ó redor de 140 traxes de tódalas épocas da deseñadora. A teima da ausencia é moi referida nos  seus deseños, para mostra o recordo dunha prenda que lle dou grande sona no inicio da súa carreira, o xersei negro de lazos con buracos, onde os rotos e os espazos baleiros teñen significado.
            O concepto de non deseño ou anti deseño cando vemos creacións que buscan provocar sometendo a forma á función e creando daquela un paradoxo na clásica concepción utilitarista do deseño onde a función sometía á forma. E tamén o concepto de antimoda no sentido de que as creacións desta deseñadora e outros dos xaponeses e mesmo moitos dos deseñadores europeos de vangarda, son alleas á tendencia ou á temporalidade e poden ser custodiadas pasado o tempo co mesmo agarimo e interese que se lle outorga a unha obra de arte atemporal.
            A idea do mútliple e o orixinal e tamén importante tendo en conta que moitos dos seus traballos son feitos á man o mesmo que o concepto de moda de antes e moda de agora pois moitos dos traxes de Kawakubo son unhas deconstrucións de siluetas victorianas que se revisan por medio de volumes e cortes iconoclastas.
            As ideas da alteridade, alta e baixa cultura e moda como artefacto son tamén títulos de outros tantos apartados da mostra que se presenta nun espazo arquitectónico de formas xeométricas e cor branca de xeito que os vestidos e os seus volumes destacan sobre o fondo neutro. Nese espazo o tratamento da deconstrución das roupas que se transforman noutra cousa faise moi visible. Como tamén é visible o feminismo que latexa baixo toda a produción da deseñadora que reformula os corpos da muller e do home para separalos da obxectualización da que foron vítimas a causa do mercado de consumo.  O deseño de Rei Kawakubo ó longo de case que 50 anos pon de manifesto que ela responde a unha tipoloxía de punk que procura a eliminación das barreiras e dos límites creados pola sociedade consumista do século XX.
Román Padín Otero