Artesanía e tecnoloxía revisitadas.
Dentro da tendencia cultural global de volta ás orixes
con alimentos naturais, materiais básicos e procesos industriais intelixentes,
atopamos asemade unha volta ás formas sinxelas, xurdidas de procesos artesáns
ou que os procuran coa axuda da tecnoloxía.
O deseño está a experimentar un renacemento do artesán,
Galicia participa deste bulir e conta con múltiples manifestacións neste eido.
Cada primavera celébrase o Milano Design
Week e o Salone del Mobile, onde
tódalas grandes empresas mostran nunhas intervencións espaciais que teñen
carácter de creación artística, as súas novas propostas en deseño de mobles,
decoracións, materiais, accesorios. Nesta edición atopamos dúas liñas
destacadas, a tecnolóxica e a artesán. Galicia é partícipe das dúas e non con
tímidas propostas.
A empresa galega Finsa,
desenrola múltiples actividades en torno á produción industrial de
materiais, facendo fincapé no deseño, arquitectura, I+D e colaboracións
externas, no eido amplo da madeira e os seus derivados. Están presentes en numerosas convocatorias ó
redor do mundo cada tempada, dende hai anos. Desta volta presentan no Fuori
Salone de Milán, Astralbodies, unha colaboración cos
arquitectos Enormestudio que supón
unha procura de novos usos da fibracolour,
un dos produtos máis novos de Finsa que
ofrece múltiples posibilidades. O site
specific está formado por un conxunto de estruturas astrais de gran volume formados a base de lascas de cores do novo
material e que levan na súa forma a memoria topográfica de lugares galegos, Allariz, Cervo, Herbón, Sálvora.
Presente asemade en Milán está a firma Loewe que pertence ó conglomerado
francés L.V.M.H. (Louis Vuitton Möet
Hennessy), e que conta dende 2013 con Jonathan
W. Anderson como director creativo. Quen leva ó extremo as propostas con
espírito artístico desta máis que centenaria firma de luxo. Conta tamén coa Fundación Loewe onde se traballa con
tódalas formas de expresión artística, especialmente a poesía e o premio
homónimo. Tamén a artesanía (cerámicas,
esculturas de usar, pratería) e o debate. O proxecto Casa Loewe é o nome comercial que emprega a firma para denominar a
súa tenda central na rúa Serrano de Madrid. E tamén é o xeito para denominar
participacións en feiras e tendas polo mundo. En Milán Casa Loewe tiña unha instalación na que os cestos de palla
decorados con pezas de coiro, os bolsos trenzados, e os obxectos con atados de
coiro se presentaban nun ambiente de vella casa rural ou antiga tenda de
cestería. Cos cestos colgados do teito,
os muros cubertos de louza de Fajalauza e mobles de madeira de alta época.
Entre esas marabillas estéticas de ritmo lento aparecen as
creacións das Redeiras de Galicia, (Rosa e María Jesús de Corme), que se
presentan como un colectivo que recuperan vellas redes de pesca para
transformalas en obxectos de arte. Empregando antigos nodos mariños e técnicas
de fiado, as súas creacións aparecen imbuídas coa historia e o simbolismo da
herdanza das artes da pesca do Norte de España.
Aparece asemade dentro das propostas de Casa Loewe, a artista galega Idoia Cuesta. Quen se presenta
procurando inspiración para as súas pezas trenzadas, tanto no seu redor en
Galicia, como en Escandinavia ou no Este máis Afastado. A súa curiosidade e
actitude experimental cara ás técnicas de fiado teñen un exemplo inmellorable
na chamada Técnica do Caos, un
proceso espontáneo que garante a univocidade da cada peza creada por ela. Nesta
edición a Casa Loewe conta asemade co
cesteiro Álvaro Leiro.
Un notable impulso á creación artesán galega veu da man
da Fundación Pública Artesanía de Galicia.
Que desenrola programas de formación, difusión, imaxe e identidade corporativa
do universo artesán. Coincidindo coa feira de Milán presenta a Fundación en Madrid o salón Saberes y Sabores localizado no Palacio Santa Bárbara. No mesmo case que
medio cento de artesáns de tódolos ámbitos de actividade, dende a gastronomía,
até a cerámica ou a xoiería presentan as súas creacións de xeito conxunto nun
pop up store que xa leva varias edicións ás costas, sementando sempre grandes
sucesos.
Pensar coas mans
O Gaiás Cidade da
Cultura está a presentar a exposición Pensar
coas Mans que se dedica á cestería, cerámica e xoiería de Galicia. A
exposición poderase visitar até o mes de setembro deste ano 2019 e ten un
evidente carácter pedagóxico e divulgativo da actividade creativa máis
vinculada ós obradoiros, talleres e estudos dos creadores que en Galicia
traballan coas mans.
Conta cun itinerario temático que se inicia baixo dunhas
cúpulas que serven de expositor a louzas, xoias, téxtiles, cestos e trenzados. O
dispor toma inspiración no pensamento de John
Ruskin o clásico autor británico do movemento Arts&Crafts.
Hai outra sala dedicada á cerámica na historia, cun certo
aire antropolóxico ou de bagaxe cultural e herdanza do pasado das cerámicas que
tradicionalmente se facían en Galicia, expoñendo pezas do século XIX e XX. Hai
tamén un espazo dedicado á cestería onde se poden ver obxectos fantásticos de
uso cotiá no agro e na costa, algúns dos cales resultan asombrosos pola técnica de execución
e polo tamaño.
De seguido atopamos o traballo en vivo do artesán Rubén Berto quen constrúe in situ un cabaceiro. A peza de gran tamaño, é un
cilindro cónico de vimbieira recia apoiado en catro pilastras, que truncado
polo tronco superior complétase por un cono invertido de palla que serve de
tellado.
Hai unha sección dedicada á xoiería con torques,
pendentes, sapos, colleres e outros accesorios feitos en ouro, prata, metais,
acibeche e coral. Que se completa con dous retratos con visións románticas e
folcloristas de donas galegas pintados por Joaquín
Sorolla e Xesús Corredoyra.
De remate hai unha sección de pezas de louza e cerámica
de creadores do século XX e XXI, entre os que compre salientar unha gran peza
de Xavier Toubes que ademais ten unha
natureza brutalista que é unha das tendencias estética máis populares nos nosos
días.
Román Padín Otero