A musas do outono
A música do compositor ruso-americano, Vernon Duke, ten posto decorado sonoro á estación do outono dende os anos trinta. Este músico que colabourara cos Ballets Rusos de Diaghilev, nun espectáculo de danza con escenografía firmada polo cubista George Braque, mereceu o aplauso no seu tempo de mestres como Prokofiev ou Grershwin. E ten pasado ós anais da música clasica-popular, pola súa canción “Autumm in New York”, onde di que o outono trae a promesa de novos amores, ten nubes no ceo e xentes nas rúas, parecendo sempre unha estación que na cidade invita a recrear paraxes exóticos.
O noso outono, cargado de novos amores ou non, ven dende logo cargado de fascinantes propostas artísticas e expositivas. Se de vello estaríamos en presenza da valleinclanesca “Sonata de outono”, como clave da estación. Na actualidade, presenciamos no outono, a inauguración de eventos artísticos, deixando atrás o lecer do verán e poñendo en valor a reflexión sobre a aparencia feminina e masculina na moda e nos escenarios. As Gracias, que eran tres, atopan en tres mulleres a quen se dedican exposicións, unha nova representación do eterno feminino. Elas, encarnan flores entre as follas caídas do outono.
Unha revisión do estilo posmoderno e da visión estética dos anos oitenta, preséntase no museo Victoria and Albert de Londres, onde a mostra “Postmodernismo:estilo e subversión”, fai análise da natureza iconoclasta e anti académica deste movimento sociolóxico e filosófico.
Unha das realidades do postmodernismo, foi o acercamento da música pop e das iconas da música á rúa. E mesmo a conversión da imaxen dos cantantes de rock e pop, nunha identidade cultural da época. As fotografías dos músicos, a súas cancións e as súas roupas formaron parte fundamental do noso recordo da época. Unha das celebridades da época que sigue con rutilante presenza no eido das artes é a cantante Annie Lennox. A quen o museo londinense dedica unha mostra monográfica, como parte da grande exhibición do postmodernismo.
“The house of Annie Lennox”, é unha homenaxe, a unha artista que dende o ámbito da música pop, ten creado un estilo persoal, elegante e polémico. Unha muller que xogando cos extremos da aparencia feminina, ten aparecido vestida de smoking ou traxe xastre, desdebuxando os roles dos sexos e influíndo de xeito rotundo en varias xeracións de intérpretes de todo o mundo.
Outra muller que ten xogado un papel axial nos roles masculino e feminino e á súas aparencias, e a tamén cantante Grace Jones. A artista, ten sido dende a época postmoderna do neoiorquino Studio 54, musa de deseñadores, pintores e icono da masas. Quen fixo moito por outorgar a Grace Jones esa imaxe forte e agresiva, a medio camiño entre un home salvaxe e unha muller pantera, foi o fotógrafo e deseñador gráfico, Jean Paul Goude. A este creador e ó seu universo dedica este outono unha retrospectiva o Museo de Les Arts décoratifs en Paris.
“Goudemalion: sa vie, son oeuvre-Jean Paul Goude, una restrospective”, é unha mostra onde se van revisar as fotomontaxes feitas polo artista. É o seu un universo de integración carioca e parisino, co que consigue inventar un novo chic cunha pléiade de persoeiros tan irreais no seu inicio, como logo vixentes na rúa.
Goude ademáis de polas súas fotografías artísticas, é coñecido polas súas campañas de publicidade para Kodak, Orangina ou Renault. Onde sempre ten recreado situacións de comicidad extrema, cheas de cores e deseños de vestiario inaudito. Un universo onde a propia Grace Jones, transfórmase e máquina hidráulica para tragar un coche pola boca ou bailarina automática que xira sobre una saia de lunares, como un derviche de proporcións inmensas. Dunha volta, no ano 1989, co gallo do segundo centenario da revolución francesa, Goude encheu as rúas de París, do seu zoolóxico de persoeiros únicos e salvaxes, coa soprano americana Jessie Norman, envolta cas cores azul, branca e vermello, nunca a rúa tivo tanta cor.
Outra americana que tamén enche a rúa de cor, é a fermosa Daphne Guinness, un membro destacado da jet society da moda máis vangardista, a quen o Fashion Institute of Technology, dedica unha mostra. As imaxes rotundas, as modas máis extremas, os cabelos de dous cores, as plataformas infinitas e a integración da estética dos máis senlleiros creadores de moda á súa efixie, teñen convertido a esta millonaria, nun personaxe axial da modernidade actual. Na súa mostra pódense ver roupas de outono, inverno, primavera e verán, cargadas de surrealismo atemporal, firmadas por Mcqueen, Chalayan ou Chanel.
Con estas tres mulleres, e a súa apariencia na moda e nas artes, apreciamos unha nova sonata de outono en clave hipermoderna do século XXI.
Román Padín Otero
No hay comentarios:
Publicar un comentario