jueves, 3 de julio de 2014

España de moda, Museo del Traje FV

España de moda                                                                               Unha exposición no Museo del Traje, en Madrid, revisita a moda española dende a segunda metade do século XX até os nosos días. “España de moda”, pode visitarse dende o 13 de maio até o 7 de setembro. Para coñecer mellor a notoriedade do feito en España na contemporaneidade, fronte á puxanza do feito en Francia, Italia ou Estados Unidos.                                                                                 O punto de partida cronolóxico da mostra, coincide logo da Guerra Civil Española e logo do final da Segunda Guerra mundial. Momentos de recuperación social e económica. Tempos nos que houbo de facerse un relanzamento da actividade sartorial, da modistería e da industria téxtil, en tódolos países.                                                           Francia, creou o “Théâtre de la mode”, unhas monecas vestidas de alta costura ordenadas nun teatriño, que viaxaron por varios países para publicitar a moda de París. Italia estableceu como nova sede para internacionalizar os seus desfiles a “Sala Branca” do Pazo Pitti en Florencia, compatibilizando este enderezo con Roma, no caso dalgunhas casa de alta moda. Estados Unidos, encabezou a divulgación da moda. Asumindo a nova silueta francesa, e divulgando ese estilo con vendas en canles como Sears ou J.C. Penney.                                                                                            España, illada no contexto internacional, avanza cara á recuperación na década dos corenta, cos modistos organizados na Cooperativa de la Alta Costura Española. Nomes como Pedro Rodríguez, Herrera y Ollero, Vargas-Ochagavía, visten unha época, coa mirada posta no mestre Balenciaga. O mestre de todos eles, como era chamado Cristóbal Balenciaga, non pertencía á Cooperativa de Alta Costura Española, pero si tiña unha identidade comercial española na época. As tendas Eisa Costura en Madrid, Barcelona e San Sebastián, eran a súa extensión española dende Balenciaga París. E cumprían unha función de leitmotiv inspirador  nos talleres de alta moda españois.  Xa no ano 1939, Balenciaga adiantouse ó new look de Dior, cunhas modas de ombreiros caídos, cintura marcada e saia volante.      Cando no ano 1947, a periodista Carmel Snow, chama á silueta “corola” de Christian Dior, “new look”, o mestre Balenciaga presenta a súa silueta “barril”, unha liña sinxela baseada na estrutura arquitectónica do vestido. Os vestidos saco, as mangas tres cuarto, as saias balón, o talle alto, as túnica e mangas morcego, serían os elementos axiais en coleccións sucesivas, creando dunha moda atemporal.                                                                                        Este estilo sinxelo e austero, habería de ser o referente para os modistos en España. Fronte o estilo complexo e opulente de Dior que habería de servir de referente ós franceses, e tamén a moitos dos italianos. Os cadros de Zurbarán, de Velázquez, de Goya, inspiran coleccións de xeito directo e compren función de leitmotiv para toda a moda española.                                                                                    Novos nomes se asentan na escena española coa ampliación da moda no prêt á porter dos anos sesenta. Manuel Pertegaz, Elio Berhanyer, Pedro del Hierro e Loewe, amplían o espectro de clientas, saíndo da costura e facendo roupa para boutiques. Todos eles cun nexo común de sinxeleza.                                                                 Unha das imaxes preferidas de Berhanyer, é o tapiz do “Encontro na Illa dos Faisáns” de Charles Le Brun. Que representa o encontro de Luís XIV e a súa corte, con Felipe IV e a súa corte, para o desposorio da infanta María Teresa de Austria con rei francés. Na escena a corte francesa está chea de cor e opulencia, fronte á corte española que é austera e sobria. Esa sobriedade latexa na moda española.                                                                                            Nos anos oitenta con firmas como Francis Montesinos e Agatha Ruíz de la Prada, hai tentacións de abandono da austeridade estilística hispana. Mais o monocromo de Manuel Piña, Adolfo Domínguez ou Sybilla, recupera a senda da moda arquitectónica hispana, con formas xeométricas e monocromías.                                                Na mostra hai unha coda dedicada a noivas, complementos e documentación. Explica o comisario da mostra Juan Guitérrez, que non é unha exposición de tese, se non de natureza emotiva. Ocorre que esa emotividade está baseada na tese da austeridade do estilo axial hispano.                                                                                Román Padín Otero         

No hay comentarios:

Publicar un comentario