Balenciaga: a obra en negro
O museo Galliera de Paris vai dedicar unha exposición ó modisto vasco Cristóbal
Balenciaga (1895-1972), baixo o título Balenciaga
l´oeuvre au noir vanse mostrar a redor de 100 vestidos cuxo fío de conexión
é que están feitos en cor negra.
Non é a primeira vez que o museo Galliera dedica unha mostra a Balenciaga
pois a importancia da súa obra e a diversidade de fontes das que toma
inspiración permiten facer dela múltiples lecturas. Outras exposicións deron unha
visión retrospectiva integral da produción do modisto, algunhas se centraron na
relación do creador con España. Tamén se estudou o perfil coleccionista de
Balenciaga ou o emprego dalgún material concreto como o encaixe ou as creacións
de accesorios e chapeus na casa de costura.
Cada nova exposición neste museo de París ou noutras institucións permite descubrir novas perspectivas do
nutrido universo estético deste gran modisto.
Desta volta o director artístico da exposición e do museo Olivier Saillard,
logo de visitar os fondos do museo del Traje CIPE de Madrid, caeu na conta da
importancia da cor negra na indumentaria española (dende os retratos da casa de
Austria, até o emprego do acibeche e veludo nos traxes folclóricos do século
XIX e XX, pasando polos encaixes e madroños dos traxes goyescos e da capa
española, todos eles fundamental e reiteradamente empregan a cor negra). E
recoñeceu asemade como moitos períodos creativos de Balenciaga estaban
dominados pola cor negra, facendo dela un argumento creativo, até o extremo de
servires de leitmotiv para un estudo sectorial da obra do modisto. O negro
resume non soamente o espectro do estilo español no universo de Balenciaga se
non que é tamén un fito de sinxeleza dentro das liñas máis conceptuais do
modisto.
A silueta infanta de 1939 ou tamén chamada diabolo, atopa no negro un elemento de referencia, cando toma
prestados aspectos dos cadros de Velázquez e recrea o espírito monacal dos
hábitos dos cadros barrocos. Esta silueta é apreciada por moitos como un adianto
de que case 10 anos despois habería de conformar a do chamado new look de Christian Dior quen alcanzou
fama mundial no ano 1947 cunha nova silueta con ombreiros caídos e faixa e saia
de moito volume baixo o nome Corolle.
Pois esa silueta en certo modo nostálxica, fora de feito proposta por
Balenciaga antes da guerra mundial mentres que a fama do novo estilo cargado de
feminidade e metros de telas de Dior tivo suceso logo da guerra.
No tempo que Dior triunfaba co seu estilo retro, Balenciaga adiantábase ós minimalistas da moda da década dos anos 1980 presentando a silueta barril de 1947,que contaba con forte
presenza da cor negra e que outorgaba importancia ós ombreiros, ó pescozo de
cisne e ás cadeiras aportando á muller un xeito de vestido máis contemporáneo,
cómodo e visionario.
O negro serviu tamén de soporte para numerosos dos modelos creados coa
silueta balón de 1950, que era unha
evolución dos traxes sen marcar a cintura de anos anteriores e que desta volta
tomaban maior volume, case que anunciando o que logo serían os vestidiños baby doll de formas redondeadas e
volantes.
As liñas semi axustada de 1951, túnica de 1955, vestido-saco de 1957, seguen nunha estética simple e esencial que
resulta visionaria da forma contemporánea do vestido feminino apoiado na
comodidade e a pureza de liñas con emprego frecuente da non cor ou do negro en
tódalas súas posibilidades.
Pois a cor negra non é única cando se fala de tecidos se non que cada
textura cada corte en diagonal ou ó dereito, crea novas tonalidades dentro do
negro que non sempre é absoluto se non que conta con diferentes sombras, todas
elas recreadas polos vestidos arquitectónicos de Cristóbal Balenciaga, que
agora se presentan nunha estudada selección nesta exposición do museo Galliera.
Compre subliñar que a mostra non se alberga no edificio do museo se non nas
instalacións do museo Bourdelle un espazo dedicado ó recoñecido escultor
francés que serve para o diálogo coa moda con relativa frecuencia.
O sentimento dunha cor
A importancia da obra de Cristóbal Balenciaga é de tal magnitude que os
libros e reportaxes que se teñen realizado sobre a súa figura están centrados
fundamentalmente no traballo do modisto e conteñen poucos datos sobre a vida
privada do home, quen por outro lado, facía gala dunha enorme reserva en todo o
referido á súa intimidade.
Hai nembargante algunhas partes da súa vida que transcenden á obra. Como
por exemplo os traxes de mariñeiro da costa vasca da súa infancia que acertan a
aparecen evocados en tocados ou traxes de noiva de varios momentos da súa
carreira. Aparecen tamén trasladada á súa obra a súa relixiosidade, o seu gusto
pola austeridade e o seu interese pola historia da arte, especialmente a arte
española dos grandes mestres.
Unha parte lutuosa que se trasladou á súa carreira como modisto foi no
pasamento de Wladzio d´Attainville. Este aristócrata polaco-francés, que tiña
moitas e boas conexións sociais foi un
apoio fundamental para abrir a casa de alta costura de Balenciaga en París na
avenida Georges V, e tamén era a persoa con quen Cristóbal o home, compartía a
súa vida. Estaban xa xuntos na época de
San Sebastián e seguiron en parella até despois da segunda guerra mundial. Era
un cabaleiro moi elegante, educado e tremendamente brillante que complementaba
á perfección o carácter adusto de Balenciaga. Ámbolos dous tiñan un círculo de
amizades que incluían a Cecil Beaton, á periodista americana do Harper´s Bazaar
Carmel Snow e ó poeta artista Jean Cocteau. Os dous coleccionaban arte e
asistían a reunións de sociedade aparte de compartir traballo na casa de alta
costura.
Cando Wladzio d´Attainville morreu en Madrid en 1948 o golpe para Cristóbal Balenciaga foi absoluto e parece
que xamais se recuperou de todo. A colección de ese ano 1948 foi enteiramente
negra impoñendo á tódalas donas o loto como uniforme. Un estilo certamente
minimalista que habería de manter até o peche da súa empresa no 1968. Ese negro
verdadeiro estará por sempre presente nas coleccións de Balenciaga, na
selección desta exposición e na vida de moitas donas, mesmo as que non foran
clientas do mestre de mestres.
Román Padín Otero
No hay comentarios:
Publicar un comentario