Manuel
Pertegaz
A Sala Canal de Isabel II da Comunidade de Madrid dedica
entre o 9 de setembro e o 12 de novembro deste ano 2017 unha exposición
monográfica ó modisto Manuel Pertegaz quen (en verbas da autora Margarita
Rivière): “foi un mestre, foi un precursor,
cun talento innato para captar o espírito do tempo”.
A exposición está comisariada por Amalia Descalzo e Raúl
Marina e abrangue de xeito retrospectivo a produción do modisto dende os seus
inicios no ano 1942 até as derradeiras creacións do século XXI. Reunindo pezas
emblemáticas do modisto na planta baixa da exposición, modelos de alta costura
e confección nas plantas primeira e segunda agrupados por deseños de día,
cóctel e noite, deixando a última planta da mostra para os traxes de noiva. Os conxuntos
que se mostran pertencen ós fondos do Pertegaz Studio na súa meirande parte.
Mais hai asemade conxuntos prestados por coleccións particulares e polos fondos
do Museo del Traje CIPE de Madrid e do Centre de Documentació Museu Tèxtil de
Terrasa.
O modisto Manuel Pertegaz (Olba, Teruel 1917- Barcelona
2014) foi durante moitos anos un dos creadores de moda españois máis célebres e
valorados e ten deixado un notable legado á historia da moda en España. Comezou
formándose como xastre de cabaleiros e en breve trocou cara á creación de
roupa para donas (habería de volver á
confección para homes no 1997) abrindo o seu propio salón no ano 1942 en
Barcelona. Pouco despois, no 1948, abriu establecemento en Madrid.
Tivo unha carreira empresarial de éxito centrada na alta
costura e con unha época tamén dedicado á confección (chegou a ter os salóns de
costura, entorno a cinco tendas de prêt-à-porter de luxo, e empregar arredor de
700 traballadores con mercado en varios países) actividades que duraron case
que 70 anos e que foi reducindo progresivamente no final nos anos 1970. Unha
redución do negocio producido polo troco das condicións fiscais no mercado
americano e español, pola preeminencia da confección fronte á costura e polos
cambios sociais debullados no seo do novo réxime político democrático en España
que deron o pulo á muller traballadora e independente afeita á moda rápida,
fronte á dona da alta sociedade das vellas épocas dedicada ó lecer e ós
acontecementos sociais con etiqueta. Malia a moderada actividade comercial de
Pertegaz no troco de século nunca deixou de traballar en liñas de licencias,
perfumes, ocasionalmente confección e atendendo a moitas clientas de costura
afeitas ó modisto.
A periodista Concha García Campoy dixo: “Manuel Pertegaz ten nome de etiqueta”, algo
que é axeitado á realidade. Pois si ben sempre se cita a calidade como modisto
exclusivo de Pertegaz; a súa negativa a ser nomeado continuador de Christian Dior
no 1957; o moderno refinamento da decoración dos seus salóns e a súas vivendas;
as míticas relacións de musa-clienta co modisto personificadas en Bibis
Salisachs de Samaranch, Aline de Romanones, a Princesa Sofía e a raíña Letizia.
O que máis transcende de Pertegaz é o seu pulo de marca, de icona pop nunha
España parca en deseño nos anos 1960, 1970, 1980, co seu nome impreso en
perfumes (Diagonal, Muy Pertegaz, Pertegaz Sport), prendas de confección,
publicidades en revistas e licencias varias. O recordo a Pertegaz é o éxito da difusión
comercial e non tanto a exclusividade dos salóns. Pertegaz forma parte do
deseño emocional desas décadas en España, xunto a marcas como Iberia, Puig o
restaurante Ruperto de Nola no edifico Torres Blancas de Madrid ou Loewe, pois
crean a memoria estética colectiva dunha época de modernización.
Se ben os inicios de Manuel Pertegaz coinciden no tempo
coa época dourada da alta costura con grandes modistos como Christian Dior,
Cristóbal Balenciaga, Gabrielle Chanel, dos cales é herdeiro. A plenitude do
seu estilo desenrolase no seo dunha xeración de continuadores entre os que
están Pierre Cardin, Hubert de Givenchy, Yves Saint Laurent. Eles mesmos
magníficos modistos pero asemade xenios da confección, das licencias, dos
perfumes e da diversificación dos centros da moda. Se até a década de 1950 a
moda e a súa industria dependían de París, avanzando a segunda parte do século
XX entran na escena a moda Italiana, Americana, Británica e Española. Daquela é
cando os modistos españois como Manuel Pertegaz, Elio Berhanyer, liberados da
hexemonía francesa acadan a plenitude do seu estilo, vivindo unha época de
liberdade formal e recoñecemento internacional.
Deses anos son os famosos
escaparates dos almacéns Lord&Taylor na Quinta Avenida Neoiorquina
dedicados á moda española (1964), a Gala da Moda Europea en México con entre
outros Pierre Cardin, Pertegaz e Valentino (1960), as portadas de Harper´s
Bazaar dedicadas a Pertegaz (1964), e o vestiario de Jacqueline Kennedy creado
por Pertegaz (1960-63). Desas décadas son as creacións máis extraordinarias do
xenio de Manuel Pertegaz que se elevan singulares fronte á preponderancia
suspendida de Paris.
Seis traxes seis
Hai seis traxes na mostra que ben serven para facer un
resumo da historia do traballo de Manuel Pertegaz. O traxe máis antigo que se
presenta na Sala de Exposicións do Canal de Isabel II de Madrid é un vestido de
día feito en seda con tecido de ollo de perdiz do ano 1947 que segue o estilo axustado
ó busto e á cintura marcado polo new look
de Dior.
A resposta á esa silueta marcada foi una década máis
tarde a silueta trapecio proposta por
Yves Saint Laurent. Deste estilo hai na
mostra unha creación de Pertegaz que é un abrigo de cóctel con corte triangular
feito en tafetá de seda en cor verde esmeralda da colección primavera-verán do
1954. A peza foi no seu día fotografada por Henry Clark para o Vogue Inglés.
Seguindo nas invencións da moda da época o estilo do
vestido balón de Balenciaga pódese
apreciar nun traxe de cóctel de Pertegaz feito en seda ocre con estampado de
flores vermellas e verdes do ano 1959, o corpo axustado fai contraposto á saia
que é totalmente redonda case que un “balón”.
Outra herdanza da moda francesa é un traxe chaqueta de
cóctel feito por Pertegaz en 1970 en crepé de lá cor marfil rematado en cor
negra con un traballo de xastrería moi preciso que evoca o recoñecible xastre
Chanel.
Xa da época de España como novo centro da moda
internacional hai na mostra un pixama feito en pita bordado con franxas de
cristais, sequin e brillantes de cor dourado e prateado do ano 1969 que representa
moi ben a modernidade e autonomía da moda española propoñendo un traxe de festa
con pantalón para dona.
E dentro dun estilo de moda global dende os anos 1980 hai
un vestido de cóctel de cor vermella sen ombreiros e rematado nas costas cun
polisón en forma de lazo. Realizado en faia de seda leva o sobrenome de “o paxariño” pola forma que lle infrinxe
á silueta que era frecuente entre os deseños dos anos 1940-1950 e que tivo
moitos revivals en anos posteriores. O
vestido exposto é circa anos 1980.
Román Padín Otero
No hay comentarios:
Publicar un comentario