¿É a moda sublime?
A natureza efémera da moda condenouna a ser ignorada pola academia e o
museo ó longo da historia. Asunto de vaidades, ámbito do feminino ou espazo sen
rigor, son algúns dos adxectivos cos que se subliñou a creación téxtil. Nos
nosos días esas vellas visións están a trocar, recibindo a moda unha valoración
e estudo estruturados, enriquecedores e rigorosos. Os dous ámbitos onde se está
a xerar a transformación do concepto da moda son as universidades e centros de
estudo (notablemente as facultades e escolas de Arte) e os museos (sobre todo
os museos de moda/artes aplicadas, pero tamén museos xenéricos de Arte ou
enciclopédicos).
En Galicia estamos a experimentar esta evolución e non son poucas as
programacións no eido. Citando algunhas das máis próximas, os días 18,19 e 20
de decembro a Facultade de Historia da Universidade de Santiago vai albergar a
terceira edición do curso Cando o efémero
se eleva á categoría do sublime: moda algo máis que un concepto. Un
simposio que pretende crear lazos entre a comunidade científica e a sociedade
interesada polas novas tendencias no ámbito do deseño e a moda. A Universidade
da Coruña está asemade a ofertar un Máster en Moda:arte, cultura y sociedad. E a Universidade de Vigo conta coa
Facultade de Belas Artes na que se estuda moda como materia na propia
institución, nun programa Máster en
Diseño y Dirección Creativa en Moda e na ESDEMGA
(Escola de Moda de Galicia), un enderezo especializado que conta cunha xa longa
traxectoria nos estudos de moda.
Deste contexto universitario despréndese unha avaliación máis profesional
dos que se dedican tanto á teoría como á práctica da moda, do seu estudo, da
súa produción, da súa exhibición e do seu deseño. O ámbito de formación da moda
non se circunscribe logo soamente ás academias de corte e confección, e xa non
é imprescindible viaxar ás capitais da vella Europa coma Milán, Londres e París
para estudar.
En canto ó ámbito das exposicións ten habido mostras dedicadas á moda en
diversos espazos expositivos e Fundacións en Galicia, sobre todo en enderezos
onde se celebran exposicións temporais. En termos xerais non se celebran
exposicións de moda nos Museos ou Centros de Arte situados en Galicia como
MARCO de Vigo ou CGAC de Santiago. Na
sede que fora da Caixa Galicia na Rúa do Vilar de Santiago, xunto á Fundación
Granell e na Fundación Torrente Ballester, presentouse a mostra colectiva Tras el Espejo. Moda Española no ano 2004,
un gran arquivo con máis de 400 modelos que reunía a historia recente da moda
española. Logo no ano 2008 tamén a Caixa Galicia presentou na Coruña a monográfica
Yves Saint Laurent Diálogos con el Arte. Tamén
en Santiago no 2016 a Cidade da Cultura albergou Confío en Galicia unha mostra enciclopédica que incluía unha grande
parte dedicada á moda, teima que ademais servía de leitmotiv á proposta
expositiva. No Pazo da Cultura de Pontevedra téñense celebrado varias mostras, estruturadas
en moitos casos como actividades académicas da Facultade de Belas Artes e da
Escola de Moda. Entre outras cabe mencionar
Mulleres de Branco no ano 2008 ou El
Arte de Volar Candela Cort pouco tempo despois, (cesións do Museo del Traje
CIPE de Madrid). E a exposición Os 80
Moda en Galicia. Singularidades no ano 2010.
E xurdindo asemade da sistemática de estudo/investigación da Facultade de
Belas Artes de Pontevedra e os seus instrumentos académicos, xorden mostras que
recalan en Madrid (Museo de Artes Decorativas) baixo o nome Hacer, Diseñar, Pensar no 2013. A mostra
O Diálogo Creador no Museo do Pobo
Galego en Santiago no 2013. As series Tecido,
Cru con edicións en Vigo e na Igrexa da Universidade en Santiago no 2016.
Tal e como se aprecia neste breve pero intenso análise do statu quo da moda como disciplina en
Galicia, tanto as exposicións de moda, como os estudos e publicacións veñen
relacionados cos ámbitos académicos. Daquela se avanza na valoración da moda
como algo sublime e permanente grazas
a profesionais rigorosos e metódicos e non por accidente ou casualidade. O mesmo que acontece co importante sector
téxtil en Galicia que xurde dun ancoradoiro técnico e de excelencia mercantil
no noroeste.
Os catro momentos
das exposicións de moda.
Do mesmo xeito que en Galicia en pleno século XXI estamos a gozar dunha
progresión no estudo, exposición e tratamento da moda do noso tempo, hai que
poñer en consideración o contexto internacional. Onde curiosamente non foron os
profesionais dos museos ou da academia os que deron o pulo á moda na institución,
se non que foron algúns “díscolos” profesionais da moda, procedentes das
seccións máis “frívolas” da industria os que elevaron á moda á categoría de
arte, de estudo universitario, de teima para textos científicos e ámbito para
reflexionar sobre o estado socio cultural dunha época.
A primeira época aperturista do museo cara á moda dos nosos días aconteceu
ó longo dos anos 1970 cando en Londres e Nova York se ampliaron as
programacións expositivas e as coleccións do Victoria & Albert Museum e do
Costume Institute no Metropolitan Museum of Art coa moda dos deseñadores do
momento. Cecil Beaton no Reino Unido e Diana Vreeland nos Estados Unidos
convenceron ás direccións dos museos e tamén á sociedade da época da ubicuidade
da moda nas salas de exposicións de museos enciclopédicos como eses.
Un segundo e terceiro momentos veñen
da man de un grupo de comisarios que elevan a actividade das exposicións nos
museos dende os confíns dos vellos almacéns de roupas históricas até as
montaxes de excelencia no troco de século. Grandes mostras que destacan polo
estudo material dos obxectos, pola análise socio cultural, pola documentación e
asemade pola espectacularidade das montaxes. As exposicións compaxinan
profundas investigacións científicas para a súa concepción con grandes colas de
visitantes que forman parte da cultura do espectáculo. En este momento destacan
Valerie Steele do Fashion Institute of Technology e Andrew Bolton no MET de
Nova York. Á señora Steele pódese atribuír a primeira revista científica de
Moda Fashion Theory. Ó señor Bolton correspóndelle
a idea das exposicións de moda multitudinarias, como foi a retrospectiva de Alexander McQueen.
O cuarto estadio das exposicións de moda (e polo tanto da moda nas
institucións culturais e nas publicacións) ven da man do ex modelo canadense
Thierry-Maxime Lorriot, quen logo dunha notable
carreira diante das cámaras está a desenrolar de xeito atípico unha
importante carreira como comisario de moda. E faino conseguindo o que ninguén
acadara, crear exposicións dos máis importantes modistos do noso tempo, con
montaxes de alta tecnoloxía e gran espectacularidade que ademais son
itinerantes. Él é o responsable da monumental exposición monográfica itinerante
Jean Paul Gaultier. Universo de la moda De la
Calle a las Estrellas. Tamén comisariou no 2016 a mostra Viktor & Rolf: Fashion Artists. E
cara a 2019 vai acadar o que ninguén ten conseguido organizar, unha grande exposición retrospectiva de Thierry Mugler The Créatures Haute Couture que
arrancará no Museo de Belas Artes de Montreal e promete ser una cita
imprescindible. As novas portas da moda da man dun fotógrafo, unha editora, un
comisario e un modelo.
Román Padín Otero
No hay comentarios:
Publicar un comentario