Sorolla e a Moda
O Museo Thyssen Bornemisza de Madrid xunta o Museo
Sorolla da mesma cidade presentan entre o 13 de febreiro e o 27 de maio deste
ano 2018, a exposición titulada Sorolla y
la Moda. O especialista no eido do traxe Eloy Martínez de la Pera, quen
fora comisario no ano 2014 da exposición dedicada ó modista Hubert de Givenchy no mesmo museo, é o
responsable desta mostra. Nela se integran pinturas e vestidos datados entre
1890 e 1920, para facer dende as salas do museo unha evocación da vida moderna no troco de século.
Un total de 70 cadros asinados por Joaquín Sorolla i
Bastida (1863-1923) e 60 vestidos de época (xunta algún complemento) compoñen o
material exposto. Non é esta a primeira vez que se confrontan cadros,
esculturas, películas ou libros fronte a pezas de indumentaria e creacións de
moda. A exposición Yves Saint Laurent
Diálogos con el Arte estivo na Caixa Galicia de A Coruña no 2008, nela os
vestidos do modista mostrábanse xunta ós cadros dos grandes mestres que os
tiñan inspirado. En mostras como Fashion
and Surrealism do Victoria&Albert Museum de Londres no 1988; Cubism and Fashion do MET de Nova Iorque
en 1998; ou L´Impressionnisme et la mode do
Musée d´Orsay de París no 2012, tamén se contrapuña creación téxtil e creación
pictórica. Quizais de todos os antecedentes a mostra que ten un contido máis
semellante á presente dedicada a Sorolla sexa a do impresionismo, pois non por
menos a obra de Sorolla foi adxetivada como impresionista, postimpresionista,
pintura da luz ou luminista.
A sistemática museográfica en todas elas, e tamén na de
Sorolla é a de facer un estudo material dos obxectos que se van expoñer,
coñecer a data, o uso, materiais, confección, autoría do vestido e poñelo en
relación cun cadro ou escultura. Acontece que Sorolla, atopaba gran pracer en
mercar prendas de moda para a súa muller Clotilde e os fillos, María, Elena,
Joaquín. Roupas cas que os retrataba en moitas ocasións. Arestora temos pois a
sorte de mirar os cadros dun artista que recolleu o espírito da época, cun
estilo que era representativo da modernidade e que o facía incorporando as
obras dos máis célebres modistas da época ou pertencentes ás tendencias máis
senlleiras do seu tempo. Velaí a ubicuidade da intersección de cadros e
vestidos, nas máis das voltas vemos físicamente o traxe retratado e tamén se
exhiben pezas de estilo semellante ó que aparece nas pinturas.
Hai na mostra un modelo Delphos, o vestido túnica de seda plisada con remates de cristal de
Murano asinado por Mariano Fortuny. A filla Elena aparece retratada cun destes
traxes no cadro Elena con túnica amarilla
de 1909 que na mostra se pon en relación cunha túnica verde azulado e cinto
con greca dourada. A importancia do retrato é múltiple pois representa con
modernidade de técnica unha efixie de medio corpo da dona, que leva un peiteado
máis ben solto e un traxe, o Fortuny, que desafía os convencionalismos dunha
época de faixas na cintura e recheos nas saias e mangas, para introducir un
vestido que se levaba sen apenas roupa interior e que reafirmaba a liberación
do corpo da muller. O modelo Delphos está
inspirado no Chitón grego pois ten
forma de rectángulo e está soportado polos ombreiros, leva escote redondo,
manga variable, tecido lixeiro. Este vestido é a representación dos novos aires
que se perciben para a muller, un troco de época que libera ás donas das
gaiolas douradas dos refaixos que limitaban os seus movementos, para acceder ó
século XX con un aumento de actividades públicas e progresivas incorporacións á
vida laboral, social, deportiva, e política.
Entre os modelos recolleitos nos retratos de Sorolla
atopamos numerosos vestidos da chamada silueta en S, unha forma do corpo da muller acadada por un corsé que empuxaba
o torso adiante e acentuaba as costas con volumes por debaixo da cintura. Esta
moda é a senlleira da Belle Époque. Nesa
época había asemade vestidos chemise de
cores branco e marfil que se levaban con corsé creando unha silueta vertical e
sendo moi representados nos cadros de veraneo e praias de Sorolla.
Vemos tamén numerosos traxes da década aperturista
1910-1920, época na que se retira progresivamente o corsé do uso cotiá (prenda
que foi logo recuperada con éxito anacrónico polo New Look de Christian Dior en 1947). Modelos que son unha forma de
modernidade e que arrancan co modelo Delphos
de Fortuny. Traxes máis sinxelos realizados en fermosos tecidos con sedas,
encaixes, bordados e tules nas máis das voltas. Creacións entre outros de
Paquin, Madeleine Vionnet, Callot Soeurs, Lucile ou Paul Poiret, que comparten
espazo con traxes magníficos de autor descoñecido.
Os homes tamén se visten
A mostra aparece dividida en catro partes, Sorolla Íntimo, Retrato de Sociedad, Veraneo
Elegante, París y la vida moderna. Recollendo sobre todo retratos de donas,
feito que invita a exhibir unha maior selección de traxes de muller nas salas
de exposición que traxes de cabaleiro. Non sorprende isto pois é frecuente
atopar máis dedicación á moda feminina nas salas de exposición que á moda
masculina. Dada conta da maior fantasía e diversidade que caracterizaba ó
armario feminino dende o final de antigo réxime, fronte á sobriedade e monotonía
do vestiario masculino. No século XIX a sociedade burguesa premiaba a
discreción monocroma dos cabaleiros e a exuberancia colorista das donas.
Ocupando elas un papel anuncio do éxito económico e social do seu consorte ó
lucir importantes e custosos traxes que captaban a atención de entendidos e
neófitos.
Hai nembargante algúns exemplos de roupa de cabaleiro na
mostra que inclúe varios retratos de señores. O Retrato del Rey Alfonso XII con Uniforme de Húsares de 1907 é unha
boa mostra do traxe militar da época que era xunta ó do traxe relixioso un dos
dous únicos ámbitos onde se empregaba a cor brillante para vestir ós homes.
Exponse o retrato xunta o uniforme real.
Tamén a característica roupa de home burgués da época en
cor negra, branca, gris, ocre está presente na exposición a través entre outros
de un retrato de veraneo onde podemos
apreciar un traxe de verán de home feito en cor branca con tecido de liño e
ausencia de forro. Exponse a carón do traxe orixinal e o chapeu pajilla. A roupa de día aparece con unha
chaqueta de chaqué en lá negra que se mostra xunta o Retrato de Don Tomás Allende de 1905.
Non se oculta que ofrece máis espectáculo a moda feminina
no museo, máis non cabe dúbida de que o único xeito de ofrecer unha visión
global da época, da moda e da obra de Sorolla é mostrando a donas e cabaleiros
conxuntamente.
Román Padín Otero
No hay comentarios:
Publicar un comentario