Heavenly Bodies. MET. 10.5.2018- 8.18.2018. Curator: Andrew Bolton
Corpos Celestiais
A nova exposición do Costume Institute no Metropolitan
Museum de Nova York topa ca igrexa católica. Moda e relixión comparten espazo
nas salas do museo en Heavenly Bodies:
Fashion and The Catholic Imagination (10 maio-8 outubro) que mostra
conxuntamente as creacións de recoñecidos modistas con pezas de arte sacra e
hábitos relixiosos, forxando unha mímese entre ambos universos. Trátase da
maior das exposicións de moda presentadas até a data pola institución pois
ocupa o edificio do museo situado na quinta avenida e o edificio dos claustros.
Expóñense modas pertencentes á colección do museo e
outras cedidas para ocasión xunto a pezas de arte sacra, procurando un diálogo
entre ambos mundos. Hai tamén na mostra unhas 50 pezas téxtiles procedentes dos
Museos Vaticanos que se mirarán por vez primeira alén das portas de San Pedro.
Explica o comisario da mostra, Andrew Bolton, que moitos
dos modistos de formación católica atopan na relixión unha inspiración
metafórica que dirixe nalgún momento os seus impulsos creativos. Non se oculta
que algúns deseñadores empregan a temática relixiosa para provocar, o cal pode
parecer relacionado coa propia idea latente nesta mostra. Pois se trata do
maior acontecemento periodístico da parte máis frívola da moda, cheo de
estrelas do pop, rock, cinema, deporte que avanzan por unha alfombra vermella
poboada polos sensuais corpos espidos
das donas e os rechamantes traxes de escena dos cabaleiros. Todos eles nesta
volta deixarán voar a súa imaxinación para levar traxes acordes coa temática
relixiosa da convocatoria. Parece que a polémica está servida, o palio da
escalinata do museo vai estar enchido de cuestionables ou abraiantes versións
de mitras, casullas, sotanas e báculos.
O que certamente aparece como desideratum do comisario é
salientar, con polémica ou sen ela, que a relixión católica como crenza ten
inspirado moitas das máis extraordinarias creacións artísticas. Pois os máis
dos modistos e deseñadores inspíranse na relixión por causa da memoria
involuntaria, cando incorporan ás súas
creacións o que son recordos de infancia ou memorias de vellas costumes e
tradicións relativas ós sacramentos e celebracións relixiosas no tocante ó
vestido. Recollendo polo tanto as teimas relixiosas para as súas roupas por
causa da nostalxia e pola procura da beleza que encerran as obras de arte e vestimentas
da relixión católica en si mesmas. O traxe de John Galliano para Christian Dior
alta costura evocando unha sotana, capa, mitra, pectoral dun hipotético papa na
colección inverno do ano 2000, feito con profusión de bordados e valiosos materiais,
evoca unha imaxe onírica dese persoeiro na mente do modista. O traxe de noiva
de Christian Lacroix alta costura do inverno do ano 2009 que ten unha forma
case que idéntica á Virxe do Rocío, non ofrece outra lectura que a da posta en
valor da beleza formal desas imaxes relixiosas de virxes e santos. E mesmo o
traxe de encaixe dourado con saia de garda infante, mantilla e peiteado con
deseño de Domenico Dolce e Stefano Gabanna na alta moda de primavera 2013, ten
unha mestura de orixes que gravitan entre as irmandades de Semana Santa e Marlene
Dietrich no filme The Devil is a Woman dirixida
por Josef von Sternbeg en 1935.
A arte bizantina ocupa unha parte da mostra, pois son
numerosos os deseñadores que teñen sentido o influxo desta forma artística nas
súas creacións. A célebre Coco Chanel conta entre o seu identificable
imaxinario coas cruces e cadeas bizantinas de inspiración veneciana. Karl Lagerfeld deseñou para Chanel Métiers
d´Art inverno 2007, un chaleco de fantasía con pedrería en forma de cruz
bizantina e ortodoxa, que se fai dialogar na exposición, cun relicario do
século XIV feito en prata, esmalte, coral, vidro, cristal de roca e ouro. Christian
Lacroix incorporou unha enorme cruz bizantina con ouro e pedrería a un corpiño na
colección de inverno de 1988, que se vencella na mostra, ó mosaico de Ktisis do
ano 500 feito en mármore e cristal. Na súa derradeira colección de inverno
1997, Gianni Versace, deseñou vestidos de cristais, ouro, metal e pedrería
inspirados asemade nos micro mosaicos da catedral de Ravena, que na mostra se
poñen en diálogo cunha cruz procesional bizantina do ano 1000.
Outra teima que abrangue a mostra é a dos hábitos de
ordes relixiosas católicas e os sete sacramentos. Un célebre traxe de noiva
creado por Cristóbal Balenciaga no ano 1967 evoca unha toca de monxa e unha
capa monástica pola súa sinxeleza. María Grazi Chiuri e Pierpaolo Piccioli para
Valentino alta costura primavera 2013 creaban modelos de corte monacal, con
longas saias de evocación renacentista. Non poucos dos tocados e chapeus de
Philip Treacey procuran entre as formas mais volátiles da historia da arte dos
peiteados e decorado de testas a súa inspiración. Chapeus de prior, de monxa,
de dona cortesá medieval, aparecen en moitas das coleccións do famoso facedor
de sombreiros británico, entre eles pódese sinalar o de alta costura 2001
chamado Madonna Rides Again II.
Se a moda é a máis popular das artes e a súa
incorporación ós museos é unha positiva novidade da derradeira década, as
exposicións organizadas por Andrew Boltón no MET son a escola de menciñeiros na
materia. Imprescindibles laboratorios de formas onde se mestura filosofía
postmoderna e artes universais.
As actrices e o traxe talar.
A relación entre a moda e a egrexia católica cando as
roupas relixiosas e os ritos serven como inspiración para os modistas non deixa
de resultar complexa. Atopar roupas de bispo, cura ou mesmo do papa convertidas
en vestidos luxosos para donas ou traxes xastre para cabaleiro non pode se non asombrar
pois semella a transformación do amor sacro en amor profano, da virtude da
contemplación no vicio da vaidade. Mais non hai que esquecer que o boato da
egrexia e o protocolo dos ritos son as bases formais da práctica mesma da
relixión e subliñan coa beleza material das pezas de arte sacro e o luxo dos
obxectos e prendas a propia existencia da fe.
Esta singular inspiración da moda na imaxinería do
relixioso que propón a exposición non é ortodoxa se non que busca conexións
heterodoxas dun xeito ecléctico ou postmoderno. Un referente do que en certa
medida atopamos na mostra é o que creou Ava Gardner no ano 1955 cando luciu un
pequeno vestidiño negro deseñado por Sorelle Fontana de Roma, que non era outra
cousa que una adaptación sexy do traxe talar de cura para seguir as curvas do
corpo voluptuoso da actriz que se acompañaba dunha cruz no peito e un sombreiro.
Tal era o parecido do vestido co traxe relixioso que as modistas, donas piadosas
e practicantes, solicitaron o permiso das autoridades relixiosas para
confeccionalo. Un vestido semellante foi levado por Anita Ekberg no filme La Dolce Vita de Federico Fellini no ano
1960. Daquela esa moda de inspiración relixiosa era o mais sinxela e inocente
que se poda imaxinar.
Una emprego no vestido da temática relixiosa con vontade
de provocar é o que fai a cantante Madonna. Nos anos 1980 puxo de moda o
crucifixo que se levaba como un accesorio máis. Nos anos 1990 luciu unha sotana
no escenario de World Ambition Tour. Nos
anos 2000 apareceu mesmo levando coroa de espiñas. E nos 2010 luce variacións
de hábitos de monxa para os números musicais das súas xiras. A súa
interpretación da moda con leitmoiv relixioso non pide permiso ás autoridades,
se non que acada a sanción, crítica e mesmo boicot das egrexias.
Román Padín Otero
No hay comentarios:
Publicar un comentario