O galáctico
locus amoenus de Thierry Mugler.
O Museo de Belas Artes de Montreal, en Canadá, está a
expoñer Thierry Mugler: Couturissime. A
primeira mostra en todo o mundo dedicada ó traballo do modista, fotógrafo,
perfumista, escenógrafo e creador dun universo estético de romanticismo
sideral, Thierry Mugler.
A mostra comisariada por Thierry-Maxime Loriot inclúe aproximadamente 150 traxes, case que
todos eles inéditos, creados entre 1973 e 2001. Son pezas de alta costura ou
prêt-à-porter exclusivo e vestiario teatral. Se expoñen asemade unhas 100
fotografías asinadas entre outros por Helmut Newton, Richard Avedon, Guy Bourdin, Pierre et Gilles, Sarah Moon,
David LaChapelle, Paolo Roversi, Herb Ritts e o propio Mugler. As pezas están
dispostas en escenografías teatrais reforzadas con proxeccións e holografías de
xeito que non se visita unha retrospectiva ó uso, se non que se fai unha
inmersión nun universo singular. Estará aberta no MMFA de Montreal dende o 2 de marzo até o 8 de setembro deste
ano2019.
¿Por qué merece Thierry
Mugler unha exposición nun museo, qué o fai importante? O estilo Mugler caracterízase polos deseños de
dona hiperfemininos, coa cintura moi marcada, os ombreiros prominentes, talóns
infinitos, materiais contrapostos como (látex, seda, lá, bordados en cristal).
Presenta dúas liñas estéticas unha
futurista e outra romántica, e sobre todo elo un tufo a bo gusto excesivo preto
do camp ou kitsch (algúns modelos incluiranse en Camp:Notes on Fashion, a exposición anual no Costume Institute no MET neoiorquino).
Canto á roupa para homes de Mugler son siluetas moi rigorosas evocadoras da xastrería militar,
con traxes estruturados, liñas simples, peches ó lado con inspiración soviética
e china. Modelos como o beninés Djimon
Hounsou ou o caucásico Stepanek encarnan
nas fotografías artísticas e de moda ou nas pasarelas ó ideal do deseñador.
Thierry
Mugler ten posto en escena
os desfiles máis espectaculares do seu tempo, transformando ás donas, ás actrices
e ás modelos nas máis fermosas criaturas. Os homes que as acompañaban eran
hipertrofiados fortes cabaleiros pertencentes a unhas figuradas lexións multirraciais.
O desfile celebrado no Cirque d´Hiver de
París para presentar a colección outono-inverno 1995/1996, levou por nome The Show. Foi un espectáculo de máis dunha
hora de duración, para o que o público mesmo mercaba entradas e que contou con
auténticas estrelas de antes e hoxe (Violeta
Sánchez, Tippi Hedren, Rossy de Palma, Carmen Dell´Orefice).
No ano 1990 exerceu de director para o vídeoclip Too Funky do cantante británico George Michael, no que participan as top
models, actrices e gogós máis célebres do momento. O filme é un concentrado do
universo exaxerado, colorista e hipersexual de Mugler. Noutras colaboracións coa escena ten deseñado o vestiario
para La Tragédie de Macbeth pour la
Comedie Française et Le Festival de Avignon. Teñen levado os seus traxes Diana Ross, David Bowie, Lady Gaga, Liza
Minnelli, Cèline Dion, Beyoncé…Le Cirque du Soleil levou os seus deseños no
espectáculo Zumanity.
Alaia, Gaultier, Montana, Mugler son os
catro xenios que trocaron a concepción da moda máis luxosa dende a haute couture cara ó prêt à porter de luxe nos anos 1980. Azzedine Alaïa, foi suxeito de moitas
mostras e na actualidade conta co seu propio museo en París. Jean-Paul Gaultier tivo varias mostras e
unha senlleira que deu a volta ó mundo con máis de 2 millóns de visitantes, que
fora asemade comisariada por Thierry-Maxime
Loriot. Quedan Claude Montana
cuxa obra non foi aínda posta en valor e Thierry
Mugler, a quen se lle fai xustiza agora con esta exposición, catálogo e
conferencias.
Esta merecida homenaxe a un axial creador contemporáneo
servirá para o popularizar entre as novas xeracións. Co gallo da exposición a
rapeira Cardi B luciu varios modelos
vintage de Thierry Mugler nos Grammy Awards 2019. Un deles era un nacemento de Venus do ano 1995, no que a
cuncha se representaba en satén duquesa rosa que fixo as delicias dos
millennials e da prensa. A moda de vello asinada por Thierry Mugler segue a épater
le bourgeois.
Metamorfose, super heroínas e
cyborg.
Thierry Mugler ten sido moi divulgado por medio dos seus perfumes. En tódalas perfumerías
galegas se poden atopar as fontes de recarga dos perfumes Mugler. Un deles, o chamado Angel
ten unha botella con forma de estrela de cinco puntas e contou coa modelo Jerry
Hall como musa no ano 1995 é un dos máis vendidos no mundo. Entre as
colonias de home destaca AMen unha
icónica loción que conta cun cyborg como imaxe.
Os libros de moda son tamén
un espazo onde acercarnos ó universo do deseñador. O primeiro fora editado por Rizzoli no ano 1988 baixo o título Thierry Mugler Photographer. Recolle as
fotografías executadas polo propio deseñador cun estilo que incide no retrato
de grandes edificios, paisaxes e monumentos en plano principal. Culminando a
composición ó situar en calquera dos catro ángulos a modelos con poses
teatrais. O derradeiro é o catálogo da mostra en Montreal, que editado por Phaidon leva por título o da exposición.
Ten 400 páxinas e inclúe textos de entre outros de Jack Lang e máis de 350
imaxes.
Un aspecto que resulta apaixonante é o estudo material
das prendas creadas por Thierry Mugler. As
estruturas das chaquetas, os patróns dos vestidos, os tecidos dos gabáns, as
volumes dos chapeus, a caída dos pantalóns, todo merece rigoroso estudo. Tanto
en Mugler como en Balenciaga o corte e o patrón son
maxistrais. Hai un ano, montamos unha pequena exposición de moda masculina no
espazo Cuarto Pexego de Santiago de
Compostela. Unha das pezas expostas era un traxe de cabaleiro do ano 1990
asinado Thierry Mugler. Os visitantes
quedaban abraiados pola forma, corte e estrutura dese conxunto que destacaba
sobre o resto froito da mestría no deseño e execución da roupa na fábrica Mugler.
Román Padín
Otero.
No hay comentarios:
Publicar un comentario