Convidada de honra
O Bilboko Arte Ederren Museoa, Museo de Bellas Artes de Bilbao, expón un
traxe de prêt-à-porter deseñado por Rei Kawakubo para Comme des Garçons, dentro
do programa La Pieza Invitada. Entre o 4 de decembro deste ano e o 19 de abril
do 2020, a moda será daquela unha convidada de honra no museo.
O traxe exposto pertence a colección do Palais Galliera, Musée de la Mode
de la Ville de Paris. A súa directora Miren Arzalluz e Alexandre Samson, responsable
da colección de haute couture e
creación contemporánea do Palais Galliera, asistiron á presentación da peza.
A peza téxtil ten sido instalada na
sala Ñ (ñabar/multicolor), no edificio antigo seguindo a nomenclatura concibida
polo director do museo bilbaíno, Miguel Zugaza. O traxe aparece rodeado de
obras pictóricas e apoiado nunha plataforma. No inventario de autores que
acompañan ó vestido se inclúen ós pintores contemporáneos Rafael Balerdi,
Gabriel Ramos Uranga, José Luís Zumeta e un Cesto
con froitas asinado por Juan de Arellano en 1660.
Non é a primeira vez que Museo de Bellas de Bilbao expón moda. No ano 2010
dedicaron unha mostra a Cristóbal Balenciaga que ocupaba unha importante parte do
museo. Baixo o título Balenciaga. El diseño
del límite a obra do modisto puido ser vista polo miúdo, en instalacións
específicas de formas siderais, como a que rodeaba o traxe de noiva feito en
gazar de seda da colección primavera verano do ano 1967.
No ano 2015 a exposición procedente do Palais Galliera comisariada por
Olivier Saillard quen contou con Miren Arazalluz como comisaria asociada, Los años 50. La moda en Francia 1947-1957,
outorgou asemade unha relevante presenza á arte do vestir nas salas do museo.
Nesta volta o traxe exposto é da colección de outono inverno 2016 da firma
xaponesa Comme des Garcóns, fundada e dirixida por Rei Kawakubo. É unha
estrutura formada por tres grandes campás ou volantes superpostos que teñen uns
vistosos estampados de flores de ton vermello. Está feito en tres tecidos, un
tipo de brocado estampado, un tipo damasco de lúrex irisado estampado e un
veludo de algodón vermello.
O traballo sobre o volume e sobre o corpo e a relación do espazo e a
silueta é unha teima constante nas creacións dos deseñadores xaponeses. Dende a
súa chegada a París no ano 1981 cos desfiles e presentacións de Issey Miyake e
Yohji Yamamoto, e logo Rei Kawakubo, un novo xeito de indumentaria entrou en
escena. A cor negra e as cores sumi-e da
pintura monocroma. O wabi ou carente
de decoración, o sabi ou estética do vello e usado, as
volumes deixando espazo xerador de enerxía entre o corpo e a roupa o chamado ma. A androxinia ou fluído entre xéneros
foron algunhas das apartacións culturais destes creadores que nunca estiveron
exentos de polémica.
Nos derradeiros anos Rei Kawakubo incide moito nas siluetas. Mesmo con
deseños que subliñan mais a existencia dunha forma de casulo entre o individuo
e o exterior que na creación de formas tradicionais de xastrería. Ás veces as formas
dos traxes evocan aquelas esculturas de vulto redondo paleolíticas. E outras
semellan miradas aumentadas a partes de traxes ou estruturas para ser vestidas.
No ano 2016 o museo de Amberes MOMU puña en cartel a mostra Fashion Game Changers. Reinventing the 20th
Century Silhouette. Daquela se estudaban as progresións que moda, patróns,
tecidos e accesorios tiveran de pasar para acadar as posibilidades de prendas
de roupa fluídas. O século XXI non coñece de aseveracións absolutas como as que
emitían os couturiers da idade de
ouro da haute couture. Antes ben son plurais as posibilidades para
dialogar co corpo, e moito desa apertura veu definido de certo por Gabrielle Chanel,
máis tamén e moi certamente por Cristóbal Balenciaga e as súas liñas saco,
trapecio, globo. Nelas había como nos deseños de Rei Kawakubo espazo entre o
corpo e o tecido, mai.
O diálogo entre corpo e vestido ten
acadado nos nosos días unha importancia axial e non soamente procura a
existencia de creadores heteroxéneos con discursos variados. Asemade permite o
acceso deses creadores ós museos para poñer en valor as súas pezas como
obxectos de arte ou manifestacións culturais de importancia. Esta mostra en
Bilbao é unha máis das pisadas cara a recepción absoluta da moda no museo de
arte.
As máis desexadas
As mostras de moda non teñen sido recibidas con fanfarras polos museos de
arte e tan só grazas ós esforzos denodados e grande fe dos estudosos do fashion system puideron as modas entrar
no museo.
No ano 1971 Cecil Beaton empregou
todo o seu savoir faire para
introducir a moda dos nosos días no
museo Victoria & Albert de
Londres. No ano 1983 Diana Vreeland convocaba
á alta sociedade de Nova York para acudir á primeira exposición no Metropolitan Museum of Art dun modisto
vivo, Yves Saint Laurent. No ano 2000
Germano Celant ocupaba o museo Guggenheim de Nova York e logo Bilbao
para expoñer unha monumental retrospectiva de Giorgio Armani.
No século XXI, segue a moda convocando máis xente nas súas exposición que a
arte do impresionistas ou dos antigos exipcios e proliferan os centros
permanentes onde exhibir moda. A Londres, París, Nova York, Bath, únense
Anveres, Tokío, Marrakech, Marsella, Hasselt, Guetaria, Granville, Madrid.
Os museos de arte xeral e non soamente os dedicados ó téxtil pasan a programar
moda. O museo Thyssen-Bornemisza de
Madrid argumenta a moda en relación
coa arte. O Design Museum Holon de Israel argumenta a moda en relación ó
deseño.
En Galiza como mostras de moda senlleiras compre referir a de Yves Saint Laurent e a arte na extinta
Fundación Caixa Galicia no ano 2008. A moda de España en A través del espejo no ano 2005. E a exposición antropolóxica Con-fío en Cidade da Cultura no 2016. Asemade os espazos expositivos temporais
das Universidades Galegas e algúns espazos municipais teñen sido sé de mostras
de moda dos traballos feitos en Esdemga. E
Cidade da Cultura ten acollido a Mestre Mateo. Arestora serán asemade os
museos de Belas Artes quen programen
moda e quizais se teña como desideratum un
museo da moda en Galiza.
Román Padín Otero
No hay comentarios:
Publicar un comentario