Forma e función. Arte
contemporánea e obradoiro
A Fundación Rac de Pontevedra, presenta en colaboración coa Fundación
Artesanía de Galicia, baixo o auspicio da Xunta de Galicia, a mostra “Os
Roteiros da Forma”. Nela se expoñen as creacións de 14 obradoiros artesáns
vencellados ó proxecto de renovación dos oficios do feito á man que se ven
desenrolando con grande sona dende hai dous lustros.
Desta volta ceramistas, teceduras, cesterías, zoquearías, ourives,
talabartería, porcelanas, torneiras, ilustración, debuxo, se convocan baixo o
comisariado de Sara Donoso coa moi plausible encomenda de cavilar arredor das
ideas estéticas e utilitarias. A premisa é o feito artesanalmente con materiais
naturais e preciosos, sendo o máis avaliado dos materiais, o tempo.
O interese pola vida lenta ou “slow living” que encarna a volta ó artesán, non
parece se non unha representación do valor que o tempo ten como luxo e como
medida aplicada ó traballo. Pois antes do renacer do artesán, tiñan quedado
eses procesos creativos recluídos no universo dos obxectos e modas exclusivas e
no feito a medida. Promovidas as reunións e mostras para debater o porvir da
creación manual pola Fundación Loewe ou por Casa Alía en España, Homo Faber ou Chanel no estranxeiro, se achegan conclusións divulgativas do ben
feito, con materiais perdurables e sinxelos.
A cuestión das formas novas é primordial na mostra de Pontevedra, estando
inspirados tódolos obxectos exhibidos nun diálogo coa arte contemporánea. Son
obxectos que exhalan unha sensibilidade seminal e futura, non reaccionaria, nin
nostálxica. O mesmo que o art nouveau,
art déco, postmodern style, Bauhaus, Memphis,
produciron formas estéticas acordes cunha época, o século XXI na época
da lixeireza procura un tándem arte
contemporánea con obradoiro artesán, con obxectos impregnados das formas
incidentais, caprichosas ou referenciais da cultura dos nosos días.
O momento creativo actual se beneficia do movemento Memphis de deseño nos anos 1980 que puxo fin o axioma de forma
segue función para defender a supremacía da forma sobre a función. Así calquera
forma vale, calquera función se apaña baixo a prioridade da poética dos
obxectos e mesmo da súa natureza retórica. O luxo non é outra cousa que un
exceso de aire, auga, fogo, espazo baleiro ou horror vacui.
Outro aspecto salientable dos obxectos artesáns con deseño dos nosos día é
a súa entidade comprometida, sostible e chea de respecto pola natureza. Os think
tank conveñen arestora que o consumismo sen tregua chegou a producir tanto
desperdicio que os mares están
infestados de plásticos , os polos terrestres se derroten, os ceos se quebran
no ozono, as xentes viven deprimidas en urbes anónimas coa única compañía do
can. O artesán é poesía, o feito á man é reflexión, e pode sen dúbida ser o
baluarte dun novo xeito de vivir.
Fronte ó exceso dos mercados, demasiado poboados de mercadorías anódinas e
clientes confundidos, aparece a necesidade de afastarse do gran consumo sen
arreo e lecer ca volta ó tradicional. A vida sen presa, ós obxectos
perdurables, ás cousas feitas á man, ás técnicas tradicionais ou innovadoras
baseadas nas calidades e no virtuosismo, son unha parte substancial do espírito
dos tempos, unha parte do Zeitgeist.
Idoia Cuesta, Iris Branco, Ferraxe de Prata, Santiago Besteiro, Marta
Armada, Noroeste Obradoiro, Ana Tenorio, Elena Ferro, Copia cerámica, Verónica
Moar, Adrián Pena, Iria Prol, Inés Rir, Paula Ojea, son os creadores en Galicia
de cousas para sempre que se poden ver nesta mostra, a moda do perenne. Quen
empregan unha libérrima guía creativa para definir as formas dos seus obxectos.
Hai quizais no conxunto unha sólida inspiración de arte rupestre, hai asemade
unha espiritualidade quietista pois a austeridade e minimalismo da meirande
parte das cousas expostas resulta notoria. E como non pensar nunha visión
franciscana da natureza canto ós materiais que aparecen como irmáns menores dos
propios artistas.
Sen dúbida a estética do conxunto está máis cerca do la arruga es bella do gran Adolfo
Domínguez que do colorista universo do todo vale de Ettore Sottsass con Memphis, en
calquera caso ambos camiños acadan a excelencia.
Una cousa para sempre
Tódolos canles de reflexión e pensamento sobre o estilo de vida no século
XXI, pasan por consumir menos, consumir máis cerca, mercar bens reciclados,
valorar a creatividade combinada con técnica, adquirir obxectos perdurables e
sostibles. Daquela a ollada cara os bens concibidos e manufacturados nun
entorno de artesanado é un camiño para vivir mellor e coidar o planeta.
Nos nosos días coa volta ó artesán revisado, toma relevancia a herdanza do deseño escandinavo que se apoia
nas creacións feitas con materias primas respectuosas, formas sinuosas
procedentes da inspiración na paisaxe autóctona e obxectos que duren no tempo.
A coherencia dos deseñadores daneses de mobles, cristais ornamentais, casas,
obxectos, roupa e tecidos, ben merece non ser esquecida e empregala como
decálogo dunha guía estética figurada.
As novas artes transversais xurdidas da confrontación dos sistemas de
consumo masivo fronte á manufactura de calidade individualizada, teñen unha
faciana propia. Integran tódolos eidos sonoros, visuais, sensitivos para crear
algo total. Favorecen os proxectos colectivos renunciando á importancia da
autoría do xenio, tentan crear cousas perennes, traballan nas formas
polivalentes e nos materiais poéticos e fermosos de seu.
O conxunto de creadores nesta mostra son de certo estudosos das formas e
avaliadores das funcións nunha sinerxía coas fontes, prados e ríos galegos.
Román Padín Otero
No hay comentarios:
Publicar un comentario