jueves, 8 de marzo de 2012

Artesanías



Artesanías
Os obxectos de produción artesán están a experimentar un rexurdemento. Logo de décadas á procura do ideal de Walter Benjamin que incardinaba a beleza industrial en produtos de edición seriada. Estamos arestora voltando os ollos cara á maneira exclusiva de facer preciosos “bibelots” de natureza única en obradoiros de louzas, vidros, tecidos ou coiros. A tendencia cara ó avalúo do mercado do luxo ten moito que ver neste rexurdimento, facendo que conceptos inherentes ós produtos artesáns, como exclusividade, excelencia, oficio, perdurabilidade, herdanza cultural, esténse a impor sobre o veloz ritmo do listo para levar ou prêt à porter.
Galicia non é allea a esta nova fiestra das artes aplicadas e do mercado. A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, está a facer notorios proxectos para colocar á “Artesanía de Galicia”, como marca e como sector, nos máis vangardistas espazos creacionais e comerciais.
A relación entre institucións e sector artesán responde a unha fonda tradición histórica que arranca nos inicios do sistema do luxo no século XVIII. Un contexto universalista de interacción das artes, a industria e as ciencias, que sirveu de niño para o nacemento das industrias Reais do luxo.
En Francia, baixo o reinado de Luís XIV, o desexo do monarca de se rodear de fermosura, sirveu para o desenrolo do ballet coa música de Lully, do teatro coas obras de Molière, e das artes aplicadas co sistema de manufacturas Reais estruturadas baixo o goberno do ministro Colbert. París foise convertindo progresivamente en centro da moda. Os accesorios, mobles e obxectos decorativos atoparon daquela un momento álxido. As manufacturas Reais, fabricaron os espellos da célebre galería de Versalles, fixeron vidros, louzas, porcelanas, tapices, mobles, carruaxes. E serviron de apoio para estruturar o sector de fornecedores ós modistos e arquitectos con marcas como Gobelins, Sévres, Limoges. Todas estas marcan mantéñense na actualidade e son o eixo da grandeza francesa.
En España nos tempos de Carlos III, e a súa dona, María Amalia de Saxonia, apareceron as manufacturas de La Granja, a Real Fábrica de Tapices, as louzas e porcelanas de Buen Retiro, e como non a gusto pola botánica coa creación do xardín homónimo en Madrid e o deseño señorial das rúas da cidade. Magoa que o eixo desas manufacturas non está punteiro na actualidade, pero é unha teima a recuperar. En Alemania, arestora veñen de recuperar dende o goberno, a manfactura de Meissen, con grande éxito comercial e de expertos.
Galicia está no camiño de vertebración do sector da manufactura tradicional e manual,  baixo o paraugas da marca Artesanía de Galicia. A Consellería de Economía e Industria que lidera Javier Guerra, conta na Direción Xeral de Comercio, cunha Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño. A xerente, Elena Fabeiro, e o seu equipo, están a incorporar un concepto de futuro e imaxe contemporánea ós oficios tradicionais galegos. Cesteiras, prateiros, xoieiros, restauradores, carpinteiros ou talabarteiros, entre outros oficios estánse a sentir arroupados e apoiados cara ó mercado interno e o mercado internacional. A Fundación participa en diversas feiras e eventos con stand institucional, e axuda ós artesáns a participar por eles mesmos en moitas outras. Cunha impactante  campana de comunicación, baixo o slogan-marca, artesanía de Galicia, ten aportado un novo estilismo ó artesanado tradicional galego. Ademais entorno da realidade do traxe tradicional, como receptor dos traballos preciosos dos artesáns dende tecidos até azabacheiros, estánse a organizar eventos como o que acontecerá no verán en Agolada. E non por derradeiro menos importante, e notable a inminente inauguración dun concept store, Artesanía de Galicia, en Portonovo, onde se ofrecerán un cumio de produtos galegos.
A artesanía no século XXI, unha cámara das marabillas dos artesáns galegos para o mundo.
Román Padín Otero

No hay comentarios:

Publicar un comentario