God save the
Queen, Punk!!
O Metropolitan
Museum de Nova York, dedica unha exposición á influencia do
movemento punk na moda. Baixo o
título Punk: chaos to couture, a mostra
afonda no vestiario e na estética dese estilo de roupas negras, imperdibles,
peiteados extremos, tartán e coiro. Facendo un tránsito dende as orixes do
aspecto contracultural e ácrata da escena musical londinense e americana dos
anos setenta, até o manierismo violento e neogótico recolleito pola industria
da moda no século XXI. A exposición inclúe street wear, de autor
anónimo e tamén couture ensembles, asinadas por celebrados deseñadores. Como acontece de cotío na museística e na
socioloxía urbana hipermoderna, unha teima pertencente á cultura pop que non
ten moitos prismas na praxis, remata por ser fondamente poliédrica ó ser
intelectualizada polos teóricos. De xeito que un movemento musical, e logo
estético e de facto cultural, acaba por ser fío condutor dunha época e
inspiración ou leitmotiv dos artistas e artesáns doutros lustros. O
punk que conseguía épater la bourgeoisie, sendo icona de iconoclastia rematou
por ser estética para vestir ós salóns de xeito convencional. Sobre ese tránsito
dende unha evocada “Saison en enfer” de Arthur Rimbaud, até un “Devil wears
Prada” asinado por Lauren Weisberger trata a proposta expositiva. Ou o que é o
mesmo dende o “God save the queen” dos Sex Pistols, onde Malcolm Mclaren,
parella de Vivienne Westwood na época, actuaba como produtor do grupo e
comercializaba roupas de onda punk na súa tenda londinense. Até o “Born this
way” de Lady Gaga, onde o neopunk estilista Nicola Formichetti, combina modelos
convencionais de xeito que troquen en aspectos tan abxectos como o punk
orixinario. Este
teatro da moda, consegue facer iso, converte algo orixinal, espontáneo e único,
nunha cousa retórica e baldeira de contido. O aspecto dun punkie como un indio
sioux nos anos setenta, viña acompañado dunha cultura musical do ruído, dunha
poética de verbas groseiras, dunha actitude política oposta ó conservadurismo
de Thatcher, dunha actitude atentatoria contra a propiedade privada apoiando o
movemento ocupa, e dunha procura de riscos con drogas e alcohol. Eran unha
especie de dadaístas iconoclastas ancorados no pesimismo dun mundo agobiado
polas diferencias económicas das clases sociais e polo rigor do establishment.
Así un aspecto porco, sen moita hixiene, coa pel branca polo trasnoite e a
falta de coidado persoal, con roupas rotas e cheas de imperdibles,obedecía a un
decálogo de actitude contra sistema. Levaban pelos tesos coma cepillos para
sorprender. Roupas rotas para escandalizar. Eran, violentos e nas mais das
veces poucos educados, ágrafos e non poucas das veces de ideoloxías racistas ou
sectarias. Un movemento de cambio nun mundo en mal estado para facelo peor. Eses
exemplares únicos foron raptados polo fashion system, igual que Europa fora
raptada por Xúpiter disfrazado de touro, para trocalos nun cúmulo de
histrionismos comerciais. Os accesorios metálicos foron fagocitados por Chanel.
As prendas de coiro foron roubadas por Balmain. Os maquillaxes brancos
recolleitos por Shisheido. As perrucas encrespadas popularizadas por Cher en
tódalas perruquerías de barrio. E os rotos nos vestidos tapados con imperdibles
recolleitos por Versace para facer de Liz Hurley, unha das mulleres mais
divulgadas do universo cinematográfico, sexy e pornográfica, e tamén bastante
vulgar. Quizais o bo que
xurdiu do punk intelectualizado sexa a popularización dos piercings e tatuaxes
que decoran á mocidade actual. Aínda que neso non soamente se olla a herdanza
punk, se non tamén o filtro de alta moda de Jean Paul Gaultier, quen tamén tomou
prestado do punk movement a saia ou kilt para home. E tamén hai punk no estilo
Eduardiano, herdeiro de Vita Sackville West, reinterpretado por Dame Vivienne Westwood,
quen fai traxes para uns certos retratos evocadores de Sir John Singer Sargent,
cheos de citas burguesas retóricas a un mundo transgresor esquecido entre
voluntarismos xuvenís. Entre saias para homes, aneis
nos testículos e polisóns deconstruídos anda o xogo post punk no universo da
moda. Cidadáns vestidos de salvaxes De
entre tódalas propostas de moda comercial herdeiras do punk, a máis singular é
a de Dame Vivienne Westwood. Ela foi de feito a primeira en levar, da man de
Malcolm Mclaren, a escena musical do punk a unha colección de moda. Nunha
boutique en Kings Road, a parella fixo popularización e divulgación do punk
cara a un consumismo ansioso de vangarda. O certo é que a deseñadora, nunha
boutique que se chamou “Sex”, “Too fast to live too young to die”,
“Seditionaries” ou “Worlds Ends”, empezou vendendo roupa bondage, de aires
fetichistas e mesmo pornográficas.A boutique compartía vangarda musical coa
tamén popular “Boy” e como non coa moi extrema tenda “Browns”, onde espuxo os
seus primeiros modelos John Galliano. O paso do tempo fixo que
firmas como Moschino, Chanel, Gaultier, Dior, Galliano, Balmain, Ginvenchy,
tomaran prestados do estilo punk moitos xiros e manierismos, facendo o que
poderíamos chamar punkismo de salón.
Mais a soia deseñadora que tivo unha progresión no punk sen facer
autocita complacente, foi a propia Vivienne Westwood, pois logo de facer
camisetas con escenas pronográficas como inicio dun look punk nos anos setenta.
Acabou facendo traxes de estilo século XVIII, deconstruídos, no século XXI, con
estampados da bandeira inglesa desmontada. Ou coa efixie da raíña Isabel,
estampada como se fora un alegato daquel single dos sex Pistols. A realidade é
que o punk na moda está descafeinado, pero o punk na maison de Vivienne
Westwood, vive nunha constante realidade de reinvención a contracorrente para
provocar á audiencia estupefacta e sorprendida. Alexander Mcqueen, Thierry
Mugler e Rick Owens, son outras tres
casas que teñen asemade un espírito punk, sen retórica. Na era da cultura do
espectáculo, moda sen show.
Román Padín Otero
No hay comentarios:
Publicar un comentario