A moda en rosa.
Este outono as exposicións de moda nos museos celebran a cor rosa . Unha
mostra en Nova York e outra en Madrid miran cara o roupeiro rosa.
Valerie Steele ó fronte do Fashion Institute of Technology presenta unha
exposición na que unhas 80 pezas de roupa na gama dos rosas son despregadas
baixo o paraugas protector dun cavilado texto teórico que trata dos diversos significados
e simbolismo desa cor ó longo da historia e a través de culturas e continentes.
Adscrita coma ningunha outra cor a múltiples significados que van dende á
identidade de xénero, até o significado da carga sensual. Pasa por ser unha cor
belixerante e representativa do poder ou pacífica e símbolo de inocencia. Pode
ter forte carga ideolóxica combativa ou servir de tenue ilustración infantil. Pink: The history of a punk, pretty,
powerful Color, é unha exposición que explica de xeito argumentado todas
esas posibilidades de diálogo entre a cor rosa e o aspecto na vestimenta.
No século XVIII logo de ter recibido un colorante procedente de latino
América as cortes europeas incorporaron a cor rosa de xeito habitual para o
vestiario á francesa tanto de donas
coma de cabaleiros. Unha cor popularizada
por Madame de Pompadour que tomou loxicamente o nome de rosa pompadour, converténdose en
sinónimo de luxo, calma e voluptuosidade dunha época cortesá e galante. Non sería até mediados do século XIX
coa moda burguesa de seriedade no vestido do home realizado en cores negra,
gris, branca que o rosa quedara exclusivamente adscrito á roupa feminina. Para
os nenos empregábase de xeito aleatorio e mesmo cambiante, pois había quen
atopaba o rosa forte e o azul feble e asemade acontecía o contrario. Puñan
lazos azuis en nenas e rosa en nenos…até que sobre todo como idea mercantil
para aumentar as vendas de roupas infantís separouse o rosa para nenas e o azul
para nenos.
O século XX pasou por múltiples significados para o rosa, liberador e
gaiola. Integrador de xéneros e arma provocadora de roupa interior feminina. O
anos 1920 puxeron de moda o rosa pois do mesmo xeito que Chanel deseñaba a petite robe noire tamén facía con grande
sona a petite robe rose. Na década
dos anos 1930 a deseñadora Elsa Schiaparelli incorporou coma emblema da súa
casa de modas a cor rosa profundo, foi o chamado shocking pink. Na década dos anos 1950 cando se propiciaba o
imaxinario da beautiful house do sono
americano, o rosa aparece coma cor feble preferida para a idealización do vestido
da muller relegada a quedar na casa. O
anos 1960 empregan un rosa espacial ou sideral e progresivamente se incorpora ó
armario masculino que anda daquelas na revolución
do pavos reais a cal permite ós homes vestir lonxe do gris e preto do arco
iris.
A cultura do rock converte ó rosa nunha cor rebelde cando Elvis Presley
leva unha chaqueta rosa ou conduce un cadillac rosa, emulando ó boxeador Sugar
Ray Robinson. A música hip-hop tamén incorpora o rosa cando en 2002 o rapero
Cam´ron leva un abrigo de visón rosa ós desfiles da New York Fashion Week.
Madonna levou un corpiño rosa deseñado por Jean Paul Gaultier nos anos 1990. E
mesmo recentemente a cantante Janelle Monae canta un tema titulado Pynk.
O deseñador Yves Saint Laurent empregou o rosa ó longo dos seus 40 anos de
profesión. Igual ten feito o deseñador Valentino que mesmo ven de editar una
camiseta na que se lee pink is punk,
outorgando á cor rosa non soamente un carácter feble, feminino, infantil, se
non que se recoñecen as posibilidades de outras personalidades para unha cor
que foi moeda de troco entre sexos ó longo de dous séculos na cultura
occidental europea.
A famosa editora do Vogue Diana Vreeland afirmaba que o rosa é o azul da India pois nese país emprégase a cor de cotío
por homes, mulleres, nenos e nenas. A deseñadora Elsa Schiaparelli atopou o seu
rosa chocante nunha procedencia de China
ou Perú pero non de occidente. A cor rosa é tamén é moi popular en México
onde se fala do rosa mexicano.
Nos nosos días mozos e mozas levan de cotío roupas rosa pero con frecuencia
a cor xoga un papel iconoclasta. Rei Kawakubo para Comme des Garçons crea pezas
rosa vangardistas e rompedoras. O mesmo que Alessandro Michele para Gucci que
suma a cor rosa ó conxunto de medidas disruptivas
que emprega no deseño do novo universo da marca italiana. Hai rosa de roupa
interior, rosa da moneca Barby, rosa das mozas e mozos das tribos urbanas no
Xapón inspirados en Lolitas e personaxes manga. E hai asemade a cor rosa
empregada como instrumento LXTB para defensa dos dereitos do colectivo.
Todas as sombras de rosa aparecen representadas nesta exposición que se
acompana dun catálogo editado por Thames&Hudson. En Madrid no Museo del
Traje haberá unha exposición sobre o rosa titulada La Vie en Rose que inaugurará en novembro, cuxos contidos aparecen
como moi desexables.
A pantera, a rubia e Picasso.
Entre os empregos e interpretacións da cor rosa atopamos filmes, cadros,
esculturas, cancións, poemas…A divertida película The Pink Panther dirixida por Blake Edwards no ano 1963, converte a
un diamante rosa no eixo dunha alta comedia tan elegante coma o personaxe da
banda deseñada do que toma o nome. Na comedia musical Gentlemen prefer blondes interpretada en 1953 por Marilyn Monroe a
celebérrima rubia leva un vestido rosa de satén deseñado por William Travilla.
O traxe de gala deixa os ombreiros ó aire e luce un enorme lazo nas costas. Un
accesorio que habería de ser repetido en múltiples ocasións por Yves Saint
Laurent e pasados os anos por Viktor&Rolf na profunda cor rosa satén.
Outro divertido filme Funny Face do
ano 1957 incorporou un número musical rosa chamado Think Pink, no que unha editora de moda impele a vivir nun mundo
rosa. Rosa é asemade a cor da vida cantada por Edith Piaf dende o ano 1947 en La vie en rose, a preciosa canción que foi asemade interpretada con
grande sona por Grace Jones dende 1977. Moi popular é a época rosa do pintor
Pablo Picasso que abrangue entre o 1904 e o 1907 abrindo un século de grandioso
arte picassiano. A pique de rematar o
século XX, no ano 1983, os artistas Christo e Jeanne-Claude empregaron 603.870
metros cadrados de polipropileno tecido de cor rosa para rodear 11 das illas de
Biscayne Bay en Greater Miami , Florida, creando logo unha paisaxe artificial
flotante de profunda cor rosa.
Son asemade rosa moitas das esculturas de Jeff Koons, tódolos vestidiños de
Hello Kitty, a casa de Paris Hilton. Rosa é asemade o estilo do musculoso e
irreverente rapero, modelo e actor Candy Ken. O grupo Mecano declaraba na
canción Me voy de Casa do ano 1981
que quiero vestir de rosa y gris polo
carácter transgresor da cor. E como non había de ser menos, atopamos a cor
convertida en nome nun poema de Théophile Gautier: Je suis l´espectre de la rose/ que tu portais hier au bal (son o
espectro da rosa/que ti levabas onte no baile).
Román Padín Otero
No hay comentarios:
Publicar un comentario