Fútbol e Moda
Son moitos os deseñadores que se inspiran no fenómeno de masas que é o
fútbol para faceren as súas coleccións e non son poucos os xogadores que
aparecen retratados nos medios de comunicación como auténticos fanáticos da
moda. Éstes e outros extremos do xogo entre moda e fútbol recóllense nunha
exposición que se está a celebrar en Florencia.
Fanatic Feelings Fashion Plays
Footbal celébrase
coincidindo co salón Pitti Uomo de
Florencia que é unha grande feira dedicada á moda, na que miles de empresas de
todo o mundo veñen expoñendo as súas coleccións dende hai 94 edicións e onde se
celebran desfiles, se convocan roldas de prensa e se celebran exposicións e
conferencias a redor da moda e os seus ámbitos. É unha gran cita comercial que
ten aumentado a súa influencia sobre outros ámbitos abranguendo o eido cultural
dun xeito manifesto. Daquela co gallo da cita comercial atopamos en Florencia
cada tempada destacadas novidades artísticas, musicais, literarias e de
pensamento.
Este ano coincide ademais co Mundial de Fútbol en Rusia así que a teima da
moda e o sport está aínda si cabe máis en primeira liña. A construción do
imaxinario masculino atopa un espazo principal no deporte ó redor do cal
gravitan moitos dos carácteres que de xeito tópico procuran os varóns para a
definición do seu aspecto e personalidade. Vigor, fortaleza, afán competitivo
mesmo belicoso, fortuna, beleza son algunhas das caras do heroe que triúnfa no fútbol
e por ende son o desiderátum das hordas de afeccionados e seguidores dese
espectáculo e dos seus protagonistas. Os novos Hércules coas súas doce probas
son os futbolistas.
Os comisarios da mostra Markus Ebner, fundador en Alemaña das revistas Achtung Mode e Sepp Football Fashion e o crítico de arte contemporánea Francesco
Bonami, frecuente colaborador nas salas de exposición de Fortezza da Basso, e recoñecido director de Flash Art Magazine agás de
ter comisariado mostras dende na WhiteChapel
Art Gallery de Londres até o Musée
d´Art Moderne de la Ville de Paris pasando polo comisariado da Biennale di Venezia en 2003, teñen
convocado a un heteroxéneo elenco de artistas, cineastas e deseñadores para
argumentar a súa tese sobre a definición da moda masculina da man do deporte
por medio desta mostra.
Os debuxos e fotografías de Karl
Lagerfeld director artístico de Chanel. creador interdisciplinar e artista todoterreo
presentan unha visión romántica e heterodoxa dos ídolos do deporte. Xunta eles
o desmitificador filme de Philippe Parreno e Douglas Gordon A 21st Century Portrait que recolle un
partido de Zinédine Zidane filmando
soamente e totalmente o xogo do deportista ó longo do partido, recollendo
moitos momentos de desánimo, fatiga e espera, da unha visión fráxil dun heroe
no campo de batalla.
Hai proxectos específicos feitos para a mostra que percorre a vida dalgúns
dos meirandes xogadores europeos como George
Best, Eric Cantona ou o campión do Torino, Gigi Meroni. Noutra sección se fai un desenvolvemento da moda Street Wear da man de moitos dos seus
máis senlleiros representantes que, non se esquece, son profesionais do fútbol.
David Beckham, Neymar, Franck Ribéry son
algúns dos deportistas convertidos en modelos.
A moda de home está a pasar por un momento onde se mestura a vixencia dunha
nova xastrería, xunta o auxe da roupa deportiva, da roupa informal e da roupa
levada de xeito espontáneo ou de estilo na rúa. A exposición afondará sobre
novas posibilidades para o armario dos homes como por exemplo a de levares a
camiseta do noso equipo favorito debaixo dun abrigo ou unha chaqueta de xeito
informal.
Tanto a moda como o fútbol comparten un certo discurso expresivo inmediato
e un aspecto fortemente emotivo, a moda con desfiles de conspicua brevidade e o
fútbol cunha cesura emocional que se mantén nun infinito de tan só 90 minutos
pero que se prolonga durante todo o campionato.
Trátase dun proxecto expositivo que afunde a moda coa súa elegancia e
beleza, xunto á socioloxía da fama e a popularidade inherente no fútbol.
Salientando a un tipo de home do século XXI ancorado na individualidade e o
individualismo. Un heroe postmoderno
protagonista dun novo relato na sociedade que subliña o presente inmediato, o
suceso do partido hoxe e agora, fronte a calquera pasado ou futuro. Un relato
onde non conta nin o país de orixe, nin a cor ou relixión do persoeiro se non
que prima o seu éxito hedonista. No que o idioma e o xogo e a canle son os
medios de comunicación. Estas e outras son características que corresponden de
seu tanto a moda como o deporte, os estadios son as novas catedrais, a
moda é a súa aliada.
O estilo sport
Un dos deseñadores que con máis fincapé emprega o universo do fútbol para
recrear o seu propio é o belga Dirk
Bikkembergs. Quen ven deseñando zapatillas deportivas con forte carácter e
personalidade inspiradas nas botas de cravos de xogo en herba dende hai máis de
vinte anos. Ademais centra as súas
coleccións na vestimenta deportiva ou de inspiración sport e mesmo ten
convocado a atletas para seres a imaxe das súas campañas de publicidade. O
xogador do Atletic de Bilbao, Aitor Ocio, foi dunha volta retratado para a campaña
de publicidade da firma, o mesmo que os membros do F.C. Fossombrone, oriúndo da vila onde está localizada a
empresa.
Máis quizás a máis singular das colaboracións da firma co eido do fútbol
aconteceu en 2009 cando, crearon un apartamento para o defensa do Brera F.C.,
Andrea Vasa. A acción consistiu en converter un establecemento comercial a ras
de rúa nun escaparate ou sala de museo onde expuñan as creacións do deseñador
convivindo co futbolista facendo as accións cotiás. O público podía visitar as
habitacións e mesmo camiñar entre os obxectos de uso cotiá do xogador cando non
atopar de cara ó mesmísimo futbolista saíndo da ducha!.
Outras exposicións alén da exposición relacionando fútbol e moda ou sport e
moda, foron a mostra de Raf Simons na
Biennale de Firenze do ano 1998, titulada 2001
minus 3, na que un grupo de adolescentes vivía nun apartamento instalado na
Stazione Leopolda, vestidos con estética sport e facendo a vida cotiá propia
dun rapaz de curta idade.
A mostra Smarter, Faster, Tougher foi
celebrada no Toronto Design Museum no ano 2015 co gallo dos Panam Games. E
coincidindo cos Xogos Olímpicos de Londres no 2012 o Design Museum de Londres
presentou Design to Win e o Fashion
Museum de Bath expuso Sport &
Fashion.
A moda deportiva invade o noso armario, os futbolistas son os nosos modelos
e os museos dedican as súas exposicións ó fútbol. O fanatismo do fútbol ou da
vida postmoderna.
Román Padín Otero.
No hay comentarios:
Publicar un comentario