O artista presente
A derradeira exposición da casa de
modas Gucci é unha proclamación da oportunidade da ausencia do orixinal no
traballo artístico. Arte e moda, industria e medios de comunicación mestúranse
nun alarde de capitalismo estético, onde o fermoso avaliase como produto de consumo e o creador abrangue
tanto o exterior como o interior do museo.
O título da exposición é The Artist is Present (O artista está
presente), un nome que se colle ou apropia da exposición e performance que
fixera a artista Marina Abramovich no Metropolitan Museum de Nova York no ano
2010. Que consistía nunha mostra retrospectiva dos corenta anos de creación da
artista, representados nunhas 50 obras e a execución dunha gran performance que
consistía na mímese da creadora cos visitantes. Para facelo sentaban ámbolos
dous (creadora e visitante) nunhas cadeiras de madeira enfrontadas e a mirada
fixa da artista nos ollos do afeccionado á arte sacaba do seu interior fondas
doenzas e líricas alegrías. Eses sentimentos eran a obra de arte en si mesma e
a Sra. Abramovic, era a menciñeira druídica que os axeitaba por medio da acción
performativa.
Malia as críticas como ávida dollars das que é obxecto a Sra. Abramovic, non se esconde
que a súa é unha creación orixinal, sentida e de sentimento que recolle como se
dun poema épico se tratase, as traxedias e inquedanzas dos nosos tempos.
O comisario da exposición e polo
tanto executor da apropiación do título da mesma é outro artista, Maurizio
Cattelan. Un creador cortexado polas grandes corporacións e principais
institucións culturais que non evita as polémicas e non lle trema a man, cando
instala un váter de ouro no Museo Guggenheim para criticar ó mundo da arte.
Cando crítica o mundo das finanzas ó colocar fronte á bolsa de Milán unha versión da man do colosal emperador
romano Constantino (a que albergan os Musei Capitolini) que leva teso o dedo
corazón en vez do índice, facendo un corte de mangas en vez dunha indixitación.
Ou cando recrea A Nona Ora (novena
hora da morte de Cristo na Cruz) na Royal Academy de Londres por medio dunha
escultura hiper realista do Papa Juan Pablo II que aparece afundido no chan derribado
por un meteorito.
Aínda que sempre acada a polémica
nos medios de comunicación coa súas creacións o Sr. Cattelan ten un catálogo de
obras que lle permiten ó espectador posicionarse fronte á creación nun vis a vis puro, solitario e sarcástico.
Para levar a cabo esta proeza intelectual en forma de exposición que busca
ser un acto de apropiación que
defende que o xeito de protexer un
orixinal e por medio de copias e que a
orixinalidade acádase por medio da repetición o Sr. Catellan conta co
director artístico da empresa de modas Gucci, Alessandro Michele. Un xenio da
creación que ten cambiado o sector por medio dunha estratexia disruptiva que o levou a resucitar a
case que centenaria casa de moda florentina dunha atonía estética para situala
no epicentro dunha revolución cultural inclusiva, ecléctica, atemporal e
cosmopolita. O universo formal do novo Gucci reinventado polo Sr. Michele está habitado polos persoeiros retratados en
cadros de antigos mestres, arqueolóxicas testas romanas de mármore, porcelanas
vitorianas, caveiras de morto, escuras fragas ou brillantes lagos, relicarios
de ouro con zombies, cabezas de Mickey Mouse, dragóns, corazóns, estampados e
tecidos de fantasía. A súa vontade é de crear un universo estético e de
filosofía de vida no que a xente pense de
xeito diverso e diferente, con ideas distintas, non soamente con roupas
distintas.
Daquela o que nos propón Gucci é un sistema de comportamento social e de
actitude cultural novo. Aparece pois unha gran empresa pertencente a unha gran
corporación exhibindo unha estratexia global de estilo de vida onde a mitoloxía
do produto tende a confundirse co usuario. E onde a conversión en fetiche do
obxecto de produción industrial estudada polo filósofo Walter Benjamin no
inicio do século XX atopa perfecta ubicuidade.
A tarefa desta mostra é certamente complexa, e son precisos tres talentos
como o de Abramovic, Cattelan e Michele para coordinar un proxecto como The Artist is Present by Gucci. Onde hai
múltiples manifestacións culturais
ademais do traballo de comisariado de Maurizio Cattelan para convocar a
30 artistas chinos e doutras orixes na mostra no Museo Yuz de Shanghái.
Atopamos tamén vídeo creacións divulgativas da montaxe e invención da mostra
onde se pode ver o proceso de xénese da mesma con colaboracións de cineastas e
músicos. Hai os muros Gucci, unha volta ós anuncios pintados nas medianeiras de
grandes edificios reproducindo a efixie da Sra. Abramovic e outras pezas da
exposición que se localizan en Shanghái, Londres, Nova York, Hong Kong e Milán.
Hai tamén as fotografías dos invitados, maiormente chinos nas festas de
apertura da mostra, levando todos eles roupas da marca Gucci, divulgando un
estilo de heteroxénea mestura de tecidos, cores e silueta que avanzan cara a un
novo individuo alleo á elegancia tradicional ou ó arquetipo de roupa sport, de
noite, de traballo, de paseo, de inverno ou verán, pois todos eses estilos
aparecen á vez nun mesmo estilismo. Hai un catálogo que se chama The New Work Times, emulando ó periódico
neoiorquino que ten formato asemade de prensa cotiá. E atopamos coa exposición
o furacán informativo, en papel e nas redes, que procura un acontecemento deste
tipo fomentado polas artes, divulgado polos millennials e que acaba
influíndonos a todos. Pois como expresa o filósofo Gilles Lipovetsky estamos na
era do Capitalismo Estético, onde hai
unha integración xeneralizada da arte, o look e a atracción cara a un universo
consumista.
Artistas e vernissages de moda.
Non todas as pezas que se presentan
nesta exposición son pezas de moda. De feito non hai ningunha, mais a
inspiración da mostra dende Gucci, a curadoría transversal do Sr. Cattelan, os
vestidos dos asistentes invitados, o discurso dende as redes sociais e mesmo as
obras expostas teñen un allure de
moda. Moda/cultura/arte/zeitgeist/Século XXI é o que atopamos na mostra. Iso si
entre as pezas que participan na mostra atopamos unha reprodución dun bolso
Gucci feito en pezas Lego por Andy Hung.
Apreciamos ó cineasta Yuri Ancarani
no vídeo divulgativo da mostra que leva música de Akira Rabelais. Na mostra hai
pezas de Ragnar Kjartansson, Jamian Juliano Villani, Gillian Waring.
Hai unha réplica en escala 1:6 de Capela
Sixtina do Vaticano asinada polo propio
Murizio Cattelan. Noutra sala hai una reprodución dun conxunto escultórico do
Partenón cos corpos rematados por elementos escultóricos alleos ó orixinal que
asina Xu Zhen.
Superflex Studio recrea nun site
specific os baños dos ministros no Justus Lipsius Building do Consello da Unión
Europea en Bruselas. Noutra sala iluminada de verde aparecen os traballos de
Nina Beier, Matt Johnson e Nevine Mahmoud, que recrean o orixinal e a copia.
Wimdelvoye fai unha recreación dun
sistema dixestivo humano nunha gran instalación que semella unha enorme máquina
industrial que mestura alta e baixa cultura. Recrease un pavillón da Biennale
de Venezia por John Armleder. E Josh Kline crea unha instalación que cabila
sobre o confort.
O artista Philippe Parreno cubre o teito
doutra sala con Speech Bubbles un conxunto de globos flotantes de cor dourada
que sobrevoan unha instalación de José Dávila e outra de Lawrence Weiner.
Hai moito arte e
moda neste laboratorio de formas de Gucci.
Román Padín Otero
No hay comentarios:
Publicar un comentario