Miriam
Ocáriz. A debuxante modista.
A Sala Rekalde de Bilbao dedica
unha exposición monográfica á deseñadora Miriam Ocáriz.
Dende o 25 de outubro até o próximo 3 de febreiro pódese visitar esta
mostra de artes téxtiles, na que o debuxo e a pintura xunto ás formas
escultóricas e arquitectónicas, teñen
tanto que comunicar coma os vestidos, os tecidos, os accesorios, os materiais,
os patróns e o corte.
En
todas partes se fala de deseño e moda, é unha teima da rúa e dos mass media, así que con cuestionables cavilacións, os museos
están abrindo as súas portas ás exposicións de moda arrastrados polo ouvear da
rúa que manifesta un indiscutible interese hedonista ademais de estético pola
cuestión social da moda. Esas exposicións de moda teñen chegado para ser un
fenómeno de masas.
A meirande parte desas mostras de
moda que se comisarían nesta derradeira década están dedicadas a deseñadores
dos nosos días procedentes de escolas de arte. Nomes como Alexander McQueen, Iris van Herpen, Marc Jacobs, Dries van Noten, Issey
Miyake, Bernhard Willhelm, Martin Margiela, Craig Green, a quen se teñen
dedicado exposicións, teñen en común os seus antecedentes académicos. Todos
eles proceden de escolas de artes, dito doutro modo, os deseñadores de fin do
século XX e século XXI son artistas que elixen o camiño da moda entre outras
posibilidades de ámbito creativo. Son artistas que elixen o téxtil, e fan
propostas que pasando pola rúa chegan ás salas dos museos e outras veces fan
propostas concibidas para ser expostas directamente.
Unha deseñadora procedente da Facultade de Belas Artes, neste caso do
País Vasco, é Miriam Ocáriz a quen se
lle dedica arestora unha exposición de título homónimo na Sala Rekalde de Bilbao. Trátase
dunha mostra comisariada pola propia deseñadora e polo artista Eduardo Sourrouille, así que o talento
como fotógrafo, como creador de instalacións específicas e como executor de accións
performativas do Sr. Sourrouille ponse
desta volta ó dispor do universo creativo da Sra. Ocáriz.
O tándem pon en escena un
descritivo e inspirador espazo no museo onde a cor rosa gravita sobre cada
conxunto de obras. Evitando a orde cronolóxica, as afinidades de discurso entre
diversos capítulos da obra da deseñadora aparecen exhibidos en tableaux de composición diversa. A cor
negra, a furna de vidro, o altar rosa, a xastrería, os estampados, a camiseta,
o universo masculino…son as partes de un todo.
As fermosas creacións de Miriam
Ocáriz atopan un forte ancoradoiro no debuxo. Fráxiles figuriñas de
personaxes delicados camiñan entre flores e estampados xeométricos feitos de
xeito ológrafo. A cor negra do trazo manual da deseñadora ilumínase ás veces de
cores, destacando entre todos eles o rosa, cor preferida da Sra. Ocáriz ó que se lle dedica unha
sala.
Os estampados e impresións da deseñadora aparecen non soamente nos modelos
de roupa, atopando saias, chaquetas, vestidos, pantalóns, gabáns cubertos de
debuxos. Se non tamén nalgúns mobiliarios en nun mural que envolve todo o
perímetro da sala e ten unhas cores sinestésicas que van trocando para simular
os estados de ánimo.
O negro é unha cor preferida das modas máis intelectuais, dende Cristóbal Balenciaga até Yohji Yamamoto, aparecen devotos do
negro. Ámbolos dous están asemade fascinados polas formas e volumes inauditos
nas prendas, que se acadan polo patrón, o corte, o tecido, a execución. Miriam Ocáriz presenta tamén un nutrido
conxunto de roupa con volumes extraordinarios, siluetas únicas, executadas
enteiramente en negro. Que se dispoñen rodeadas de panos e debuxos asemade en
negro e branco.
Temos ante nós unha mostra chea de cor, formas arquitectónicas nas roupas e
debuxos, estampados, figuracións e decorados. Unha mostra que repasa o universo
dunha grande creadora multidisciplinar.
Fábrica de Hombres
Con ese título de Fábrica de Hombres celebrou
Miriam Ocáriz unha exposición no ano
2016 na Sala Espacio Marzana de
Bilbao. Era unha mostra dedicada ós debuxos de retratos de homes, realizados en
diversos soportes, entre outros, pequenos papeis de fumar. Había tamén debuxos
e cadros máis grandes, papeis con impresión dixital e intervencións manuais. A
exposición facía unha homenaxe ó universo masculino, que de cotío viña sendo
tan só unha testemuña na creación da Sra.
Ocáriz, pois dedicaba as súas modas, sobre todo ás donas.
Agora varias das instalacións desa fábrica
de homes pódense ver na actual exposición entre os traxes rosa, vermellos,
estampados florais e xeométricos e tecidos delicados das coleccións femininas.
Eses retratos e cadros de homes teñen un estilo manierista, figuras alargadas
con xestos pensativos e mirada profunda que con gran unidade formal mostran
unha pluralidade de homes…reais!
Non son os únicos retratos da
mostra, pois aparecen reiteradamente retratos de persoeiros ou escenas de
paisaxe nas camisetas que fai a deseñadora. A camiseta é unha prenda moi doada para ela, pois ten un prezo máis
accesible que a moda de xastrería e modistería que precisa de tecidos,
materiais e requisitos técnicos e de produción que levan implícito un alto custo.
As camisetas son coma un lenzo para a artista téxtil que tamén fai panos e fulares con debuxos de todo tipo
e serven asemade como vehículo comunicador da creatividade da deseñadora.
O estilo fragmentario, de collage, con certo horror vacui de Miriam Ocáriz aparece noutras dúas instalacións da
mostra. Nelas como si dun altar mexicano se tratara nun caso e dunha furna de
exvotos de santa noutro, se presenta nun bric-à-brac
unha pléiade de obxectos referenciais dos intereses varios da creadora.
Unha dona xacente aparecen cuberta de delicados bordados, tecidos de
texturas e formas inconexos, lazadas, corazóns, perlas e monequiños de orixes
variados. Esa retórica cita a unha figura cerúlea do barroco galego, español, italiano
ou alemán, aparece nunha furna de vidro que protexe o conxunto. Unha caixa de
cristal que representa é sinécdoque do afán de se protexer perante dos trocos
na biografía da deseñadora.
A poucos metros atopamos o altar votivo da memoria que ten pendóns e
cadenetas facendo xeometrías, téxtiles estampados de vermello e branco, rosa e
flores de porcelana dunha grande fraxilidade. Todo elo evoca o proceso creativo
da artista.
Miriam Ocáriz o mesmo que Sybilla,
xa non presenta coleccións, pero si fan prestixiosas apostas estéticas e
creativas e formas de conferencias, exposicións e pequenas edicións de autor.
Con iso nos quedamos.
Román Padín Otero
No hay comentarios:
Publicar un comentario