Eterno feminino por Helmut Newton.
O fotógrafo Helmut Newton (1920-2004)é
suxeito de dúas exposicións retrospectivas que repasan episodios diversos da
súa monumental produción. París e Berlín, acollen ó longo deste ano, o universo
de hiperfeminidade insaturada en branco e negro, do fotógrafo que retratou ás
mulleres máis poderosas, espidas ou vestidas, que coñecera a historia da arte
dende Palas Atenea. Un mundo matriarcal onde a pube e o abdomen da muller
exhiben toda a forza que implica ser orixe da vida e fonte erótica de fantasía
sexual surreal, vencellada a zapatos de
tacón e beizos bermellos. Un mundo de donas que apoian a trémula voluptuosidade
da musculatura das súas longas pernas sobre anels de diamantes e traxes de
coiro. Agora esas donas, e outros montruos sagrados, ofrécense ó espectador, no
equilibrio do tempo perdido, dunhas épocas chic pasadas, e o tempo recobrado,
aquel sostido pola memoria inalterable do ollo sen párpado da cámara de fotos.
Na exposición de París repásanse as teimas
de moda,sexo, espidos, humor e retratos que están presentes ó longo de anos de
creación pictográfica do fotógrafo. Aínda que o leitmotiv do traballo de Helmut
Newton, durante décadas, foi a moda, houbo outros terreos nos que tamén abondou
a súa creatividade. Tan presente está o universo da moda no seu traballo, que
se pode dicir que é o seu un tracto fotográfico do chic, o estilo, a elegancia
e os xestos sofisticados, cun aroma de moda entorno a eles. A moda como excusa,
sirveu para presentar modelos espidas a carón da roupa de Saint Laurent. A moda
como argumento, sirveu tamén, para retratar xoias únicas envoltas en bodegóns
de carne humán e utensilios de cociña. A moda enfin, para simbolizar a erótica
casi orgásmica de modelos tumbadas como odaliscas guerreias que lucen zapatos
imposibles e peiteados de bucles, estreas, ostras e champagne. Tanto Yves Saint
Laurent, como Helmut Newton, trataron á muller dende un punto de vista de
women´s liberation. O mundo dunha muller que leva pantalóns e smoking creado
por Saint Laurent é complementario do mundo dunha muller que goberna o seu
destino, cos seus propios negocios e luxosos hoteis, creado por Newton. De
xeito que en moitas fotografías de moda aparece o sexo, e de forma constante
aparece una muller desafiante, que controla
ós homes entorno a ela, sendo suxeito da acción e non obxeto da función. Este
diálogo de moda e sexo, leva como acompañante ó humor en moitas ocasións. De
xeito que as narracións visuais creadas por Newton encerran un halo SM, ou de
dominación ou noutra volta, teñen un contido humoresque. Moitas veces son
persoeiros célebres os que aparecen nas escenas de moda, sexo, humor. E mesmo
nos retratos de celebridades, aparecen tamén narracións ocultas que veñen a
realzar un retrato meta psicolóxico do actor, actriz, escritor ou pintor.
Catherine Deneuve mira desafiante como un busto art déco. Charlote Rampling,
emprega una mesa como cadeira, mentras mostra o seu corpo fráxil espido. Paloma
Picasso, emprega un vaso de cristal para insinuar un peito espido, nun retrato
aristocrático. Todas mulleres, divas, imposibles realidades nun universo de
míticas guerreiras da elegancia e os xestos sofisticados. Unhas décadas de vós
transoceánicos en jumbo, veraneos na Costa Azul e ceas na Tour d´Argent.
Catro grandes libros recollen moitos dos traballos de Helmut Newton: A
world without men, White women, Sleepless nights, Big nudes. Ós tres últimos
está dedicada a exposición de Berlín. A idea dun mundo sen homes, ven a
refrendar o ideal de eterna feminidade nun universo de mulleres escultóricas,
con peitos cono globos terráqueos que gobernan o destino do mundo, en clave
feminina. Atrás queda o machismo dominante na historia de occidente, e Newton,
reinventa una realidade onde só hai mulleres gobernantas. Mulleres hiperfemininas
que rodeadas de fermosos homes obxecto, son bicadas, acariciadas, observadas
polos hercúleos sementais. As xigánticas imaxes frontais das mulleres espidas
ou vestidas en costura dos retratos de Mulleres brancas e Noites sen dormir,
veñen a aumentar o imaxinario meta-real, ou surreal da creatividade de Newton.
Igual que Buñuel fantaseaba con tacóns. Igual que Dalí fantaseaba cunha Gala
orixe e absoluto. Newton, fantasea cunha pléiade de donas que son una e son
todas. As mais fermosas mulleres de feminidade absoluta, chic radical e espido
insuperable, son as que enchen as páxinas do calendario das mil e una noites de
Newton, Helmut Newton.
Paloma
Picasso
Unha das musas divinas que retratou Helmut
Newton, foi Paloma Picasso. A célebre filla do pintor Pablo Picasso, famosa e
respetada ela mesma como membro da jet set e deseñadora de xoias, accesorios,
perfumes e obxectos decorativos, foi musa e retratada por Newton. Ó fótografo
gustoulle a pel branca casi mármorea de Paloma. O seu estilo inspirado nas
infantas de Velázquez, combinaba á perfección o branco da pel, o bermello do
beizos e o negro azibeche do cabelos. Fixaron un encontro na costa azul, en St
Jean Cap Ferrat, no Grand hotel. Paloma con Rafael López Cambil, o seu marido
daquela, chegaron varios días antes e tomaron baños de sol. A sorpresa foi para
Helmut Newton, cando chegou a retratar á deseñadora de límpida branca pel, e
atopou á andaluza morena que levaba dentro. O xenio de Newton , creou o célebre
retrato de Paloma, levando os seus brazaletes de fuste de columna grega para
Tiffany, un vestido negro e un peito ó aire, adiantándose ó unisenso de Yves
Saint Laurent, que aparece intelixentemente cuberto por un vaso de cristal de
trago largo que suxeta á dona co seu brazo, mentres o outro reposa na cintura,
en actitude de retrato goyesco ou de Mengs. Anos despois retratou a una Paloma
máis madura, levando un obxecto fetiche para Newton. Un retrato de efixie de
busto da deseñadora levando un monóculo, insinúa un corpo espido e cos cabelos
húmedos. Os beizos bermellos, parece suxerir a dona da man no peito, ou una
nova interpretación gongoresca dun retrato de Corte español. Paloma e Helmut,
teceron unha desas relacións entre creador e musa, nas que se produce un novum.
Algo nunca visto antes e que marca una páxina na historia contemporánea do
sistema da moda, sistema da arte. Nunca visto antes.
Román Padín Otero
No hay comentarios:
Publicar un comentario