Conversas
imposibles
Unha
exposición dedicada á casa de modas italiana Prada, presenta no Metropolitan
Museum de Nova Iorque, baixo o título “Impossible conversations”, unha
afinidade electiva entre esta creadora italiana do século XXI, e outra grande
creadora italiana do século XX, a monumental surrealista e modista Elsa Schiaparelli.
Non
de xeito fortuito Coco Chanel, consideraba a Elsa Schiaparelli, a súa máis
grande rival na moda nas décadas localizadas entre as dúas grandes guerras.
Schiaparelli, tiña un talento que a relacionaba non solo coa moda, se non tamén
coa arte. As súas modas eran unha sincopada reiteración de saias tubulares, con
chaquetas de ombreiras prominentes, e quizais turbantes desmesuradamente
grandes, que aparecían sempre coloreados, decorados, ribeteados, bordados,
engalanados por caprichos coloristas e volumétricos propios dunha cámara das
marabillas dun coleccionista barroco. Fronte a Schiap, co seu color
fetiche o shocking pink, aparecía Chanel, coa sobriedade do “petite robe noire.
A antítese do negro fronte
ó rosa rechamante, escribiu unha páxina da historia da moda, e mesmo sirveu de
leitmotiv estético para que Chanel, chamara despectivamente á Schiap “a italiana”. A italiana, estivo realmente de moda, e
ademáis tiña toda unha pléiade de artistas traballando con ela. Dalí, Cocteau,
Meret Oppenheim, Christian Bérard, entre outros foron colaboradores necesarios
na construcción do universo surreal, teatral, dramático, circense e máxico de
Schiap. Nunha
análise de mercadotecnia da moda e de identidade de marca-país, pódese afirmar
que a idea do made in Italy, con esas notas de calidade, boa manufactura,
artesanado, certa excentricidade e singularidade estilística, ten orixe na moda
parisina da italiana Elsa Schiaparelli. A súa personalidade trascendía os
deseños de roupa e mesmo a súa boutique de Place Vendôme tiña peculiaridades estéticas
únicas impreganadas do espírito dos tempos. De estilo surrealista, a boutique
contaba cun oso xigante que recibía ós clientes e cunha xaula que era ó mesmo
tempo acceso a un ámbito de liberdade en modas e cárcere de ouro para
afeccionados ó estilo. Os perfumes de Schiap, sempre empezaban por S, e unha
das súas máis célebres botellas tiña forma de torso feminino cun tocado de
flores. Unha forma que logo habería de reproducir Jean Paul Gaultier no seu
perfume de dona, “le classique”. Todo ese universo Schiaparelli tivo unha sona
moi grande entre a intelectualidade. As testas reais destronadas, as grandes
aristócratas rusas, as millonarias americanas e as visitantes accidentais de
París, morrían por Schiap. Décadas despois do peche da lexendaria casa de moda,
as prendas de Schiap, son un referente obrigado para os afeccionados á moda nos
museos, para os coleccionistas de vintage e para os lectores de historia e
socioloxía. A importancia e
trascendencia de Schiap na moda do século XX, e tanta como a importancia e
trascendencia doutra italiana, Miuccia Prada, na moda do século XXI. A
principios dos anos noventa unha pequena boutique de Prada en Nova Iorque,
vendía bolsos de nylon con cadeas douradas que recordaban ós bolsos de Chanel,
e vestidos abrigos de brocado dourado de corte ascético que recordaban ás capas
operísticas de Schiaparelli. En pouco tempo Interview de Andy Warhol,
mencionaba que Madonna, afirmaba que “toda rapaza debía ter un momento Prada”.
Súbitamente o que tiña sido un negocio de curtidoría con tenda emblemática de
estilo decimonónico na galería Vittorio Emanuele de Milán, un negocio
tradicional, trocou en identidade da vangarda intelectual de todo o mundo.
Prada, co seu logo tirangular e a súa tecnoloxía nos materiais, e lucidez no
deseño, namorou a todo o planeta. Dende a pequena tenda de Nova Iorque, pasaron
a ocupar o edificio do antigo museo Guggenheim Soho, e coa colabouración da
Casa co estudo de arquitectura de Rem Koolhaas, crearon a mais espectacular,
única, singular e hipermoderna das tendas de moda. Seguindo o espírito dos
tempos o acceso á tenda é como unha nube industriosa de formas redondeadas, e os
modelos trocan tanto que compre ir a miudo para non perder ninguna das
performances dos escaparatistas. Prada ademáis colaboura asiduamente con
artistas como Francesco Vezzoli ou Lady Gaga, para continuar avanzando na
construcción dun imaxinario único e exclusivo dunha casa de moda que creou o
estilo dun tempo. Colofón desa actividade lexendaria de comunicación en revistas
de moda e organización de festas de sociedade, é a exposición que arestora
presenta no MET neoiorquino, no que se relaciónan teimas estéticas das
colección de Schiap con teimas estéticas das coleccións de Prada. Siluetas
semellantes, cores, detalles e mezclas imposibles serven de leitmotiv para a
creación dun circuito polo universo de dúas casas máis esenciales da historia
da moda. Schiap a fantasmagoría do surrealismo e Prada a velocidade de escape
do mundo de jets no século XXI.
Traxes e
discursos Cando
nos anos da guerra mundial Elsa Schiaparelli, deixou a moda para converterse en
conferenciante de masas nos Estados Unidos, algo estaba trocando no universo da
exclusividade parisina. O luxo ia camiñar dende entón pola senda dos anos
dourados da alta costura cara o prêt á porter de deseñador. Schiap non aguantou
o tirón financiero dos cambios de estilos da loita mundial, pero logo dela a
moda italiana ía ter unha presencia internacional nunca pensada antes. Os
italianos, como marca-país, incorporaron toda unha serie de empresas xestoras
do luxo dende un punto de vista de modernidade no producto. Os italianos
inventaron o complemento con maiusculas, os bolsos e os zapatos, os cinturóns e
os panos de seda, as xoias e as peles de pelo, como sinónimo de moda. Hai
poucas semanas Dolce, un dos membros de Dolce&Gabbanna, afirmaba, que o
sistema de moda ía rematar coa moda, arestora a xente pensaba que a moda era un
bolso. Pero quen recordaría un bolso, e non un traxe, dentro de vinte anos.
Nunha especie de sortilexio surrealista ou de conversa imposible, acontece que
os italianos, co seu invento da moda dos accesorios, acaban por facer morrer ó
sistema da moda. Igual que os surrealistas estaban fascinados pola muller
mantis relixiosa que comía ós seus amantes logo de ter sexo con eles. Tamén a
moda post surreal de Prada, D&G, e non a moda de Schiap, tentan de manter
como identitario do estilo e da moda a algo que non serve se non para amainar
ás masas que non teñen acceso á moda real con maísculas. Quen non poder mercar
un traxe, merca unha camiseta cunha logo ou un bolso. En poucas ocasión se
atopou unha situación máis encapsulada e encadeada cun estilo que con esta
realidade da moda do século XXI. A liberdade que outorga a individualidade do
estilo da moda non foi bastante para ter a liberdade de comportarse con
sobriedade e lóxica. A conversa imposible da moda do século XXI é que a
liberdade do vestido remata por ser unha cárcere de estilo.
Román Padín
Otero
No hay comentarios:
Publicar un comentario