Versace, a medusa da moda
Co gallo da
celebración do talento de Gianni Versace, o Museo del Traje de Madrid, dedica
unha mostra monográfica ó modisto italiano, na que se pon en relación a arte
clásica de orde grecolatina, co estilo excesivo do creador da Medusa. Non se
pode pensar na moda dos derradeiros anos do século XX sen mencionar a Versace.
De igual modo que Paul Poiret vestiu e época de ponte entre o cubismo e o art
déco. Versace, respirou o espírito dos tempos, mesturando o eclecticismo postmoderno
coa arte pop das superestrelas de videoclip. Fixo un traballo certamente
integrado coa tradición de occidente de reinterpretar as creacións doutras
épocas, doutros creadores. En
non pouca medida a arte italiana aparece permanentemente referida ó clasicismo
de Roma, millor dito das “Romas”, por que son sen dúbida varias. Logo do
esplendor romano, todo foi miscelánea. Tanto que cando pensamos no epítome da
mestura, o século XIX, os estilos se suceden en cadencia infinita, alternando
ordes historicistas, o estilo belas artes, o art nouveau, o neoclasicismo.
Realizado todo elo dun xeito acumulativo e redundante. A Italia do XIX é a
unificación do país feita a ritmo de coro de Verdi. O estilo de Versace, compre
coa tradición de inspirarse no clasicismo grecoromano. Mais non o fai dende as
fontes orixinarias da arqueoloxía gliptoteica. Antes ben, toma inspiración
clasicista nas versións decimonónicas, pesadas e burguesas do século XIX. O clasicismo de
Versace é polo tanto redundante e acumulativo, é secesionista. E faino tamén ó
ritmo unionista e universal da música dos videoclips da MTV. Non son coros de
ópera de canal de Panamá os que marcan o ritmo da universalidade versaciana, se
non himnos de Michael, Lennox, Police, Elton John. Tomou préstamos da cabeza de
medusa barroca para crear un logo. Dos atletas de academia noucentista para as
imaxes publicitarias masculinas. E das Venus para recrear con Linda, Naomi,
Cindy,Christy,Tatjana, Claudia, Stephanie, un universo de hiperféminas
xacentes, como nos cadros clásicos, que non se erguían por menos de 10.000
dolares ó día. Pero no universo Versace, non todo era a imaxe secesionista da
casa do lago Como, ou a colección de arte de transvangarda da casa de Nova
York. Había tamén, e sobre todo cumprida inspiración, ou préstamo de outras
casas de moda e doutros universos do luxo. Cando se ollan as primeiras
coleccións do primeiros oitenta, hai un punto en común con moitas outras
empresas italianas da época, a manufactura de virtuoso e o deseño
desestructurado. Logo avanzou tomando prestado de Armani o xenio da xastrería
desestruturada. Tamén de Hermés o conxunto de estampacións neobarrocas, que él levou
a enésima potencia. De Paco Rabanne os tecidos para vestidos en metal. E mesmo
de Yves Saint Laurent o xenio de traxes de noite lixeiros como un suspiro de
perfume. Drapear como Madame Grés, cortar como Balenciaga, estampar como
Hermés, innovar como Rabanne…e fascinar como as estrelas da pasarela, inertes,
exánimes, exangües. Fascinar na época ecléctica e hipertrofiada de ledicia
adormecida, na que as estrelas eran inertes. Nin bailarinas, nin cantantes, nin
pintoras, nin arquitectos, nin deportistas, nin escultores...soamente modelos.
A época na que o “hunter gets captured by the game”, o pintor e fagocitado pola
modelo, polo modelo, e todo se reduce a dous arquetipos. O vigor inmóvil do
Hércules Farnesio recreado de costas, nos glúteos de actor porno dos modelos
publicitarios de roupa de home. E a fraxilidade adormecida da Venus xacente
recreada espida nos senos operados de modelos femininas delgadas como un dia de
inverno. Versace foi a porta da hipermodernidade, do tempo triste da ansiedade
actual onde todo é apariencia, apariencia vestida e sobre todo desnuda. Os
homes vestidos de coiro negro de Versace, foron trasladados da escena gay mais
dura ás primeiras liñas comerciais. As mulleres cheas de imperdibles en
vestidos de escote de vértigo e aperturas provocadoras, saltaron do cabaret
Voltaire ós salóns do Ritz. Premonitorio ou dramático, Versace morreu en ritmo
de salsa nun Miami caluroso de verán tropical á mans dunha víctima dos vicios
mundanos do século. Vexamos en Versace virtude, sobre todo e por encima de todo,
as cualidades dun creador que escribía e gritaba ós catros ventos unha moda con
nome de “ópera, ballet, pintura, escultura, arquitectura, arte” e beleza
efímera da carnalidade do modelo masculino e feminino. Efímero era tamén o
éxito do atleta en Olimpia e o xesto convulso de Nijinsky no final do “Preludio
para a sesta do fauno”. Versace coa súa virtude porn chic, forma parte dos
anais culturais de occidente. Medusa e Versace.
Román Padín
Otero
No hay comentarios:
Publicar un comentario