A volta dos xastres A
moda vai sempre reflectindo os acontecementos económicos, sociais e políticos
do entorno. Os cambios axiais producidos na moda do século XIX , cara ó
pantalón longo nos homes e as saias campaniformes das mulleres, fronte o
culotte nos homes e as saias “a la française” con forma ovalada, tentaba separar a situación do romántico novo
réxime, fronte o ríxido antigo réxime. Ademais de subliñar o ascenso da
burguesía e a democratización da vida coa chegada das constitucións e as
monarquías constitucionais. Os
cambios da moda antes e despois da segunda guerra mundial, amosaban unha
situación previa de silueta austera de ombreiros e saias rectos con sombreiros
surreais, fronte a unha moda opulente posterior de ombreiros redondeados, saias
con metros infinitos de tecido e accesorios de grandes xoias. A guerra fixo á
moda pasar do esencial ó excesivo. Na
actualidade as circunstancias inflúen asemade nos hábitos de consumo e por ende
na moda. Hai cambios políticos cos
esgotamentos dalgunhas democracias. Hai cambios económicos, cun retroceso nos
países tradicionalmente desenrolados e a bonanza de Rusia, China ou o espertar
de Brasil e India. E hai cambios sociolóxicos, coa aparición dunha inmensa
clase media que extrema as súas calidades por arriba e por abaixo, con grupos
de enorme capacidade adquisitiva (novos millonarios) e grupos con exigua
capacidade adquisitiva (novos pobres). Todas esas circunstancias están a
provocar unha bipolaridade no deseño, produción e comercialización de roupa.
Con circunstancias como o aumento do prêt à porter de luxo e ó mesmo tempo o aumento
das vendas de gran consumo en grandes cadeas de almacéns. Fronte ó descenso da
venda de tipo medio en boutique e listo para levar de rango medio. Pero
de entre tódolos cambios un que resulta especialmente significativo é o da
volta dos xastres, e sobre todo da xastrería de luxo ou moi alta gama. Os
clientes dos xastres londinenses de Savile Row, son de vello coñecidos. A estes
temos de engadir arestora os clientes da xastrería napolitana. Tódolos grandes
grupos contan neste momento cunha liña de alta costura para homes, pois é un
dos segmentos de mercado que está a crecer. A novidade internacional do
relanzamento da xastrería napolitana, ten en Rubinacci, Solito, Caliendo e
Napolisumisura, casas destacadas de traxes a medida para homes. As
características dos traxes napolitanos, que son herdeiros da roupa dos cabaleiros
ingleses en Grand Tour, son varias. Son lixeiros pola calor. Teñen ombreiras
redondeadas. Remates asemade redondeados. Bolsiños fondos e materiais de alta
calidade. Tradicionalmente era necesario viaxar para as medidas destes traxes,
pero arestora, moitas destas empresas teñen abertas localizacións en Londres e
París.
A popularidade
recente da casa Rubinacci, ten moito a deber ó seu directivo da derradeira
xeración Luca Rubinacci, quen aparece habitualmente en medios de comunicación.
E no tándem con Lapo Elkann, quen viste con asiduidade da firma, teñen conquistado
o ollo de moitos clientes, que mesmo viaxan ó seu hotel con vistas a Pompeia e
Herculano para ter medidas tomadas e traxes confeccionados. Roma caput mundi,
Napoli caput moda.
París e Londres
A sede da alta costura feminina é París, con certas casas de
importancia asentadas en Roma. Canto á sede da alta xastrería masculina,
contando co renacemento do feito a medida de luxo en Nápoles, sendo Italia un
niño principal, os outros dous enderezos da roupa a medida para cabaleiro son
Londres e París. A rúa londinense Savile Row, con firmas como Richard Anderson, Huntsman ou
Gieves&Hawkes, garanten varias características na alta calidade para home.
Os remates feitos sempre a man e o emprego de lenzos volátiles no frontal das
chaquetas que fan unha mellor caída, son algunhas desas características. O
estilo inglés é menos lixeiro que o Napolitano, pero tamén é máis doado para os
climas máis fríos. Canto a
París, os accesorios á medida son característicos das casas francófonas. A
Maison Moynat, pertencente ó grupo Arnault, pon en valor as maletas e bolsos de
man de alta calidade. A casa Corhtay, fai zapatos a medida que non presentan
aspecto en moitos casos de levar costuras, recordando a aqueles de lenda do rei
Sol. En fin a casa Ciffonelli,
orixinaria de Roma, mais asentada en París dende hai case un século, segue
sendo un referente de elegancia, e ten na actualidade expansión en Rusia. Dela
o propio Karl Lagerfeld afirma, que “podería recoñecer uns ombreiros de
Ciffonelli dende cen metros de distancia””. Londres, París, e Nápoles, son
agora a cabeza do luxo sobre medida en xastrería de home, pero non hai de
esquecer que foi un americano, o Texano, Tom ford, quen puxo en moda o xastre alta
gama para home hai un lustro. A medida por medida, mesmo Shakesperiana.
Román Padín Otero
No hay comentarios:
Publicar un comentario