lunes, 18 de marzo de 2013

tecnoloxía impresionista







Tecnoloxía impresionista                                                                           Os acontecementos sociais, políticos, económicos e as tendencias artísticas, inflúen de xeito decisivo na evolución das modas. Ademais as innovacións tecnolóxicas son un motor axial dos trocos nas formas de vestido, nas modalidades de produción e nas inspiracións para os costureiros e xastres.                            Dúas exposicións teñen tratado a teima da influencia das innovacións tecnolóxicas no vestido e a influencia dos movementos artísticos na moda. En concreto o Fashion Institute of Technology de Nova York, abonda na relación da técnica e a moda na exposición titulada “Fashion and Technology”. E o Musée d´Orsay de París, tratou a relación entre un movemento artístico e a moda, na exposición titulada, L´impressionnisme et la mode.                                                                                               Como movemento o impresionismo ven a significar unha nova maneira de ollar cara a realidade dendeva visión do pintor. O cadro de Claude Monet, “Impression, soleil levant” de 1872, está considerado como o que aporta o nome a este estilo revolucionario. Tan revolucionario como o contexto económico e social que corresponde ó período. As dúas revolucións industriais incorporaron a máquina de vapor, a fiandeira Jenny, o tear Jacquard e as tinguiduras sintéticas, sendo todo elo decisivo para a popularización da moda. Ó mesmo tempo os cambios políticos da época, coas monarquías constitucionais e o ascenso da burguesía, crean un ambiente asemade popular. As comidas campestres, as reunións de familia, mesmo o bar do Folies Bèrgere ou o parque das Tullerías, son as teimas elixidas polos impresionistas, para reflectir o espírito dunha época de cambios. Cando un mira estes cadros cheos da vibrante luz, do xesto do momento, da fugacidade da impresión, recoñece a modernidade incipiente desa época. Non por menos a modernidade da aparencia vestida masculina e feminina, aparece asemade retratada polos impresionistas. Esas modas innovadoras grazas ó talento dos modistos e polas invencións técnicas, aparecen nos retratos de pezas de conversación realizados dende a década dos sesenta do século XIX. A dama moza cun sobretodo color crema de shantung de seda retratado por Edouard Manet no 1866. Fronte a ela a Olimpia espida. O almorzo na herba de 1865 pintado por  Claude Monet, con vestidos que parecen de algodón, batista e chifón, de saias campaniformes, mangas de pagoda e cores frescos coma o verán que retrata. Do pintor Frédéric Bazille, tamén unha reunión de familia no exterior, do ano 1867, onde os traxes gris e negro dos cabaleiros, contrastan cas cores lixeiras dos traxes das donas máis mozas e as cores sobrias das donas de mais idade no cadro. Gustave Caillebote, coas súas tintadas caseque planas, no retrato de home “No café”, de 1880. E o moi coñecido retrato de parella de Pierre-Auguste Renoir, chamado “O balancín”, do ano 1880, onde a dona leva un traxe da década axustado ó longo do corpo, sen crinolina, con polisón baixo e de cor branca complementado por lazos azuis no frontal do vestido. Todos estes traxes ou outros semellantes, e outros, acompañaban ós cadros na mostra parisina. Creando o conxunto un rigoroso análise dunha realidade de innovación técnica, nun tempo que a moda trocaba tanto como a arte. As artes alimentadas polo espírito dos tempos. A moda sendo ela mesma a pulsión dunha época.
Moda nas artes                                                                                     Se a moda da segunda parte do século XIX, coas saias con crinolina, as mangas pagoda, os garda pó, as levitas, os vestidos con polisón, a innovacións do algodón o Jacquard, foron retratadas polos impresionistas. Tamén a moda do século XX e XXI, con tódalas súas innovacións técnicas ten sido retratada por artistas e fotógrafos de moda, quen recolleron os matices máis interesantes de cada creación. As innovacións son retratadas con profusión. ¡Que diversa a retratística de academia do XIX, dun Francisco Xavier Winterhalter collendo a efixie de Sissi emperatriz ou de Eugenia de Montijo, fronte ás mulleres espidas por Manet, no almorzo na herba ou na Olimpia!. Os cambios do século XX , son retratados polos fotógrafos artistas Man Ray, Horst P. Horst, Richard Avedon. E o século XXI polos fotógrafos de moda Bruce Weber, Mario Testino ou Lamsweerde&Matadin. As innovacións do século XX, como a cremalleira, e a moda sideral coa chegada do home á lúa, aparecen en sendas creacións de por exemplo Elsa Schiaparelli ou Pierre Cardin respectivamente. A moda sideral ten representacións con tecidos de lycra, lurex, nos anos oitenta, tal e como retrataba Thierry Mugler no eido do seu universo creativo. Os deseñadores xaponeses con Issey Miyake á cabeza ou a firma DuPont, teñen feito asemade moitas innovacións en tecidos metálicos, sintéticos, que trocaron a iconografía dunha época. Actualmente son as impresións dixitais en 3D, as computadoras e as webs, as fontes de inspiración tecnolóxicas dos modistos. Jean Paul Gaultier, Gareth Pugh ou Mary Katranzou, son algúns dos que recrean o espírito dos tempos ciber tecnolóxicos nas súas creacións. Impresionismo, tecnoloxía e hipermodernidad.
Román Padín Otero

No hay comentarios:

Publicar un comentario