jueves, 14 de marzo de 2013

Universo Fortuny




Universo Fortuny                                                                                     España non é un país de deseñadores industriais, mais un dos mais destacables creadores de obxectos de artes aplicadas e vestimentas tecnolóxicas é español. O Spanish Institute dedica unha exposición ó universo de Mariano Fortuny y Madrazo (Granada 1871-Venecia 1949), un artista poliédrico que combinou, na súa biografía, dúas características admirables. Ser un cosmopolita nunha época de nacionalismos balcánicos e belicosos. Ademais de ser un creador multidisciplinar “avant la lettre”.                                                                                                     Era de estirpe de artistas, pola banda do pai e da nai, e logo de pasar a primeira nenez en Granada, no pasamento do pai, trasládase a familia a París, onde o mozo Mariano, estuda artes e ciencias con semellante interese. Un motivo apócrifo dunha alerxia do creador mozo ós cabalos, invita á un novo traslado de domicilio, desta volta a Venecia. A cidade da lagoa, do gótico flamíxero e da pintura barroca, fica como un leitmotiv perenne na inspiración deste creador.                                                     Venecia non é unha se non como escribía Paul Morand, hai moitas Venecias, diríamos que tantas como imaxinacións dos viaxeiros que a visitan. Sen dúbida hai estratos culturais dos séculos que acumulan culturas na urbe con mapa de pez. Estes estratos, dan en crear un estilo que non obedece ás ordes clásicas, se non que é veneciano, froito dunha mestura de orientalismo, barroquismo, excentricidade e opulencia absoluta. Venecia encerra o mais extremo de Europa, o máis fantasioso de Oriente. O futurismo máis audaz e o clasicismo máis sólido. Este calidoscopio da historia, este peneirado de cores e aromas, ten eco personalidade cosmopolita de Fortuny.                                     O europeísmo da época, tiña moito de orientalismo, pois viña subliñado polos descubrimentos arqueolóxicos, así o gusto polo vello Exipto, pola antiga Grecia, polas ruínas e o grand tour aparece reflectido nas innovacións no vestiario creado por Fortuny. Os vestidos Delphos, tiñan formas grecolatinas, e recreaban con novas tecnoloxías a fórmula dos panos mollados, dos plisados exipcios,gregos e romanos. Non se oculta a influencia nesta moda, do Auriga, escultura encontrada no fin do século XIX, e que foi visionaria para tódolos homes das artes da época. Os fulares Knossos, tiñan asemade a influencia dos descubrimentos micénicos na época. Dunha sinxeleza fermosa, reproducían as túnicas dos antigos conxuntos femininos do clasicismo. O europeismo de Fortuny, levouno a investigar e recrear tecidos continentais medievais que puña ó día con aires modernistas. Ou mesmo a revisitar o Walhalla de Wagner, en escenarios e outras fantasías.                                                                                                   O ámbito máis futurista da Venecia interpretada por Fortuny, atópase na súa manufactura de tecidos, e no deseño de lámpadas e outros obxectos, como o célebre paraugas montado en trípode con retroiluminación ou tamén no traballo como fotógrafo de Fortuny. Por contra os aires máis nostálxicos, están noutras lámpadas con nome como Sherezade, que teñen aires orientais ou na propia produción pictórica de estilo impresionista de salón, deste moi grande artista español universal.                      A mostra que arestora exhibe o universo Fortuny en Nova York, recolle un espectro, como o do baile da rosa do poeta Teófilo Gautier, cheo de aroma e encanto. Fortuny para o recordo visionario.
Román Padín Otero

No hay comentarios:

Publicar un comentario