Chanel versus Schiap O relanzamento da casa de costura,
Schiaparelli, e mais unha exposición no Palais de Tokyo de París dedicada ó
perfume Chanel Nº5, trae a colación ós mitos no eido da moda. A perennidade inherente ó mito,
parece ser antitética da evanescencia da moda. Mais, a realidade é que as mais
solventes grandes empresas de moda, atopan na mitomanía unha fonte de recursos
para o seu éxito e notoriedade. Elsa
Schiaparelli, é o último dos grandes nomes da alta costura parisina, recuperado
no final do século XX e inicio do XXI, por un gran holding no terreo do vestido
e os accesorios. Na era actual, a dos directores creativos, as casas de moda
máis influíntes non están lideradas por un couturier ou por un deseñador.
Arestora, son os directores artísticos, os que poñen en escea as dramatis
personae do gran teatro do mundo que é a moda. Así
no caso do renacemento de Schiaparelli a mans do grupo italiano Tod´s, a
empresa ponse en marcha non coa contratación dun deseñador ou
couturier, se non coa presenza dunha embaixadora. A musa, modelo, socialita, e
beleza indiscutible Farida Khelfa, ten sido nomeada a representante en vida do
fantasma surrealista de Elsa Schiaparelli. A deseñadora italiana, era a rival
de Chanel, nos tempos de entreguerra. Chanel con silueta en negro en branco,
Schiap con silueta en rosa chocante. Unha coa austeridade do pequeno vestido
negro, o bolso de rombiños e cadeas, a camelia, o zapato bicolor, o tweed e as
xoias de inspiración bizantina. Outra coa opulencia de conxuntos de chaqueta con
estrutura marcada e ombreiras rectas combinada con saias rectas, accesorios con
formas antropomórficas, sombreiros con forma de zapato, polisóns coma lazos, o
satén e as artes como leitmotiv.
No momento de relanzar a
casa, non contratan un novo creador con popularidade que preste o seu universo
creativo para poñer ó día os arquivos de Schiap. Se non que buscan un grupo
variable de talentos que creen obxectos únicos e luxosos no espírito vangardista
de Elsa Schiaparelli, coñecida como a deseñadora surrealista. Pois colaborou
con Jean Cocteau para facer un abrigo xerro, unha chaqueta corpo ou un vestido
man. E tamén con Salvador Dalí para facer un abrigo con queixóns como os da Venus
de Milo ou un vestido cunha langosta como estampación. Agora na Plâce Vendome
recuperan ese universo de artes e letras, para crear o escenario perfecto dunha
nova serie de obxectos de luxo nas artes e na moda. O salón que outrora estaba
amoblado cunha xaula, un oso, paxaros...ten agora un aroma a unha era de
rutilante novidade creativa, baixo un arco estético do século XXI. O
deseñador invitado da primeira colección de costura da casa, é Christian
Lacroix. O modisto, que combina mellor que ninguén o gran arte coa moda, terá
un novo escenario como recreador do mito rosa de Schiap, nunca colección que de
seguro non deixará inmóbil a ninguén. Todo este proxecto empresarial está
estruturado baixo a idea de recuperación do mito de Elsa. A couturier, cuxa
casa pechou na década dos cincuenta, será renacida agora, o mesmo que o foi
Coco Chanel, para desenrolar un ámbito estético do luxo e un diálogo das artes,
co que se espera satisfacer a sempre intelixente e esixente demanda dos
consumidores do mundo lo luxo. Os seus perfumes todos con nome que empeza por
S, as súas xoias, vestidos,accesorios, verán novamente a luz con outras voces
outros ámbitos.
Quen leva case que catro décadas de
volta á vida, é a modista Coco Chanel. Dende que a principios dos anos oitenta,
Karl Lagerfeld fora nomeado director artístico da firma, non acontece se non un
incremento e divulgación da persoa, biografía, efixie e a estética de Chanel.
Un muller que é un produto, un produto que é cultura, unha cultura universal
dende París, un París convertido en exe empresarial do luxo do mundo, con
notable actividade económica, postos de traballo e riqueza. Como diría Gertrude
Stein “unha rosa é unha rosa é unha rosa é”...Chanel é Chanel é Chanel é
Chanel.
Nº5 o mito no
perfume Unha exposición no Palais de Tokyo, ven de incrementar a
herdanza cultural da maison Chanel. Desta volta, preséntase con grande finura,
a relación entre o perfume Nº5 de Chanel e as artes, a escena teatral e musical
e a biografía da propia modista. Un
caligrama de Apollinaire que representa un retrato dunha dona cun deses
sinxelos chapeus que Chanel deseñaba avant la lettre en 1910, na Rue Cambón,
serve de overtura á exposición. Unha primeira liaison co mundo das artes. O propio dato biográfico da morte do amante de
Coco, Boy Capel en 1919, refire o escape
á dor que ela atopou na lectura dos
libros outrora recomendados polo finado. Esas lecturas foron camiño de
intelectualización, para que Chanel tomase o pulso á época alindándose co
cubismo e un primeiro abstraccionismo. Outro
amor o do Gran Duque Dimitri de Rusia, pon en conexión a Chanel co perfumeiro
do Zar, Ernest Beaux. De ahí xurde un
aroma abstracto o de Nº5, non un extracto dunha flor, se non o primeiro perfume
abstracto da historia. O mesmo que innovadora era a estética dos Ballets Russes,
en Parade. Onde se funden, Diaghilev, Massine, Cocteau, Picasso, Satie, e os
bailaríns, creando un novum. Tamén en
Nº5, se funden 80 fragancias para crear á muller moderna, asemade un
novum. O envoltorio de Nº5, era como un collage
cubista. As letras como un affiche Dadá. A publicidade como un cadro maquinista
de Picabia. Todo no universo moderno de trocar letras por números, rectas por
curvas e crear una visión da realidade cinética. Un sono cultural de hai un século que
é empregado hoxe en día por una empresa importante para crear unha bagaxe
intelectual de identidade arte-producto-país-producto-cultura-producto. ¿Para
cando algo así en España?
Román Padín Otero
No hay comentarios:
Publicar un comentario