viernes, 21 de septiembre de 2012

VERSACE, medusa de la moda


Versace, a medusa da moda
Co gallo da celebración do talento de Gianni Versace, o Museo del Traje de Madrid, dedica unha mostra monográfica ó modisto italiano, na que se pon en relación a arte clásica de orde grecolatina, co estilo excesivo do creador da Medusa. Non se pode pensar na moda dos derradeiros anos do século XX sen mencionar a Versace. De igual modo que Paul Poiret vestiu e época de ponte entre o cubismo e o art déco. Versace, respirou o espírito dos tempos, mesturando o eclecticismo postmoderno coa arte pop das superestrelas de videoclip. Fixo un traballo certamente integrado coa tradición de occidente de reinterpretar as creacións doutras épocas, doutros creadores.                                                                                                En non pouca medida a arte italiana aparece permanentemente referida ó clasicismo de Roma, millor dito das “Romas”, por que son sen dúbida varias. Logo do esplendor romano, todo foi miscelánea. Tanto que cando pensamos no epítome da mestura, o século XIX, os estilos se suceden en cadencia infinita, alternando ordes historicistas, o estilo belas artes, o art nouveau, o neoclasicismo. Realizado todo elo dun xeito acumulativo e redundante. A Italia do XIX é a unificación do país feita a ritmo de coro de Verdi. O estilo de Versace, compre coa tradición de inspirarse no clasicismo grecoromano. Mais non o fai dende as fontes orixinarias da arqueoloxía gliptoteica. Antes ben, toma inspiración clasicista nas versións decimonónicas, pesadas e  burguesas do século XIX. O clasicismo de Versace é polo tanto redundante e acumulativo, é secesionista. E faino tamén ó ritmo unionista e universal da música dos videoclips da MTV. Non son coros de ópera de canal de Panamá os que marcan o ritmo da universalidade versaciana, se non himnos de Michael, Lennox, Police, Elton John. Tomou préstamos da cabeza de medusa barroca para crear un logo. Dos atletas de academia noucentista para as imaxes publicitarias masculinas. E das Venus para recrear con Linda, Naomi, Cindy,Christy,Tatjana, Claudia, Stephanie, un universo de hiperféminas xacentes, como nos cadros clásicos, que non se erguían por menos de 10.000 dolares ó día. Pero no universo Versace, non todo era a imaxe secesionista da casa do lago Como, ou a colección de arte de transvangarda da casa de Nova York. Había tamén, e sobre todo cumprida inspiración, ou préstamo de outras casas de moda e doutros universos do luxo. Cando se ollan as primeiras coleccións do primeiros oitenta, hai un punto en común con moitas outras empresas italianas da época, a manufactura de virtuoso e o deseño desestructurado. Logo avanzou tomando prestado de Armani o xenio da xastrería desestruturada. Tamén de Hermés o conxunto de estampacións neobarrocas, que él levou a enésima potencia. De Paco Rabanne os tecidos para vestidos en metal. E mesmo de Yves Saint Laurent o xenio de traxes de noite lixeiros como un suspiro de perfume. Drapear como Madame Grés, cortar como Balenciaga, estampar como Hermés, innovar como Rabanne…e fascinar como as estrelas da pasarela, inertes, exánimes, exangües. Fascinar na época ecléctica e hipertrofiada de ledicia adormecida, na que as estrelas eran inertes. Nin bailarinas, nin cantantes, nin pintoras, nin arquitectos, nin deportistas, nin escultores...soamente modelos. A época na que o “hunter gets captured by the game”, o pintor e fagocitado pola modelo, polo modelo, e todo se reduce a dous arquetipos. O vigor inmóvil do Hércules Farnesio recreado de costas, nos glúteos de actor porno dos modelos publicitarios de roupa de home. E a fraxilidade adormecida da Venus xacente recreada espida nos senos operados de modelos femininas delgadas como un dia de inverno. Versace foi a porta da hipermodernidade, do tempo triste da ansiedade actual onde todo é apariencia, apariencia vestida e sobre todo desnuda. Os homes vestidos de coiro negro de Versace, foron trasladados da escena gay mais dura ás primeiras liñas comerciais. As mulleres cheas de imperdibles en vestidos de escote de vértigo e aperturas provocadoras, saltaron do cabaret Voltaire ós salóns do Ritz. Premonitorio ou dramático, Versace morreu en ritmo de salsa nun Miami caluroso de verán tropical á mans dunha víctima dos vicios mundanos do século. Vexamos en Versace virtude, sobre todo e por encima de todo, as cualidades dun creador que escribía e gritaba ós catros ventos unha moda con nome de “ópera, ballet, pintura, escultura, arquitectura, arte” e beleza efímera da carnalidade do modelo masculino e feminino. Efímero era tamén o éxito do atleta en Olimpia e o xesto convulso de Nijinsky no final do “Preludio para a sesta do fauno”. Versace coa súa virtude porn chic, forma parte dos anais culturais de occidente. Medusa e Versace.
Román Padín Otero