viernes, 28 de junio de 2019

Falando Teoría FV 27.6.2019














Falando Teoría
Unha exposición de arte contemporánea en Vigo presenta un conxunto de propostas creativas de moda de vangarda experimental ancoradas no ámbito do corpo e os seus límites. Baixo o título UN,DOUS,TRES, ESCONDITE INGLÉS a Casa Galega da Cultura, acolle unha colectiva organizada pola Universidade de Vigo e a Concellería de Xuventude que, nos axitados tempos que corren, ven a supoñer un declaración de principios nas manifestacións culturais.
Esta mostra acontece nunha época na que algunhas academias andan a excluír as formas de creación do novo milenio do seu ámbito de auctoritas. Tentando defender que hai artes maiores e outras menores. Daquela a moda desta mostra, quedaría fora da consideración desa reaccionaria academia. Temos de argumentar logo, a natureza coma arte ou manifestación cultural da moda e o deseño.  
O famoso arquitecto Rem Koolhaas explica que “non é posible vivir nesta época se non se ten conciencia das moitas forzas en contradición.” A tecnoloxía fronte á artesanía, a globalización fronte á parroquia, o culto á xuventude fronte ó paso do tempo, son algunhas das contradicións ás que nos afrontamos de cotío. Esas circunstancias afectan a todos, sendo o eido da cultura un dos máis caneados pola contradición. 
Na grande progresión das manifestacións culturais a modernidade incorporou, non sen violentas críticas reaccionarias, a fotografía e ó cinema primeiro; e despois o ready made e artes do corpo (accións, performances, butoh). O postmodern trouxo a visión transversal da creación, figuradamente apoiada no oportunismo de Andy Warhol  (con antecedentes en Walter Bernjamin) de trocar os obxectos comerciais en arte.
No ano 1971, a mostra Fashion: An Anthology by Cecil Beaton, no Victoria&Albert Museum de Londres, leva por primeira vez a moda dos nosos días ó museo. E dende entón as modas, e non soamente as indumentarias, pasan a ser observadas como obxectos autónomos, sendo pezas téxtiles que incorporan significativos discursos culturais e son en non poucas ocasións obras de arte.
Así que ca chegada do troco de milenio as 7 Belas Artes ficaron curtas, pois o estado da cuestión social atopa relevantes outras formas de creación como: a moda, a videocreación, o ciber espacio, o ciberarte, o deseño, a gráfica, a banda deseñada, por mencionar algunhas das consideradas polo público como belas artes. Malia a evidencia aperturista e transversal do Zeitgeist ou espírito dos tempos, hai grupos reaccionarios nos ámbitos profesionais das artes en España e en Galiza, que detestan esas formas de creación do novo milenio.
Canto á moda na volta do ano 2000 aconteceu a invasión de modistas de orixe anglosaxona contra a Alta Costura Francesa. O grupo dos anglosaxóns, incluía a Tom Ford, Marc Jacobs, John Galliano, Alexander McQueen, e tiñan en común ese bagaxe cultural británico e americano, pero sobre todo compartían a procedencia académica. Todos eran creadores formados en escolas de arte. Unha segunda xeración de creadores procedentes de escolas de arte e arquitectura inclúe a Dai Fujiwara, Kris van Assche, Rick Owens, Kim Jones, Ricardo Tisci, Virgil Abloh. Todos eles son directores creativos das máis senlleiras e vangardistas compañías de moda do mundo. Abranguen un amplo campo de creación, feito en equipo, que inclúe laboratorios de formas, materiais e procesos. Outorgando ás pezas que crean unha existencia transversal por medio de múltiples soportes que inclúe: deseño, fabricación, gráfica, fotografía, escenografía, desfiles ou performances, música. O percorrido das prendas e obxectos vai dedicado a un público informado, que colecciona as súas prendas e museos que as expoñen. A repercusión do seu traballo a nivel planetario fai deles elementos axiais da cultura pop do século XXI.
Os grandes artistas que nos nosos días traballan no deseño e na moda, proceden de escolas de arte, teñen un rigoroso proceso creador, abranguen a miles de usuarios en múltiples soportes, fan popular a cultura e a arte…e si os pinchamos tamén sangran.
Proceso creador
A exposición UN,DOUS,TRES, CHOCOLATE INGLÉS, reúne baixo o comisariado da investigadora, xestora, autora e profesora de Belas Artes, Lola Dopico a un grupo de artistas. Creadoras en soporte téxtil esencialmente, pero asemade artistas da impresión, o debuxo, a gráfica, a escultura, a fotografía, a poesía, pois esas son algunhas das técnicas que empregan estas autoras para a creación nos seus universos. África Abadín, Miriam Cartagena, Susana Fall, María Lázara, Paula Malvar, Zaira Margae, Xoana Medraño, Atsuto Oda, Andrea Piñeiro, Nerea Rodríguez. Son os nomes das creadoras.
Algo onírico e relativo ós xogos, é o leitmotiv da mostra que fai recoller aleatoriamente por este grupo de mulleres artistas, diversas herdanzas doutras tantas artistas universais. Hai flores de Dorothea Tanning; cabezas zoomorfas de Leonora Carrington; xeometrías de Maruja Mallo; ombreiros e chapeus como os que levaba María Casares nos filmes franceses; estruturas como as de Ángela de la Cruz; campos de cor como os de Berta Álvarez Cáccamo.         
O que se evidencia nas obras instaladas na mostra é o proceso creador, non se ensina nas escolas de Arte a rematar un obxecto. É dicir non se pretende acadar un deseño, se procura dirixir a mente creadora nun camiño de proceso creador que atope o deseño, a peza, a obra, como xeito de pensamento.
Un mundo de procura no creativo iso teñen en común as artistas da mostra, que con formación dende unha facultade de arte miran cara ó mundo do século XXI. Unha escena global, transversal, cooperativa, integrada, transnacional e futura.
Román Padín Otero