lunes, 2 de diciembre de 2019

A Amnesia de Clío FV 28.11.2019







A Amnesia de Clío.
O compositor Fernando Buide del Real (Santiago de Compostela, 1980) ven de presentar o seu derradeiro traballo en Galicia. Unha ópera contemporánea, musicalmente ecléctica, con libreto de temática política e feminista, escena de realismo onírico e vestiario camp.  
A amnesia de Clío é unha ópera en tres actos composta polo mestre Buide que conta con libreto de Fernando Epelde e dirección escénica e escenografía de Marta Pazos. A Real Filharmonía de Galicia estivo dirixida por Paul Daniel. O rol feminino principal, Clío, ten sido interpretado pola soprano Raquel Lojendio. A ópera contou asemade co barítono Sebastiá Perís, no rol de George W. Bush e a mezzosoprano Marina Pardo nos papeis duplos de Merkel- Zimmerman. O Orfeón Terra Nosa estivo dirixido por Miro Moreira. O vestiario foi creado por Pier Paolo Alvaro; a coreografía de Rut Balbís estrutura a continuidade entre escenas que aparecen ensartadas coa actuación dos bailaríns Diego Buceta e Fran Martínez.
Trátase dunha produción de Voadora que tivo de contar co apoio dunha panoplia de institucións para poñerse en escena (Consorcio de Santiago, Real Filharmonía de Galicia, Xunta de Galicia, Asociación de Amigos de la Ópera de Santiago). Esta imperativa integración de esforzos evidencia a complexidade e dificultade de representar ópera. E aínda de estrear ópera contemporánea, as cavilacións e tribulacións dun mestre compositor son un drama infinito mesmo wagneriano ou aínda serial!
Presenciamos, en efecto, unha creación de vangarda que integra música, canto, drama, escena e vestiario, nunha proposta artística incardinada no renacemento das formas eruditas apoiadas nos estudos académicos e o tratamento das grandes teimas da cultura.
O título da obra incorpora a forma narrativa e non soamente poética. É un título de irónica transversalidade postmoderna ou mesmo hipermoderna. Clío é a musa que leva como atributos loureiros na testa, instrumentos musicais e un libro de historia, escrito por outro, Tucídides o historiador grego, nas mans. Representa a universalidade e ubicuidade da historia.
A Clío desta ópera confrontase ca paradigma masculina do poder sen deixar de ser inspiradora para o artista. Unha sorte de iconoclasta que aparece trasposta en tódalas mulleres que gobernan. Na súa posmodernidade, compositor e libretista pensaron mesmo en convocar o espírito “jeffkoonsniano” da actriz, musa e política Ilona Staller Cicciolina. Mais iso non puido ser, nembargante a dona que escapa de a cabalo ou a que se aparece asinando tratados, a que executa ou a que se entroniza, aparecen na ópera. Fronte a elas os “homes borrosos”, aqueles heroes da guerra de Irak que un ex presidente George W. Bush en senectude retrata con maníaca reiteración. Velaquí o nodo deste melodrama, logo temos de describir outros recursos intrínsecos na narrativa do espectáculo.
Hai na partitura un estilo neoclásico con formas liberadas dos extremos das vangardas e de certo escoitamos abstraccións pero atendemos sobre maneira a un equilibro entre as formas do arioso e do recitativo ou formas faladas. Hai excelencia nos corais, nas formas orquestrais e hai claridade na dicción o cal é unha peculiaridade da ópera contemporánea. O recurso a versos con textos numéricos ou vocativos non fai se non incidir na simbiose entre texto e música. Mesmo até facernos sentir un certo serialismo musical que por mor doutros efectos nos evoca ó cineasta Peter Greenaway e as súas liaisons musicais con Wim Mertens, Michael Nyman.
A ópera ten escenas íntimas como no Brokeback Mountain de Charles Wuorinen. E ten na alegoría que se acada coa escenografía, os traxes e as coreografías cantantes e bailaríns, un elemento narrativo axial que evoca a outra obra que é da preferencia do compositor, La Conquista de México de W.Rihm.
Quen escribe estas liñas atopa relación de A Amnesia de Clío  coa J.F. K. de David T. Little e ca The Perfect American de Philip Glass, polo emprego de época e protagonistas contemporáneos o tratamento de cuestións políticas, os mitos universais e o hieratismo nas coreografías.
No discurso alegórico da ópera aparecen a pintura de Artemisia Gentileschi cunha visión dun cadro, Susana e os vellos. Tamén se poden ver uns Raptos e Venus de  Tiziano e Tintoreto (se non è vero è ben trovato). Hai unha cita a Edward Hopper na concepción da escena e gravita sempre o espírito da estética Camp explicado de xeito tan clarividente pola filósofa Susan Sontag no seu texto Notes on Camp do ano 1964. Pois hai recursos de simetrías nos bailaríns, de formación militar no coro, de delirantes vestiarios, de emprego da cor vermella e en fin do recurso á estética cowboy e ivy league que son sen dúbida e de marabilla Camp.
A ópera A Amnesia de Clío tivo tres representacións en Santiago, A Coruña e Ourense, ademais dun ensaio xeral con público e vestiario na véspera de Santiago. É unha deliciosa creación musical e unha folie escénica brillante que nos permitiu por catro noites formar parte das sólidas pilastras de cultura de vangarda internacional.
A cuestión de vestir ás musas
Entre os recursos creativos empregados na ópera compre subliñar o do vestiario creado por Pier Paolo Alvaro. Un conxunto de fantasías en miscelánea que acompañan e mesmo reforzan o canto na representación. O estilo do vestiario e realista, a época contemporánea, as culturas europea e americana son as empregadas como localización.
A heroína viste de cor vermella con perruca loura, viste tamén en crepé de gasa de seda nunha bata de azul nube noutra escena, como unha dona moderna de Diane von Fürstenberg. E aparece asemade como bailarina en puntas e tutú cun tocado caprichosamente oriental, ruso ou chinés evocador dos espectáculos de Diaghilev.  Vestida de branco con abrigo longo semella un personaxe de Dinastía ou de Gianni Versace nos anos noventa. É sae pretendéndose espida nunha faixa nude que cita a Jean Paul Gaultier. E aparece envolta nunha serea para asistir a unha puxa de arte noutra escena na que se acompaña do coro vestido en estilo ecléctico pero constantemente sofisticado, con lazos, turbantes, xastres e glamur.
En fin xélida, hierática rubrica a representación entronizada nunha escena final que a envolve en azul Klein. Esa composición derradeira sitúa no centro entre nubes barrocas a Clio cuberta dun manto azul como una fantasía celestial de Thierry Mugler. A cada lado os outros personaxes principais en roupas de estilo mad men e folies de uniforme. O coro asemade vestido unhas veces en xastre outras en uniforme. É como dúas guarnicións dunha cornixa haussmaniana os dous bailaríns espidos arrastrando metros de tecido en papel branco a modo de nubes enmarcando o coral final.
Gesamtkunstwerk do século XXI, colectivo, intelectual, racionalmente creativo.
Román Padín Otero