jueves, 11 de diciembre de 2014

Hubert de Givenchy, FV 11-12-2014




Hubert de Givenchy
O museo Thyssen-Bornemisza de Madrid, está a dedicar unha exposición ó modisto Hubert de Givenchy. Trátase dunha monográfica, a primeira que ten por suxeito ó creador francés. Sendo asemade a primeira incursión, no eido da moda da pinacoteca.                                                                                            A exposición é un proxecto do propio modisto, comisariado por Eloy Martínez de la Pera. Trátase daquela dunha mirada única a unha selección dos modelos do creador, dirixida por quen estivo ó frente da maison Givenchy entre 1952 e 1996, o propio couturier.                                                                      En torno a un cento de traxes e accesorios teñen sido elixidos para esta visión retrospectiva. Na que os vestidos de Hubert de Givenchy, póñense en diálogo con obras de arte dos fondos da colección Thyssen-Bornemisza.                                                                            O modisto, nado en 1927 en Beauvais, cursou estudos de Belas Artes en París. E durante unha tempada estudou dereito. Traballou para Jacques Fath entre 1945 e 1946. Entre 1946 e 1948 traballou para Robert Piguet. E para Lucien Lelong entre 1948 e 1949. Logo de pasar unha tempada na casa Elsa Schiaparelli, abriu a súa propia casa no ano 1952.                                                                               Cunha idea innovadora da alta costura para a época, incorporou prendas intercambiables, como camisas e saias, de materiais cotiás como o algodón, para servir de referente ó novo estilo que tentaba imprimir co seu salón e taller. A blusa Bettina,  chamada así en homenaxe á famosa modelo Bettina Grazziani, de algodón con forma de camiseiro abotoado no peito e mangas amplas destacadas con bordado inglés, foi a prenda icónica dos inicios en solitario do modisto. Esas coleccións chamáronse “Separates”, e parece que foron caviladas cando o modisto estaba aínda en Schiaparelli, con vocación de imprimir modernidade na costura. Sendo unha idea, antecedente do que logo serían as liñas de listo para levar do modisto. Hubert de Givenchy, desenrolou unha monumental produción noutros eidos da moda, como os traxes de cerimonia, cóctel, festa, de noite e de gala. Caracterizándose polas formas simples, arquitectónicas, os volumes graciosos. E os baixos, costas, cinturas, escotes, mangas, ombreiros, subliñados por pequenos detalles que abranguen dende os volantes, e os bordados, até as flores ou fantasías.                                                                            As siluetas saco e trapecio, foron características durante os anos cincuenta. A referencia á cor negra. É tamén característica desta década. Os conxuntos de festa cunha americana ou chaqueta de escote caixa, con bordados ou cores vivos e tecidos suntuosos, combinadas con saias de gala con gran volume. Saias rectas ou pantalóns de vestir, foro icónicos do estilo do costureiro en décadas seguintes.                                                                                                                         Son moitas as celebridades que se contan entre as clientas e musas do deseñador. A primeira de todas ela, Audrey Hepburn, a quen viste toda unha vida, dentro e fora da escena. Tamén Jacqueline Kennedy, a princesa Carolina de Mónaco, ou Wallis Simpson, duquesa de Windsor, foron algunhas das súas célebres clientas.                                                                                             As propias palabras do creador, explican o ámbito no que se forxa o seu espírito elegante e señorial, que trasladado ó seu traballo na moda, produciu un universo de rotunda opulencia e lóxica beleza, para vestir unha época de formas e gustos xa esvaecidos. A colección de tecidos do seu avó e o posto que este cabaleiro tiña, de administrador dos Tapices de Beauvais, serviron de ámbito no que alimentar o seu interese estético. Logo as artes serían sempre o enderezo do creador que traballou por facer unha das páxinas axiais da historia da moda. 
                                  Amigas e musas                                                                          
A relación de Hubert de Givenchy con Audrey Hepburn, foi grande dentro e fora das pantallas do cinema. O estilo Sabrina, tomado fo filme homónimo, xurdiu da xuntanza da musa Hepburn e o pigmalión Givenchy.                                                                                         Vacacións en Roma, valeulle o Óscar á actriz no ano 1954, o vestiario da película levado por Audrey Hepburn era creación de Hubert de Givenchy. E para a gala dos Oscars, creou unha variación dun traxe de noite do film.                     En Unha cara con anxo, tamén Miss Hepburn, levaba unha panoplia variada de conxuntos de Monsieur Givenchy, con aquel palabra de honor inesquecible baixando polas escaleiras do Louvre coa Victoria de Samotracia ó fondo da escena.                                                                                                                                 En Charada, os modelos de Givenchy van dende un conxunto de esquí cun pullover de pel. Até uns abriguiños caixa con sombreiro a xogo. Pasando por un pequeno vestido negro de escote redondo e manga sisa, adornado con pedrería na cadeira e rematado cunha simple chaqueta a xogo.                                                                                                    Baseada na novela de Truman Capote, a película Almorzo en Tiffany´s, viste asemade a unha sofisticada á vez que esencial Hepburn. Os modelos de Givenchy son daquela, un pequeno vestido sinxelo con enorme pamela a xogo. O lexendario fourreau negro con escote nas costas en forma de torque. E como non abriguiño vermello con pescozo caixa e botóns grandes                                                           Non foi a Hepburn, a única musa do modisto, mais foi sen dúbida a que máis popularizou os modelos do creador. A alta costura de seu recluída nos salóns das elegantes das avenidas parisinas, tomou con Audrey Hepburn unha natureza de vestiario de escena para o celuloide. Algo que aconteceu ás veces, pero non con moita frecuencia. Pois na época dourada do cinema eran os estudios de Hollywood quen contaban cos deseñadores e xastres propios. Que creaban estilos específicos para as grandes divas ou adaptaban estilos de París para proxectos específicos. Ou nas veces que os modistos de París eran invitados a deseñar para os estudos, a praxis ven demostrar que eran maridaxes curtos e de cotío pouco cómodos para as partes. No caso de Hubert de Givenchy  con Audrey Hepburn, a época dourada do cinema vense encontrar coa época dourada da alta costura. Un súmmum de dúas artes moitas veces consideradas menores, a moda e o cinema.

Román Padín Otero