jueves, 30 de noviembre de 2017

Do efémero ó sublime: Catro momentos curatoriais. FV 30.11.2017





¿É a moda sublime?
A natureza efémera da moda condenouna a ser ignorada pola academia e o museo ó longo da historia. Asunto de vaidades, ámbito do feminino ou espazo sen rigor, son algúns dos adxectivos cos que se subliñou a creación téxtil. Nos nosos días esas vellas visións están a trocar, recibindo a moda unha valoración e estudo estruturados, enriquecedores e rigorosos. Os dous ámbitos onde se está a xerar a transformación do concepto da moda son as universidades e centros de estudo (notablemente as facultades e escolas de Arte) e os museos (sobre todo os museos de moda/artes aplicadas, pero tamén museos xenéricos de Arte ou enciclopédicos).
En Galicia estamos a experimentar esta evolución e non son poucas as programacións no eido. Citando algunhas das máis próximas, os días 18,19 e 20 de decembro a Facultade de Historia da Universidade de Santiago vai albergar a terceira edición do curso Cando o efémero se eleva á categoría do sublime: moda algo máis que un concepto. Un simposio que pretende crear lazos entre a comunidade científica e a sociedade interesada polas novas tendencias no ámbito do deseño e a moda. A Universidade da Coruña está asemade a ofertar un Máster en Moda:arte, cultura y sociedad. E a Universidade de Vigo conta coa Facultade de Belas Artes na que se estuda moda como materia na propia institución, nun programa Máster en Diseño y Dirección Creativa en Moda  e na ESDEMGA (Escola de Moda de Galicia), un enderezo especializado que conta cunha xa longa traxectoria nos estudos de moda.
Deste contexto universitario despréndese unha avaliación máis profesional dos que se dedican tanto á teoría como á práctica da moda, do seu estudo, da súa produción, da súa exhibición e do seu deseño. O ámbito de formación da moda non se circunscribe logo soamente ás academias de corte e confección, e xa non é imprescindible viaxar ás capitais da vella Europa coma Milán, Londres e París para estudar.
En canto ó ámbito das exposicións ten habido mostras dedicadas á moda en diversos espazos expositivos e Fundacións en Galicia, sobre todo en enderezos onde se celebran exposicións temporais. En termos xerais non se celebran exposicións de moda nos Museos ou Centros de Arte situados en Galicia como MARCO de Vigo ou CGAC de Santiago.  Na sede que fora da Caixa Galicia na Rúa do Vilar de Santiago, xunto á Fundación Granell e na Fundación Torrente Ballester, presentouse a mostra colectiva Tras el Espejo. Moda Española no ano 2004, un gran arquivo con máis de 400 modelos que reunía a historia recente da moda española. Logo no ano 2008 tamén a Caixa Galicia presentou na Coruña a  monográfica Yves Saint Laurent Diálogos con el Arte. Tamén en Santiago no 2016 a Cidade da Cultura albergou Confío en Galicia unha mostra enciclopédica que incluía unha grande parte dedicada á moda, teima que ademais servía de leitmotiv á proposta expositiva. No Pazo da Cultura de Pontevedra téñense celebrado varias mostras, estruturadas en moitos casos como actividades académicas da Facultade de Belas Artes e da Escola de Moda. Entre outras cabe mencionar Mulleres de Branco no ano 2008 ou El Arte de Volar Candela Cort pouco tempo despois, (cesións do Museo del Traje CIPE de Madrid). E a exposición Os 80 Moda en Galicia. Singularidades no ano 2010.
E xurdindo asemade da sistemática de estudo/investigación da Facultade de Belas Artes de Pontevedra e os seus instrumentos académicos, xorden mostras que recalan en Madrid (Museo de Artes Decorativas) baixo o nome Hacer, Diseñar, Pensar no 2013. A mostra O Diálogo Creador no Museo do Pobo Galego en Santiago no 2013. As series Tecido, Cru con edicións en Vigo e na Igrexa da Universidade en Santiago no 2016.
Tal e como se aprecia neste breve pero intenso análise do statu quo da moda como disciplina en Galicia, tanto as exposicións de moda, como os estudos e publicacións veñen relacionados cos ámbitos académicos. Daquela se avanza na valoración da moda como algo sublime e permanente grazas a profesionais rigorosos e metódicos e non por accidente ou casualidade.  O mesmo que acontece co importante sector téxtil en Galicia que xurde dun ancoradoiro técnico e de excelencia mercantil no noroeste.
Os catro momentos das exposicións de moda.
Do mesmo xeito que en Galicia en pleno século XXI estamos a gozar dunha progresión no estudo, exposición e tratamento da moda do noso tempo, hai que poñer en consideración o contexto internacional. Onde curiosamente non foron os profesionais dos museos ou da academia os que deron o pulo á moda na institución, se non que foron algúns “díscolos” profesionais da moda, procedentes das seccións máis “frívolas” da industria os que elevaron á moda á categoría de arte, de estudo universitario, de teima para textos científicos e ámbito para reflexionar sobre o estado socio cultural dunha época.
A primeira época aperturista do museo cara á moda dos nosos días aconteceu ó longo dos anos 1970 cando en Londres e Nova York se ampliaron as programacións expositivas e as coleccións do Victoria & Albert Museum e do Costume Institute no Metropolitan Museum of Art coa moda dos deseñadores do momento. Cecil Beaton no Reino Unido e Diana Vreeland nos Estados Unidos convenceron ás direccións dos museos e tamén á sociedade da época da ubicuidade da moda nas salas de exposicións de museos enciclopédicos como eses.       
Un segundo e terceiro  momentos veñen da man de un grupo de comisarios que elevan a actividade das exposicións nos museos dende os confíns dos vellos almacéns de roupas históricas até as montaxes de excelencia no troco de século. Grandes mostras que destacan polo estudo material dos obxectos, pola análise socio cultural, pola documentación e asemade pola espectacularidade das montaxes. As exposicións compaxinan profundas investigacións científicas para a súa concepción con grandes colas de visitantes que forman parte da cultura do espectáculo. En este momento destacan Valerie Steele do Fashion Institute of Technology e Andrew Bolton no MET de Nova York. Á señora Steele pódese atribuír a primeira revista científica de Moda Fashion Theory. Ó señor Bolton correspóndelle a idea das exposicións de moda multitudinarias, como foi a retrospectiva de Alexander McQueen.
O cuarto estadio das exposicións de moda (e polo tanto da moda nas institucións culturais e nas publicacións) ven da man do ex modelo canadense Thierry-Maxime Lorriot, quen logo dunha notable  carreira diante das cámaras está a desenrolar de xeito atípico unha importante carreira como comisario de moda. E faino conseguindo o que ninguén acadara, crear exposicións dos máis importantes modistos do noso tempo, con montaxes de alta tecnoloxía e gran espectacularidade que ademais son itinerantes. Él é o responsable da monumental exposición monográfica itinerante  Jean Paul Gaultier. Universo de la moda De la Calle a las Estrellas. Tamén comisariou no 2016 a mostra Viktor & Rolf: Fashion Artists. E cara a 2019 vai acadar o que ninguén ten conseguido organizar,  unha grande exposición retrospectiva de Thierry Mugler The Créatures Haute Couture que arrancará no Museo de Belas Artes de Montreal e promete ser una cita imprescindible. As novas portas da moda da man dun fotógrafo, unha editora, un comisario e un modelo.

Román Padín Otero       

jueves, 2 de noviembre de 2017

ITEMS. IS FASHION MODERN? FV 2.11.2017




Obxectos no Museo de Arte Moderna.
O Moma de Nova York ven de inaugurar unha exposición dedicada á moda, que xa dende o título ten natureza polémica. Baixo a denominación Items: is fashion modern?  ( Obxectos: é moderna a moda?) entra no Museum of Modern Art , a moda por segunda volta en 70 anos!.  Expoñendo arredor de 111 obxectos que veñen resumir outros tantos momentos fundamentais na invención e aporte das roupas e accesorios que  conforman o modo de vestir ó longo de todo o século XX  até chegar ós nosos días.
A outra volta que se organizou unha mostra de moda neste sancta santorum da arte dos nosos días foi no ano 1944 cando o comisario e arquitecto checo-americano, Bernard Rudofsky, elaborou unha tese analítica e satírica sobre a importancia e natureza da moda na exposición Is fashion modern?. Unha mostra que abondaba no discurso crítico e irónico deste profesor de Yale que frecuentemente afrontaba as cuestións estéticas e utilitarias dende un prisma flemático, distante e humorístico. No seu currículo se contaba unha conferencia ditada no Black Mountain College (fogar dos abstractos en América) que levou por título Cómo pode a xente esperar ter boa arquitectura cando levan unha roupa do xeito?. Rudofsky nomeaba a roupa do seu tempo como anacrónica, irracional, impracticable, lesiva e pouco axeitada, logo a perspectiva que arroxaban os seus ensaios e exposicións,  era de pouca afección pola moda do seu tempo e máis interese pola semiótica e a interpretación dos usos, estruturas e patróns das roupas. Como exemplo do que se expuxo daquela no MOMA está un gráfico de estilo Modulor no que se enumeraban a totalidade dos botóns e petos que levaba un cabaleiro de cotío!.
A comisaria da mostra Items: is fashion modern? no ano 2017 é a arquitecta de orixe italiano Paola Antonelli, quen conta entre o seu currículo o de editora de revistas como Domus, Abitare, profesora en Harvard e UCLA,e desenrola na actualidade (dende 1994) funcións de comisariado no MOMA, no posto de senior curator in architecture & design. Ela conta entre o seu bagaxe coa incorporación dos vídeo xogos na colección permanente do museo e a pretensión de contar nos fondos da institución coa aeronave Boeing 747. Daquela o xeito en que Antonelli afronta a arte é dende un punto de vista da súa relación cos obxectos e o deseño, sendo do mesmo xeito o deseño unha forma de expresión artística.
No eido da moda temos pois no MOMA, dúas exposicións separadas por setenta anos, comisariadas ámbalas dúas por dous arquitectos que afrontan as teimas expositivas dende a posición do estudo materiais dos obxectos, a súa función, a súa estrutura, o seu deseño e a súa semiótica. A propia Antonelli declara que mira a conexión da moda co MOMA dende a perspectiva da arte e logo do deseño, ámbito ó que conceptualmente traslada tódalas creacións.
A moda no Victoria&Albert Museum de Londres ven tendo ó longo a historia un tratamento como unha arte aplicada, os conservadores valoraban a antigüidade, riqueza de materiais, complexidade de execución e propiedade da peza de roupa. Logo de 1971 coa exposición Fashion an anthology by Cecil Beaton, comezan a valorar as modas dos nosos días esencialmente dende unha perspectiva de arte aplicada. Por outro lado a moda no Metropolitan Museum of Art recibe un tratamento como forma de arte. Algo que é indiciario antes de 1971 pero que cobra toda a vixencia logo dese ano co nomeamento como Special Consultant da ex editora de Harper´s Bazaar e Vogue, Diana Vreeland, quen levou a moda dos seus días, dos modistos, deseñadores e fabricantes do momento ás salas do museo. Con exposicións célebres como The World of Balenciaga en 1973 e Yves Saint Laurent a retrospective en 1983. A moda no MET se trata como arte, e iso mesmo ven confirmar o actual Head Curator do Costume Institute no MET, Andrew Bolton quen explica como no seu anterior traballo no británico V&A a moda era arte aplicada e no MET é arte.
Así atopamos en tres importantes museos tres propostas distintas de estudo da moda, son posicións non excluíntes pero tampouco coincidentes, e en todo caso as tres proporcionan unha ilustrativa análise dos múltiples contidos da moda como materia intelectual.
111 obxectos/items
Qué atopamos logo nunha mostra que pon en dúbida a modernidade da moda, cando de cotío é a moda o máis rompedor e iconoclasta dos eidos estéticos que coñecemos? Atopamos una clasificación de 111 obxectos que a xuízo dos comisarios son representativos de aportes esenciais ó vocabulario do deseño. Hai daquela un clásico das exposicións de moda como o petite robe noire ou vestidiño negro, que se expón en diversas versións para afondar na simplicidade dun deseño que pasou a ser un básico no vestiario das mulleres de todo o mundo dende os anos 1920. Hai tamén exemplos de zapatillas deportivas, camisetas brancas de pescozo redondo (T-shirts), pantalóns vaqueiros (jeans), e moi notablemente hai moitos exemplos de carrapuchas. Pois a carrapucha que se inventou para dar calor ós deportistas e tivo un uso en alta moda nos anos 1930 con sofisticadas siluetas de Elsa Schiaparelli,é agora unha peza universalmente empregada pola xuventude de todo o mundo.
Hai tamén exemplos de faixas, de cazadoras de coiro de motorista, cinturóns, bolsos básicos de cor ocre con cadea, bikinis, vestidos trapecio curtos, traxes xastre de home, e a mochila. Que na exposición está encarnada nunha mochila negra de nylon de Prada, unha invención da deseñadora italiana nos anos 1990 que cun material novo pero sinxelo e a incorporación do logo triangular co nome da firma, marcou un fito no xeito de vestir.
Aparte dos obxectos de orixe anónima ou cuxa universalización é tan grande que se converten en nome común, hai tamén nomes propios. En concreto a moi revolucionaria forma de producir roupa A-Poc de Issey Miyake e Dan Fujiwara que forma parte da colección do museo dende 1997. E consiste nun carrete de tecido que xurde listo para ser vestido adoptando formas aleatorias. Hai tamén pezas de Christian Dior, Chanel, Gaultier, pezas que moitas veces transformaron un autor de elite nun obxecto divulgado.

Román Padín Otero.