jueves, 2 de noviembre de 2017

ITEMS. IS FASHION MODERN? FV 2.11.2017




Obxectos no Museo de Arte Moderna.
O Moma de Nova York ven de inaugurar unha exposición dedicada á moda, que xa dende o título ten natureza polémica. Baixo a denominación Items: is fashion modern?  ( Obxectos: é moderna a moda?) entra no Museum of Modern Art , a moda por segunda volta en 70 anos!.  Expoñendo arredor de 111 obxectos que veñen resumir outros tantos momentos fundamentais na invención e aporte das roupas e accesorios que  conforman o modo de vestir ó longo de todo o século XX  até chegar ós nosos días.
A outra volta que se organizou unha mostra de moda neste sancta santorum da arte dos nosos días foi no ano 1944 cando o comisario e arquitecto checo-americano, Bernard Rudofsky, elaborou unha tese analítica e satírica sobre a importancia e natureza da moda na exposición Is fashion modern?. Unha mostra que abondaba no discurso crítico e irónico deste profesor de Yale que frecuentemente afrontaba as cuestións estéticas e utilitarias dende un prisma flemático, distante e humorístico. No seu currículo se contaba unha conferencia ditada no Black Mountain College (fogar dos abstractos en América) que levou por título Cómo pode a xente esperar ter boa arquitectura cando levan unha roupa do xeito?. Rudofsky nomeaba a roupa do seu tempo como anacrónica, irracional, impracticable, lesiva e pouco axeitada, logo a perspectiva que arroxaban os seus ensaios e exposicións,  era de pouca afección pola moda do seu tempo e máis interese pola semiótica e a interpretación dos usos, estruturas e patróns das roupas. Como exemplo do que se expuxo daquela no MOMA está un gráfico de estilo Modulor no que se enumeraban a totalidade dos botóns e petos que levaba un cabaleiro de cotío!.
A comisaria da mostra Items: is fashion modern? no ano 2017 é a arquitecta de orixe italiano Paola Antonelli, quen conta entre o seu currículo o de editora de revistas como Domus, Abitare, profesora en Harvard e UCLA,e desenrola na actualidade (dende 1994) funcións de comisariado no MOMA, no posto de senior curator in architecture & design. Ela conta entre o seu bagaxe coa incorporación dos vídeo xogos na colección permanente do museo e a pretensión de contar nos fondos da institución coa aeronave Boeing 747. Daquela o xeito en que Antonelli afronta a arte é dende un punto de vista da súa relación cos obxectos e o deseño, sendo do mesmo xeito o deseño unha forma de expresión artística.
No eido da moda temos pois no MOMA, dúas exposicións separadas por setenta anos, comisariadas ámbalas dúas por dous arquitectos que afrontan as teimas expositivas dende a posición do estudo materiais dos obxectos, a súa función, a súa estrutura, o seu deseño e a súa semiótica. A propia Antonelli declara que mira a conexión da moda co MOMA dende a perspectiva da arte e logo do deseño, ámbito ó que conceptualmente traslada tódalas creacións.
A moda no Victoria&Albert Museum de Londres ven tendo ó longo a historia un tratamento como unha arte aplicada, os conservadores valoraban a antigüidade, riqueza de materiais, complexidade de execución e propiedade da peza de roupa. Logo de 1971 coa exposición Fashion an anthology by Cecil Beaton, comezan a valorar as modas dos nosos días esencialmente dende unha perspectiva de arte aplicada. Por outro lado a moda no Metropolitan Museum of Art recibe un tratamento como forma de arte. Algo que é indiciario antes de 1971 pero que cobra toda a vixencia logo dese ano co nomeamento como Special Consultant da ex editora de Harper´s Bazaar e Vogue, Diana Vreeland, quen levou a moda dos seus días, dos modistos, deseñadores e fabricantes do momento ás salas do museo. Con exposicións célebres como The World of Balenciaga en 1973 e Yves Saint Laurent a retrospective en 1983. A moda no MET se trata como arte, e iso mesmo ven confirmar o actual Head Curator do Costume Institute no MET, Andrew Bolton quen explica como no seu anterior traballo no británico V&A a moda era arte aplicada e no MET é arte.
Así atopamos en tres importantes museos tres propostas distintas de estudo da moda, son posicións non excluíntes pero tampouco coincidentes, e en todo caso as tres proporcionan unha ilustrativa análise dos múltiples contidos da moda como materia intelectual.
111 obxectos/items
Qué atopamos logo nunha mostra que pon en dúbida a modernidade da moda, cando de cotío é a moda o máis rompedor e iconoclasta dos eidos estéticos que coñecemos? Atopamos una clasificación de 111 obxectos que a xuízo dos comisarios son representativos de aportes esenciais ó vocabulario do deseño. Hai daquela un clásico das exposicións de moda como o petite robe noire ou vestidiño negro, que se expón en diversas versións para afondar na simplicidade dun deseño que pasou a ser un básico no vestiario das mulleres de todo o mundo dende os anos 1920. Hai tamén exemplos de zapatillas deportivas, camisetas brancas de pescozo redondo (T-shirts), pantalóns vaqueiros (jeans), e moi notablemente hai moitos exemplos de carrapuchas. Pois a carrapucha que se inventou para dar calor ós deportistas e tivo un uso en alta moda nos anos 1930 con sofisticadas siluetas de Elsa Schiaparelli,é agora unha peza universalmente empregada pola xuventude de todo o mundo.
Hai tamén exemplos de faixas, de cazadoras de coiro de motorista, cinturóns, bolsos básicos de cor ocre con cadea, bikinis, vestidos trapecio curtos, traxes xastre de home, e a mochila. Que na exposición está encarnada nunha mochila negra de nylon de Prada, unha invención da deseñadora italiana nos anos 1990 que cun material novo pero sinxelo e a incorporación do logo triangular co nome da firma, marcou un fito no xeito de vestir.
Aparte dos obxectos de orixe anónima ou cuxa universalización é tan grande que se converten en nome común, hai tamén nomes propios. En concreto a moi revolucionaria forma de producir roupa A-Poc de Issey Miyake e Dan Fujiwara que forma parte da colección do museo dende 1997. E consiste nun carrete de tecido que xurde listo para ser vestido adoptando formas aleatorias. Hai tamén pezas de Christian Dior, Chanel, Gaultier, pezas que moitas veces transformaron un autor de elite nun obxecto divulgado.

Román Padín Otero.

No hay comentarios:

Publicar un comentario