jueves, 25 de octubre de 2018

the artist is present GUCCI FV 25.10.2018








O artista presente
 A derradeira exposición da casa de modas Gucci é unha proclamación da oportunidade da ausencia do orixinal no traballo artístico. Arte e moda, industria e medios de comunicación mestúranse nun alarde de capitalismo estético, onde o fermoso avaliase  como produto de consumo e o creador abrangue tanto o exterior como o interior do museo.
 O título da exposición é The Artist is Present (O artista está presente), un nome que se colle ou apropia da exposición e performance que fixera a artista Marina Abramovich no Metropolitan Museum de Nova York no ano 2010. Que consistía nunha mostra retrospectiva dos corenta anos de creación da artista, representados nunhas 50 obras e a execución dunha gran performance que consistía na mímese da creadora cos visitantes. Para facelo sentaban ámbolos dous (creadora e visitante) nunhas cadeiras de madeira enfrontadas e a mirada fixa da artista nos ollos do afeccionado á arte sacaba do seu interior fondas doenzas e líricas alegrías. Eses sentimentos eran a obra de arte en si mesma e a Sra. Abramovic, era a menciñeira druídica que os axeitaba por medio da acción performativa.  
  Malia as críticas como ávida dollars das que é obxecto a Sra. Abramovic, non se esconde que a súa é unha creación orixinal, sentida e de sentimento que recolle como se dun poema épico se tratase, as traxedias e inquedanzas dos nosos tempos.  
 O comisario da exposición e polo tanto executor da apropiación do título da mesma é outro artista, Maurizio Cattelan. Un creador cortexado polas grandes corporacións e principais institucións culturais que non evita as polémicas e non lle trema a man, cando instala un váter de ouro no Museo Guggenheim para criticar ó mundo da arte. Cando crítica o mundo das finanzas ó colocar fronte á bolsa de Milán  unha versión da man do colosal emperador romano Constantino (a que albergan os Musei Capitolini) que leva teso o dedo corazón en vez do índice, facendo un corte de mangas en vez dunha indixitación. Ou cando recrea A Nona Ora (novena hora da morte de Cristo na Cruz) na Royal Academy de Londres por medio dunha escultura hiper realista do Papa Juan Pablo II que aparece afundido no chan derribado por un meteorito.
 Aínda que sempre acada a polémica nos medios de comunicación coa súas creacións o Sr. Cattelan ten un catálogo de obras que lle permiten ó espectador posicionarse fronte á creación nun vis a vis puro, solitario e sarcástico.
Para levar a cabo esta proeza intelectual en forma de exposición que busca ser un acto de apropiación que defende que o xeito de protexer un orixinal e por medio de copias e que a orixinalidade acádase por medio da repetición o Sr. Catellan conta co director artístico da empresa de modas Gucci, Alessandro Michele. Un xenio da creación que ten cambiado o sector por medio dunha estratexia disruptiva que o levou a resucitar a case que centenaria casa de moda florentina dunha atonía estética para situala no epicentro dunha revolución cultural inclusiva, ecléctica, atemporal e cosmopolita. O universo formal do novo Gucci reinventado polo Sr. Michele  está habitado polos persoeiros retratados en cadros de antigos mestres, arqueolóxicas testas romanas de mármore, porcelanas vitorianas, caveiras de morto, escuras fragas ou brillantes lagos, relicarios de ouro con zombies, cabezas de Mickey Mouse, dragóns, corazóns, estampados e tecidos de fantasía. A súa vontade é de crear un universo estético e de filosofía de vida no que a xente pense de xeito diverso e diferente, con ideas distintas, non soamente con roupas distintas.
Daquela o que nos propón Gucci é un sistema de comportamento social e de actitude cultural novo. Aparece pois unha gran empresa pertencente a unha gran corporación exhibindo unha estratexia global de estilo de vida onde a mitoloxía do produto tende a confundirse co usuario. E onde a conversión en fetiche do obxecto de produción industrial estudada polo filósofo Walter Benjamin no inicio do século XX atopa perfecta ubicuidade.
A tarefa desta mostra é certamente complexa, e son precisos tres talentos como o de Abramovic, Cattelan e Michele para coordinar un proxecto como The Artist is Present by Gucci. Onde hai múltiples manifestacións culturais  ademais do traballo de comisariado de Maurizio Cattelan para convocar a 30 artistas chinos e doutras orixes na mostra no Museo Yuz de Shanghái. Atopamos tamén vídeo creacións divulgativas da montaxe e invención da mostra onde se pode ver o proceso de xénese da mesma con colaboracións de cineastas e músicos. Hai os muros Gucci, unha volta ós anuncios pintados nas medianeiras de grandes edificios reproducindo a efixie da Sra. Abramovic e outras pezas da exposición que se localizan en Shanghái, Londres, Nova York, Hong Kong e Milán. Hai tamén as fotografías dos invitados, maiormente chinos nas festas de apertura da mostra, levando todos eles roupas da marca Gucci, divulgando un estilo de heteroxénea mestura de tecidos, cores e silueta que avanzan cara a un novo individuo alleo á elegancia tradicional ou ó arquetipo de roupa sport, de noite, de traballo, de paseo, de inverno ou verán, pois todos eses estilos aparecen á vez nun mesmo estilismo. Hai un catálogo que se chama The New Work Times, emulando ó periódico neoiorquino que ten formato asemade de prensa cotiá. E atopamos coa exposición o furacán informativo, en papel e nas redes, que procura un acontecemento deste tipo fomentado polas artes, divulgado polos millennials e que acaba influíndonos a todos. Pois como expresa o filósofo Gilles Lipovetsky estamos na era do Capitalismo Estético, onde hai unha integración xeneralizada da arte, o look e a atracción cara a un universo consumista.
Artistas e vernissages de moda.
 Non todas as pezas que se presentan nesta exposición son pezas de moda. De feito non hai ningunha, mais a inspiración da mostra dende Gucci, a curadoría transversal do Sr. Cattelan, os vestidos dos asistentes invitados, o discurso dende as redes sociais e mesmo as obras expostas teñen un allure de moda. Moda/cultura/arte/zeitgeist/Século XXI é o que atopamos na mostra. Iso si entre as pezas que participan na mostra atopamos unha reprodución dun bolso Gucci feito en pezas Lego por Andy Hung.
 Apreciamos ó cineasta Yuri Ancarani no vídeo divulgativo da mostra que leva música de Akira Rabelais. Na mostra hai pezas de Ragnar Kjartansson, Jamian Juliano Villani, Gillian Waring.
 Hai unha réplica en escala 1:6 de Capela Sixtina do Vaticano asinada polo  propio Murizio Cattelan. Noutra sala hai una reprodución dun conxunto escultórico do Partenón cos corpos rematados por elementos escultóricos alleos ó orixinal que asina Xu Zhen.
 Superflex Studio recrea nun site specific os baños dos ministros no Justus Lipsius Building do Consello da Unión Europea en Bruselas. Noutra sala iluminada de verde aparecen os traballos de Nina Beier, Matt Johnson e Nevine Mahmoud, que recrean o orixinal e a copia.
 Wimdelvoye fai unha recreación dun sistema dixestivo humano nunha gran instalación que semella unha enorme máquina industrial que mestura alta e baixa cultura. Recrease un pavillón da Biennale de Venezia por John Armleder. E Josh Kline crea unha instalación que cabila sobre o confort.                                         
   O artista Philippe Parreno cubre o teito doutra sala con Speech Bubbles  un conxunto de globos flotantes de cor dourada que sobrevoan unha instalación de José Dávila e outra de Lawrence Weiner.
Hai moito arte e moda neste laboratorio de formas de Gucci. 
Román Padín Otero