jueves, 27 de septiembre de 2018

Pink The History of a punk pretty colorful color. FV 27.9.2018








A moda en rosa.
Este outono as exposicións de moda nos museos celebran a cor rosa . Unha mostra en Nova York e outra en Madrid miran cara o roupeiro rosa.
Valerie Steele ó fronte do Fashion Institute of Technology presenta unha exposición na que unhas 80 pezas de roupa na gama dos rosas son despregadas baixo o paraugas protector dun cavilado texto teórico que trata dos diversos significados e simbolismo desa cor ó longo da historia e a través de culturas e continentes.
Adscrita coma ningunha outra cor a múltiples significados que van dende á identidade de xénero, até o significado da carga sensual. Pasa por ser unha cor belixerante e representativa do poder ou pacífica e símbolo de inocencia. Pode ter forte carga ideolóxica combativa ou servir de tenue ilustración infantil. Pink: The history of a punk, pretty, powerful Color, é unha exposición que explica de xeito argumentado todas esas posibilidades de diálogo entre a cor rosa e o aspecto na vestimenta.
No século XVIII logo de ter recibido un colorante procedente de latino América as cortes europeas incorporaron a cor rosa de xeito habitual para o vestiario á francesa tanto de donas coma de cabaleiros. Unha cor popularizada  por Madame de Pompadour que tomou loxicamente o nome de rosa pompadour, converténdose en sinónimo de luxo, calma e voluptuosidade dunha época cortesá e galante. Non sería até mediados do século XIX coa moda burguesa de seriedade no vestido do home realizado en cores negra, gris, branca que o rosa quedara exclusivamente adscrito á roupa feminina. Para os nenos empregábase de xeito aleatorio e mesmo cambiante, pois había quen atopaba o rosa forte e o azul feble e asemade acontecía o contrario. Puñan lazos azuis en nenas e rosa en nenos…até que sobre todo como idea mercantil para aumentar as vendas de roupas infantís separouse o rosa para nenas e o azul para nenos.
O século XX pasou por múltiples significados para o rosa, liberador e gaiola. Integrador de xéneros e arma provocadora de roupa interior feminina. O anos 1920 puxeron de moda o rosa pois do mesmo xeito que Chanel deseñaba a petite robe noire tamén facía con grande sona a petite robe rose. Na década dos anos 1930 a deseñadora Elsa Schiaparelli incorporou coma emblema da súa casa de modas a cor rosa profundo, foi o chamado shocking pink. Na década dos anos 1950 cando se propiciaba o imaxinario da beautiful house do sono americano, o rosa aparece coma cor feble preferida para a idealización do vestido da muller relegada a quedar  na casa. O anos 1960 empregan un rosa espacial ou sideral e progresivamente se incorpora ó armario masculino que anda daquelas na revolución do pavos reais a cal permite ós homes vestir lonxe do gris e preto do arco iris.
A cultura do rock converte ó rosa nunha cor rebelde cando Elvis Presley leva unha chaqueta rosa ou conduce un cadillac rosa, emulando ó boxeador Sugar Ray Robinson. A música hip-hop tamén incorpora o rosa cando en 2002 o rapero Cam´ron leva un abrigo de visón rosa ós desfiles da New York Fashion Week. Madonna levou un corpiño rosa deseñado por Jean Paul Gaultier nos anos 1990. E mesmo recentemente a cantante Janelle Monae canta un tema titulado Pynk.
O deseñador Yves Saint Laurent empregou o rosa ó longo dos seus 40 anos de profesión. Igual ten feito o deseñador Valentino que mesmo ven de editar una camiseta na que se lee pink is punk, outorgando á cor rosa non soamente un carácter feble, feminino, infantil, se non que se recoñecen as posibilidades de outras personalidades para unha cor que foi moeda de troco entre sexos ó longo de dous séculos na cultura occidental europea.
A famosa editora do Vogue Diana Vreeland afirmaba que o rosa é o azul da India pois nese país emprégase a cor de cotío por homes, mulleres, nenos e nenas. A deseñadora Elsa Schiaparelli atopou o seu rosa chocante nunha procedencia de China ou Perú pero non de occidente. A cor rosa é tamén é moi popular en México onde se fala do rosa mexicano.
Nos nosos días mozos e mozas levan de cotío roupas rosa pero con frecuencia a cor xoga un papel iconoclasta. Rei Kawakubo para Comme des Garçons crea pezas rosa vangardistas e rompedoras. O mesmo que Alessandro Michele para Gucci que suma a cor rosa ó conxunto de medidas disruptivas que emprega no deseño do novo universo da marca italiana. Hai rosa de roupa interior, rosa da moneca Barby, rosa das mozas e mozos das tribos urbanas no Xapón inspirados en Lolitas e personaxes manga. E hai asemade a cor rosa empregada como instrumento LXTB para defensa dos dereitos do colectivo.
Todas as sombras de rosa aparecen representadas nesta exposición que se acompana dun catálogo editado por Thames&Hudson. En Madrid no Museo del Traje haberá unha exposición sobre o rosa titulada La Vie en Rose que inaugurará en novembro, cuxos contidos aparecen como moi desexables.            
A pantera, a rubia e Picasso.
Entre os empregos e interpretacións da cor rosa atopamos filmes, cadros, esculturas, cancións, poemas…A divertida película The Pink Panther dirixida por Blake Edwards no ano 1963, converte a un diamante rosa no eixo dunha alta comedia tan elegante coma o personaxe da banda deseñada do que toma o nome. Na comedia musical Gentlemen prefer blondes interpretada en 1953 por Marilyn Monroe a celebérrima rubia leva un vestido rosa de satén deseñado por William Travilla. O traxe de gala deixa os ombreiros ó aire e luce un enorme lazo nas costas. Un accesorio que habería de ser repetido en múltiples ocasións por Yves Saint Laurent e pasados os anos por Viktor&Rolf na profunda cor rosa satén.
Outro divertido filme Funny Face do ano 1957 incorporou un número musical rosa chamado Think Pink, no que unha editora de moda impele a vivir nun mundo rosa. Rosa é asemade a cor da vida cantada por Edith Piaf  dende o ano 1947 en La vie en rose, a preciosa canción que foi asemade interpretada con grande sona por Grace Jones dende 1977. Moi popular é a época rosa do pintor Pablo Picasso que abrangue entre o 1904 e o 1907 abrindo un século de grandioso arte picassiano.  A pique de rematar o século XX, no ano 1983, os artistas Christo e Jeanne-Claude empregaron 603.870 metros cadrados de polipropileno tecido de cor rosa para rodear 11 das illas de Biscayne Bay en Greater Miami , Florida, creando logo unha paisaxe artificial flotante de profunda cor rosa.
Son asemade rosa moitas das esculturas de Jeff Koons, tódolos vestidiños de Hello Kitty, a casa de Paris Hilton. Rosa é asemade o estilo do musculoso e irreverente rapero, modelo e actor Candy Ken. O grupo Mecano declaraba na canción Me voy de Casa do ano 1981 que quiero vestir de rosa y gris polo carácter transgresor da cor. E como non había de ser menos, atopamos a cor convertida en nome nun poema de Théophile Gautier: Je suis l´espectre de la rose/ que tu portais hier au bal (son o espectro da rosa/que ti levabas onte no baile).
Román Padín Otero