jueves, 26 de septiembre de 2019

Dos à la mode. FV. 26.9.2019






De Costas á Moda
De cotío nos referimos á moda como un feito global dende perspectivas estéticas, sociolóxicas ou históricas. Hai aínda outros xeitos de estudar o fenómeno dos vestiarios e a súa representación, como é o caso de dúas exposicións, arestora abertas ó público,  que miran á moda con lente de aumento . A moda a traveso dun fotógrafo e a moda dende a costas.
Na sede da Fundación Barrié de A Coruña preséntase a exposición Norman Parkinson: Siempre con Estilo. A mostra fai por medio de oitenta fotografías unha visita retrospectiva á obra dun dos máis notables creadores de imaxes do século XX. Este creador nado no Reino Unido fixo carreira profesional nas máis senlleiras revistas de moda. Publicou con Harper´s Bazaar e con Bystander na década dos anos trinta. Durante a guerra serviu como fotógrafo na Royal Air Force destinado en Francia. Casou tres veces con tres modelos. Na década dos anos corenta e cincuenta publicou con Vogue. E dende o ano 1964 até o seu pasamento traballou como free lance. Recibiu entre outras honras o nomeamento de Commander of the British Empire.
Aínda que dedicou a súa vida profesional na meirande parte á fotografía de moda, non gustaba de ser adxectivado como tal. E cando era preguntado por tres verbas que definiran a súa actividade profesional, da cal se consideraba un artesán e non un artista, non dubidaba en afirmar  que esas eran: not a fashion photographer (non un fotógrafo de moda).
O seu estilo pasou por diferentes momentos ó longo do século, como primeira característica atopamos a de quitar rixidez á fotografía trasladando as sesións do estudio á rúa. Outorgaba movemento e liberdade ás imaxes que concibía, e incorporaba asemade ás súas composicións figuras de costas, perspectivas aéreas e espírito dramatizado.
Grande especializado en fotografía de donas, cando era preguntado polo espírito que o gobernaba co gallo dos retratos femininos, aseveraba que o xeito de retratar a unha muller de xeito idóneo era facelo con dignidade. Era un fascinado das donas altas, delgadas, con rostros e complexión característicos da metade de século. Nunha volta cando retrataba á célebre modelo americana Carmen dell´Orefice, houbo de pedirlle á muller que se metera nunha lagoa dificultosa onde ficaban os flamencos. A modelo fixo a proeza pero antes de tal acometer, espetoulle ó fotógrafo que logo de disparar o retrato íalle “kiss my ass” (bicar o cu). Esa anécdota é un bo exemplo de que a moda, tan estirada e ríxida, tan gobernada polos fotógrafos e os deseñadores, ten de cotío a personaxes que actúan de costas á moda.
Outra exposición Back Side/ Dos à la Mode trata asemade sobre a moda vista por detrás. O Musée de la Mode de La Ville de Paris Palais Galliera presenta esta mostra no seu formato de Hors les Murs. Facendo unha visión exhaustiva das partes de atrás de vestidos e chaquetas, traxes e abrigos. De cotío móstrase a moda centrada no fronte, nas caras de quen porta esa vestimenta. Mais as partes de atrás das vestimentas encerran non poucas xenialidades e marabillas que desta volta se exhiben na mostra combinadas cas esculturas de Antoine Bourdelle, pois é o seu museo o que acolle a selección de vestidos.
Reúnense prendas que abranguen tres séculos dende as costas. Hai casacas e vestidos e mesmo camisas de forza de época. E aparecen sobre todo subliñadas as modas do século XX e XXI. Destaca un traxe de festa de tafetá de Cristóbal Balenciaga asinado no ano 1961-62.  Hai un traxe de Yohji Yamamoto que presenta as costas abertas como se fose un libro aberto de 1996-97. Hai tamén o célebre traxe années 40  con costas de encaixe de Yves Saint Laurent 1970-71, traxes de Thierry Mugler con alas de anxo nas costas, traxe de Martine Sitbon que representa unha diagonal cortada ó biés nas costas.
Tamén hai roupas masculinas e moi notablemente unha grande colección de cazadoras, bombers, chaquetas deportivas e abrigos que teñen as costas decoradas con letras, anagramas, debuxos e outros grafismos típicos da roupa urbana, da Ivy League, do college look e das variacións concibidas por deseñadores de todos o mundo que gustan de decorar as costas. Á veces hai que ir de costas á moda.            
Dorso espido, dorso escrito
As costas definiron a silueta do traxe á francesa robe á la française, onde unha variación dun quimono convertíase en capa incorporada ó traxe dende os ombreiros até os pés. Logo o recolleito no dorso formou un polisón, houbo tamén saias á la polonaise ou á l´inglaise segundo cantas voltas leve ese pequeno fardo colocado no dorso. O dorso cuberto oculta ademais a faixa, cando nos anos 1920 Rita de Acosta Lydig, unha bela dama da alta sociedade neoiorquina do inicio do século vinte, asiste ó Metropolitan Opera House , levando un rigoroso vestido no fronte que nembargante deixa o dorso espido, declarase a morte da faixa. O dorso nos anos corenta ten forma de rectángulo e no New Look de Christian Dior é redondeado. Nos anos setenta empézase a escribir nos dorsos das cazadoras por inspiración da roupa deportiva e nos anos oitenta cos vestidos saco popularízase o dorso espido.
Na mostra de París hai dúas senlleiras pezas de moda española. O vestido touro de Sybilla  do ano 1991, que é unha serea negra co dorso espido e debuxado con fíos que sosteñen un debuxo ingrávido. E unha parka de Zara do ano 2016 da colección de Blanche e Pauline Nouchi que leva escrito no dorso I really don´t care do u (realmente non me importa, a ti?).   
Román Padín Otero