jueves, 28 de enero de 2021

A MODA DE NEGRO, FV 28.1.2020.

 





Museo de belas artes de A Coruña. Vestir épocas 1860-1960. 2020-21. Fernando Agrasar y Román Padín, comisarios. Xunta de Galicia. Faro da Cultura, Faro de Vigo. Fotos, Jesús Madriñán

A moda en negro

A roupa negra agocha moitos significados, mais entre todos eles, é o do respecto polo pasamento dos seres queridos o de máis predicamento en occidente. É o loito como significante téxtil dun significado de sombra, a negación absoluta da cor que deixa de atraer as miradas pois habita sen luz. Vestir de negro é daquela a representación semiótica da dor, o desconsolo e a metafísica do infinito.

Nesta época lutuosa que habitamos, onde por causa da pandemia están a morrer de xeito lacerante tantas persoas, o recollemento e resignación que van inherentes ós pasamentos de familiares e amigos vístese de loito. Pensar nos hábitos negros, nas roupas sinxelas, na invisibilidade que incorpora o negro no traxe, está hoxe máis que xustificado. Pois volven a nós, cándidos aínda pertencentes á sociedade de hiperconsumo estético do século XXI, as herdanzas dun pasado certamente sentimental, místico, relixioso e familiar.

Nos tempos remotos estaba a cor negra que se relacionaba co rigor e xugo da Corte Española de Carlos V e Filipe II. E o vestido negro da raíña Vitoria no Reino Unido logo do pasamento do príncipe Alberte no 1861. Un loito que durou corenta anos até a morte da raíña no troco de século.

Na atemporalidade das obras de arte, atopamos asemade a cor negra das roupas no teatro de Federico García Lorca. A cor negra nas roupas de variados pasaxes das Sonatas escritas por Ramón María del Valle-Inclán onde se describen as intermitencias do corazón daquel católico Marqués de Bradomín.

Entre as referencias específicas nos estudos de moda atopamos a cor negra en enderezos solemnes e profanos, mais en todos eles é a cor unha declaración de principios imbricada nos contidos sociais, místicos, filosóficos, estéticos e políticos.

A petite robe noire de Coco Chanel nos anos 1920, ou pequeno vestidiño negro é un deseño sinxelo e moderno relacionado co movemento de liberación da muller e as vangardas artísticas da época (cubismo e suprematismo). Malia a modernidade desa nova perspectiva da cor negra en pequenos vestidos para toda ocasión, se mantiña o poder semiótico que a relacionaba co loito. Hai una historia apócrifa daqueles anos na que o modista Paul Poiret atopa a Gabrielle Chanel e lle pregunta : “vai vostede moi de negro, mademoiselle, é de loito?. Ó cal resposta a dona: “sí, por vostede!”.

A cor negra das coleccións de Cristóbal Balenciaga despois de 1948 é mística ou dito doutro xeito é unha cor que reflicte un estado de ánimo e unha crenza relixiosa. Quen fora colaborador, amigo e compañeiro do modista dende os anos de San Sebastián até a apertura da empresa na avenida George V de París, o aristócrata franco-polaco Wladzio d´Attainville morreu en Madrid no 1948. O pasamento do cabaleiro supuxo un duro golpe para o señor Balenciaga influíndo no humor e ton das modas creadas polo modista que foron ese ano esencialmente negras, impoñendo á tódalas donas unha especie de hábito ou uniforme de rigor. Non soamente a cor mais tamén as formas dos traxes adoptaron un carácter certamente racionalista e austero que habería de manterse até o peche da empresa no 1968. Ese negro verdadeiro estará por sempre presente nas coleccións da casa Balenciaga.

No ano 2017 o Museo Galliera de París dedicou unha mostra ós anos de “negro” do modista de Getaria. Baixo o título “Balenciaga l´oeuvre au noir “ se facía repaso na mostra, baixo o comisariado de Olivier Saillard, dun notable conxunto de traxes no ámbito da cor negra creados polo célebre modista nomeado como “o mestre de tódolos modistas”.

Outras representacións do negro relacionadas ca filosofía aconteceron nos anos do existencialismo en París, logo da segunda guerra e axitados polos acontecemos do maio de 1968, os mozos e mozas vestían de negro como resposta política e para denunciar a vacuidade das súas vidas.

Foi aínda en pleno movemento filosófico postmodern cando outra lectura da cor negra introduciu en occidente da man dos deseñadores xaponeses, Yohji Yamamoto, Issey Miyake e Rei Kawakubo Comme des Gaçons, a idea da non cor, do sinxelo e usado da estética xaponesa do wabi sabi. Foi ese o derradeiro manifesto sociolóxico en forma de cor negra, facendo habitar as figuras humanas nun limbo ingrávido de formas atopadas alleas ó antropomórfico. Mostrándose os persoeiros nunha cor negra idónea para ser espíritos libres.

Loito uniformes rigor no vestir


Na mostra que acolle o Museo de Belas Artes de A Coruña dende o mes de outubro de 2020 até a primavera próxima se exhiben as modas do ámbito cultural de Galicia dende 1860 até 1960. A mostra Vestir Épocas é unha escolma conceptual da colección de Ana González-Moro. Hai moitas modas magníficas nas salas do museo en diálogo coas pezas de arte que colgan das paredes e tal foi a importancia en número e calidade das roupas expostas que foi necesario ocupar a totalidade do espazo expositivo do museo.

Para ordenar as roupas se seguiu a disposición conceptual das salas de pintura e se incorporou un alento para explicar as modas. O fío narrativo é o da vida privada das persoas nese século facendo fincapé nas cousas sinxelas do cotiá e nos acontecemos ligados á cultura relixiosa e acontecementos sociais.

Hai pois unha sala de bautismos, outra de roupa de paseos e visitas, roupa de corpo ou roupa interior, chinoiseries, roupa de servizo, roupa de gala, de casamento, de etiqueta, de estilo anos 1920 ou Chanel, 1930 ou Mainbocher, 1940 ou Schiaparelli, 1950 ou Balenciaga e Dior, hai accesorios, chapeus, mantóns, e unha sala das marabillas onde ser gardan obxectos de arte e moda de grande singularidade e preciosismo. E hai tamén unha sala dedicada ó rigor no vestir, o loito e os uniformes.

Nesta sala a carón dos cadros románticos e historicistas, hai un gráfico repaso por tódalas siluetas dende mediados do século XIX até mediados do século XX. Dous uniformes, un de mariño e outro de embaixador poñen o ton do rigor castrense. Unha parella de nenos vestidos de veludo negro subliñan as esixencias do vestir no troco de século. E hai unha silueta larva inspirada en Balenciaga con colo cheminea e fronte bordado con macramé do ano 1955. Un traxe tubular dos anos 1920. Un traxe anos 1910 e un traxe con encaixe do 1900. Todo elo en negro.

Non se imaxinaba en setembro de 2019 cando quen asina estas liñas e o arquitecto Fernando Agrasar preparábamos a mostra, que a sala dedicada ó loito e ó rigor ia acadar tan desgraciada relevancia por causa da pandemia. Hoxe máis que nunca a roupa de loito ou de diálogo coa morte, é a chave da exposición pois é o espírito do tempo. Pódese afirmar que o vestido e a moda dos nosos días van rexidos pola austeridade e o loito. Desgraciadamente suman milleiros os falecidos e todos rematamos por ter un curmán, un amigo, un irmán, ós avós, o pai ou a nai golpeados pola gadaña implacable da pandemia e a enfermidade. Eu mesmo perdín a miña nai Alicia, a quen con fondo pesar dedico estas liñas.

Román Padín Otero