jueves, 28 de marzo de 2019

Thierry Mugler Couturissime FV 28.3.19







O galáctico locus amoenus de Thierry Mugler.  
O Museo de Belas Artes de Montreal, en Canadá, está a expoñer Thierry Mugler: Couturissime. A primeira mostra en todo o mundo dedicada ó traballo do modista, fotógrafo, perfumista, escenógrafo e creador dun universo estético de romanticismo sideral, Thierry Mugler.
A mostra comisariada por Thierry-Maxime Loriot inclúe aproximadamente 150 traxes, case que todos eles inéditos, creados entre 1973 e 2001. Son pezas de alta costura ou prêt-à-porter exclusivo e vestiario teatral. Se expoñen asemade unhas 100 fotografías asinadas entre outros por Helmut Newton, Richard Avedon,  Guy Bourdin, Pierre et Gilles, Sarah Moon, David LaChapelle, Paolo Roversi, Herb Ritts e o propio Mugler. As pezas están dispostas en escenografías teatrais reforzadas con proxeccións e holografías de xeito que non se visita unha retrospectiva ó uso, se non que se fai unha inmersión nun universo singular. Estará aberta no MMFA de Montreal  dende o 2 de marzo até o 8 de setembro deste ano2019. 
¿Por qué merece Thierry Mugler unha exposición nun museo, qué o fai importante? O estilo Mugler caracterízase polos deseños de dona hiperfemininos, coa cintura moi marcada, os ombreiros prominentes, talóns infinitos, materiais contrapostos como (látex, seda, lá, bordados en cristal). Presenta  dúas liñas estéticas unha futurista e outra romántica, e sobre todo elo un tufo a bo gusto excesivo preto do camp ou kitsch (algúns modelos incluiranse en Camp:Notes on Fashion, a exposición anual no Costume Institute no MET neoiorquino).
Canto á roupa para homes de Mugler son siluetas moi rigorosas evocadoras da xastrería militar, con traxes estruturados, liñas simples, peches ó lado con inspiración soviética e china. Modelos como o beninés Djimon Hounsou ou o caucásico Stepanek encarnan nas fotografías artísticas e de moda ou nas pasarelas ó ideal do deseñador.
Thierry Mugler ten posto en escena os desfiles máis espectaculares do seu tempo, transformando ás donas, ás actrices e ás modelos nas máis fermosas criaturas. Os homes que as acompañaban eran hipertrofiados fortes cabaleiros pertencentes a unhas figuradas lexións multirraciais. O desfile celebrado no Cirque d´Hiver de París para presentar a colección outono-inverno 1995/1996, levou por nome The Show. Foi un espectáculo de máis dunha hora de duración, para o que o público mesmo mercaba entradas e que contou con auténticas estrelas de antes e hoxe (Violeta Sánchez, Tippi Hedren, Rossy de Palma, Carmen Dell´Orefice).
No ano 1990 exerceu de director para o vídeoclip Too Funky do cantante británico George Michael, no que participan as top models, actrices e gogós máis célebres do momento. O filme é un concentrado do universo exaxerado, colorista e hipersexual de Mugler. Noutras colaboracións coa escena ten deseñado o vestiario para La Tragédie de Macbeth pour la Comedie Française et Le Festival de Avignon. Teñen levado os seus traxes Diana Ross, David Bowie, Lady Gaga, Liza Minnelli, Cèline Dion, Beyoncé…Le Cirque du Soleil levou os seus deseños no espectáculo Zumanity.  
 Alaia, Gaultier, Montana, Mugler son os catro xenios que trocaron a concepción da moda máis luxosa dende a haute couture cara ó prêt à porter de luxe nos anos 1980. Azzedine Alaïa, foi suxeito de moitas mostras e na actualidade conta co seu propio museo en París. Jean-Paul Gaultier tivo varias mostras e unha senlleira que deu a volta ó mundo con máis de 2 millóns de visitantes, que fora asemade comisariada por Thierry-Maxime Loriot. Quedan Claude Montana cuxa obra non foi aínda posta en valor e Thierry Mugler, a quen se lle fai xustiza agora con esta exposición, catálogo e conferencias.  
Esta merecida homenaxe a un axial creador contemporáneo servirá para o popularizar entre as novas xeracións. Co gallo da exposición a rapeira Cardi B luciu varios modelos vintage de Thierry Mugler nos Grammy Awards 2019. Un deles era un nacemento de Venus do ano 1995, no que a cuncha se representaba en satén duquesa rosa que fixo as delicias dos millennials e da prensa. A moda de vello asinada por Thierry Mugler segue a épater le bourgeois.       





Metamorfose, super heroínas e cyborg.
         Thierry Mugler ten sido moi divulgado por medio dos seus perfumes. En tódalas perfumerías galegas se poden atopar as fontes de recarga dos perfumes Mugler. Un deles, o chamado Angel ten unha botella con forma de estrela de cinco puntas e contou coa modelo  Jerry Hall como musa no ano 1995 é un dos máis vendidos no mundo. Entre as colonias de home destaca AMen unha icónica loción que conta cun cyborg como imaxe.   
         Os libros de moda son tamén un espazo onde acercarnos ó universo do deseñador. O primeiro fora editado por Rizzoli no ano 1988 baixo o título Thierry Mugler Photographer. Recolle as fotografías executadas polo propio deseñador cun estilo que incide no retrato de grandes edificios, paisaxes e monumentos en plano principal. Culminando a composición ó situar en calquera dos catro ángulos a modelos con poses teatrais. O derradeiro é o catálogo da mostra en Montreal, que editado por Phaidon leva por título o da exposición. Ten 400 páxinas e inclúe textos de entre outros de Jack Lang e máis de 350 imaxes.   
            Un aspecto que resulta apaixonante é o estudo material das prendas creadas por Thierry Mugler. As estruturas das chaquetas, os patróns dos vestidos, os tecidos dos gabáns, as volumes dos chapeus, a caída dos pantalóns, todo merece rigoroso estudo. Tanto en Mugler como en Balenciaga o corte e o patrón son maxistrais. Hai un ano, montamos unha pequena exposición de moda masculina no espazo Cuarto Pexego de Santiago de Compostela. Unha das pezas expostas era un traxe de cabaleiro do ano 1990 asinado Thierry Mugler. Os visitantes quedaban abraiados pola forma, corte e estrutura dese conxunto que destacaba sobre o resto froito da mestría no deseño e execución da roupa na fábrica Mugler.
Román Padín Otero.