jueves, 24 de octubre de 2019

Moda Capital. Museo del Traje CIPE, FIT FV 24.10.19





MODA CAPITAL
Non se oculta que a moda vai parella ós momentos sociais que lle toca vestir. Arestora hai dúas exposicións      que desenrolan estas teimas das circunstancias socio culturais ou mesmo as condicionantes económicas e políticas que inflúen na moda.
O Fashion Institute of Technology de Nova York presenta Paris, Capital of Fashion unha mostra dedicada a estudar o efecto da moda a través das épocas na gran capital francesa por medio da análise de dúas centenas de obxectos e traxes.  Parte a mostra  ca visión da cidade no século XVIII co traxe de terno e o traxe à la française de 1755-1760 que se contrapón a un vestido de John Galliano para Christian Dior do outono - inverno do ano 2000-2001. Faise pois unha interpretación daquela época cortesá onde a norma procedía do gusto do monarca e o obxectivo da alta sociedade era triunfar na corte mentres que o desexo do demimonde era seducir nunhas catenarias de amizades perigosas. Aquela capital era cortesá.
Logo houbo unha capital imperial baixo a española de nacemento Eugenia de Montijo quen fora inspiración para o imperio das crinolinas deseñado por Charles Frederick Worth, o primeiro couturier da historia. Aquel sono de opereta durou unha breve parte do século XIX e lixeira se pasou a moda das saias con forma de campá que lucían un diámetro de 250 centímetros! Aquelas saias eran letais pois chegaban as donas a morrer queimadas xunta á lareira polo pouco prácticas que eran. 
No século XX a moda na cidade da luz olla cara ó reinado dos orientalismos de Paul Poiret que se trasladan ese estilo ás festas e á decoración dos estertores da arquitectura modernista. E lle segue a cidade moderna de Coco Chanel que impón o funcionalismo dun certo estilo internacional do tweed do tailleur Chanel e a universalidade do petite robe noire, un traxe para toda ocasión. Esas modas se presentan na exposición cun traxe da casa Chanel feito en París e unha licenza autorizada idéntica confeccionada en América.
O estudo de París como capital da moda remata coa chamada golden age of haute couture, o período de relanzamento do sector da alta costura trala Segunda Guerra Mundial veu renacer antigas casas de costura e festexou o nacemento doutras novas como Christian Dior quen co seu New Look veu definir a natureza de capital mundial de Paris na moda, no luxo e no estilo, dunha nova grandeur xa inventada polo monarca Luís XIV no século XVII.
Outra exposición trata do contexto social e cultural e da moda nos anos 1960 en España, concretamente Boys against Girls no Museo del Traje CIPE de Madrid estuda os efectos da apertura á vangarda da gauche divine catalana dende o ano 1967 cando acaeceu un fito no desenrolo da denominada Tuset Street en Barcelona. Naqueles anos había unha puxante escena de deseño, vangarda, arquitectura, literatura e artes vinculada a unha alta sociedade catalá e unha poboación nova con estilo de vida bohemio. Entre outros persoeiros andaban por alí Miguel Boix, Teresa Gimpera, Colita, Ricardo Bofill, Terenci e Ana María Boix, Manuel Vázquez Montalbán, Jaime Gil de Biedma, Pasqual Maragall, Oriol Bohigas, Eugenio Trias, Félix de Azúa…la gauche divine! Naquel escenario urbano se inaugurou entre boutiques de moda, axencias de publicidade, oficinas de deseño, restaurantes e terrazas, a discoteca Boccaccio que se converteu nun símbolo da época que reflectía a procura de liberdade na época e os aires cosmopolitas e intelectuais que haberían de marcar eses anos en Barcelona. Nesa escena se celebrou un desfile no 1967 que presentou o máis internacional da moda de vangarda da época, dende o estilo mini Mary Quant ate as formas futuristas de Pierre Cardin.
Outro fito na moda dos anos sesenta de blow up dende España aconteceu grazas ó modista Elio Berhanyer. Daquela España baixo o réxime político ditatorial era convidada a participar nas exposicións universais. Na volta da exposición noutra gran capital da moda, Nova York, no ano 1964, se encargou o pavillón a un arquitecto español con forte relación ca moda por mor dos seus deseños de mobiliario e interiores para Loewe, Javier Carvajal era quen deseñaba a arquitectura, e alí se celebraron desfiles de moda contemporánea.
Outras políticas outras modas
No pavillón de España en Nova York no 1964 en se expuxeron obras de arte de numerosos artistas da época, entre outros o galego José María de Labra, Pablo Serrano, Francisco Farreras. Houbo actuación do ballet de Antonio Gades e tamén do cadro flamenco Zambra. Para a ocasión se publicou un plaquette  con textos de Edgar Neville e José Manuel Caballero Bonald.
Mesmo se expuxeron naquel pavillón neoiorquino tres cadros de Pablo Picasso que foran mercados ó galerista Kahnweiler e que están na colección do Museo Nacional Reina Sofía nos nosos días.
Naquel laboratorio cultural como espazo de modernidade que fuxía dun réxime político sen liberdades, se completaba a visión cara ó futuro coa moda. Houbo dous desfiles nos que participou Elio Berhanyer quen presentou as coleccións primavera - verán  do ano 1964 e a colección outono – inverno do ano 1965 con grande suceso de prensa e crítica. Entre as modelos que trunfaban naqueles anos en  Nova York estaba Nati Abascal quen desfilou para o modisto cordobés nos Estados Unidos. Nunha volta cando presentaban as modas en branco e negro de formas rigorosas do modista andaluz fixérono coas dúas irmáns Abascal, Naty e Ana María, xemelas e iguais coma dúas pingas de auga. Desfilaban con tal velocidade as dúas donas que a prensa norteamericana quedou coa teima da “modelo máis rápida do mundo” pois cambiaba de roupa cunha velocidade insospeitada. O misterio era que a modelo non era unha se non dúas irmás morenas, elegantes e modernas como a moda de Elio Berhanyer, a cultura de club do Boccaccio, e as capitais da moda na época París, Nova York, Barcelona, Madrid.
Román Padín Otero