MODA
CAPITAL
Non se oculta que a moda vai parella ós momentos sociais que lle toca
vestir. Arestora hai dúas exposicións que
desenrolan estas teimas das circunstancias socio culturais ou mesmo as
condicionantes económicas e políticas que inflúen na moda.
O Fashion Institute of Technology de Nova York presenta Paris,
Capital of Fashion unha
mostra dedicada a estudar o efecto da moda a través das épocas na gran capital
francesa por medio da análise de dúas centenas de obxectos e traxes. Parte a mostra ca visión da cidade no século XVIII co traxe
de terno e o traxe à la française de
1755-1760 que se contrapón a un vestido de John Galliano para Christian Dior do
outono - inverno do ano 2000-2001. Faise pois unha interpretación daquela época
cortesá onde a norma procedía do gusto do monarca e o obxectivo da alta
sociedade era triunfar na corte mentres que o desexo do demimonde era seducir nunhas catenarias de amizades perigosas.
Aquela capital era cortesá.
Logo houbo unha capital imperial baixo a española de nacemento Eugenia de
Montijo quen fora inspiración para o imperio das crinolinas deseñado por
Charles Frederick Worth, o primeiro couturier
da historia. Aquel sono de opereta durou unha breve parte do século XIX e
lixeira se pasou a moda das saias con forma de campá que lucían un diámetro de
250 centímetros! Aquelas saias eran letais pois chegaban as donas a morrer
queimadas xunta á lareira polo pouco prácticas que eran.
No século XX a moda na cidade da luz olla cara ó reinado dos orientalismos
de Paul Poiret que se trasladan ese estilo ás festas e á decoración dos
estertores da arquitectura modernista. E lle segue a cidade moderna de Coco
Chanel que impón o funcionalismo dun certo estilo internacional do tweed do
tailleur Chanel e a universalidade do petite robe noire, un traxe para toda
ocasión. Esas modas se presentan na exposición cun traxe da casa Chanel feito
en París e unha licenza autorizada idéntica confeccionada en América.
O estudo de París como capital da moda remata coa chamada golden age of haute couture, o período
de relanzamento do sector da alta costura trala Segunda Guerra Mundial veu
renacer antigas casas de costura e festexou o nacemento doutras novas como Christian Dior quen co seu New Look veu definir a natureza de
capital mundial de Paris na moda, no luxo e no estilo, dunha nova grandeur xa inventada polo monarca Luís XIV no século XVII.
Outra exposición trata do contexto social e cultural e da moda nos anos
1960 en España, concretamente Boys
against Girls no Museo del Traje CIPE de Madrid estuda os efectos da
apertura á vangarda da gauche divine catalana
dende o ano 1967 cando acaeceu un fito no desenrolo da denominada Tuset Street en Barcelona. Naqueles anos
había unha puxante escena de deseño, vangarda, arquitectura, literatura e artes
vinculada a unha alta sociedade catalá e unha poboación nova con estilo de vida
bohemio. Entre outros persoeiros andaban por alí Miguel Boix, Teresa Gimpera,
Colita, Ricardo Bofill, Terenci e Ana María Boix, Manuel Vázquez Montalbán,
Jaime Gil de Biedma, Pasqual Maragall, Oriol Bohigas, Eugenio Trias, Félix de
Azúa…la gauche divine! Naquel
escenario urbano se inaugurou entre boutiques de moda, axencias de publicidade,
oficinas de deseño, restaurantes e terrazas, a discoteca Boccaccio que se converteu nun símbolo da época que reflectía a procura
de liberdade na época e os aires cosmopolitas e intelectuais que haberían de
marcar eses anos en Barcelona. Nesa escena se celebrou un desfile no 1967 que
presentou o máis internacional da moda de vangarda da época, dende o estilo
mini Mary Quant ate as formas
futuristas de Pierre Cardin.
Outro fito na moda dos anos sesenta de
blow up dende España aconteceu grazas
ó modista Elio Berhanyer. Daquela
España baixo o réxime político ditatorial era convidada a participar nas
exposicións universais. Na volta da exposición noutra gran capital da moda, Nova York, no ano 1964, se encargou o
pavillón a un arquitecto español con forte relación ca moda por mor dos seus
deseños de mobiliario e interiores para Loewe,
Javier Carvajal era quen deseñaba a arquitectura, e alí se celebraron
desfiles de moda contemporánea.
Outras políticas outras modas
No pavillón de España en Nova York no 1964 en se expuxeron obras de arte de
numerosos artistas da época, entre outros o galego José María de Labra, Pablo Serrano, Francisco Farreras. Houbo
actuación do ballet de Antonio Gades e
tamén do cadro flamenco Zambra. Para
a ocasión se publicou un plaquette con textos de Edgar Neville e José Manuel
Caballero Bonald.
Mesmo se expuxeron naquel pavillón neoiorquino tres cadros de Pablo Picasso que foran mercados ó
galerista Kahnweiler e que están na
colección do Museo Nacional Reina Sofía nos
nosos días.
Naquel laboratorio cultural como espazo de modernidade que fuxía dun réxime
político sen liberdades, se completaba a visión cara ó futuro coa moda. Houbo
dous desfiles nos que participou Elio
Berhanyer quen presentou as coleccións primavera - verán do ano 1964 e a colección outono – inverno do
ano 1965 con grande suceso de prensa e crítica. Entre as modelos que trunfaban
naqueles anos en Nova York estaba Nati Abascal
quen desfilou para o modisto cordobés nos Estados Unidos. Nunha volta cando presentaban as modas en branco e
negro de formas rigorosas do modista andaluz fixérono coas dúas irmáns Abascal, Naty e Ana María, xemelas e iguais coma dúas pingas de auga. Desfilaban
con tal velocidade as dúas donas que a prensa norteamericana quedou coa teima
da “modelo máis rápida do mundo” pois
cambiaba de roupa cunha velocidade insospeitada. O misterio era que a modelo
non era unha se non dúas irmás morenas, elegantes e modernas como a moda de Elio Berhanyer, a cultura de club do Boccaccio, e as capitais da moda na
época París, Nova York, Barcelona,
Madrid.
Román Padín Otero
No hay comentarios:
Publicar un comentario